23 de nov. de 2025

A GUARDA

A Agrupación Musical de A Guarda celebrou brillantemente á festividade de Santa Icía

• Cun concerto do Grupo de Iniciación e da Banda de Música, na igrexa parroquial de Santa María


Grupo de Iniciación da Agrupación Musical de A Guarda

Reportaxe fotográfica: Pôzaslalo fotografías


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na tarde de onte sábado, 22 de novembro de 2025, na igrexa parroquial de Santa María, a Agrupación Musical de A Guarda celebrou o seu tradicional concerto de Santa Icía, no que participaron os integrantes do Grupo de Iniciación, coa colaboración de membros da Banda de Música, e na segunda parte do evento, a Banda da Agrupación Musical de A Guarda.

 Logo dunhas verbas da actual párroco Juan Luis Martínez Diz, fixo súa entrada o Grupo de Iniciación. 

 A continuación, dirixido por José Antonio Soutelo Muñoz, os integrantes do devandito Grupo de Iniciación, interpretaron o seguinte programa:

 •  Sway, de Michael Bublé.

 •  How to train your dragon, de John Powell

 •  The Rolling Stones to Tour, de Mick Jagger e Keith Richards.

•  Boney M. Medley, de Boney M.


                                             

Benjamín Álvarez  e Diego Vicente no momento de recibiren a insignia da Agrupación Musical de A Guarda


 Deseguido, a Agrupación Musical de A Guarda deulles á benvida a Diego Vicente (percusión) e Benjamín Álvarez (trompeta), que recibiron candansúa insignia da Agrupación Musical de A Guarda, así como os aplausos do respectable público.


Banda da Música da Agrupación Musical de A Guarda

 A continuación dese emotivo momento, e logo de que o seu director Víctor Luis Alonso Treinta, fora facendo previamente unha breve introducción, de cada obra do programa, os compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda interpretaron:

 •  Ave María, de Giulio Caccini e Vladimir Vavilov.

 •  Olé Liz, de Vitor Resende.

 •  The Phantom o the Opera, de Andrew Lloyd Webber, e arranxos de Johan de Meij.

 •  Medley Boleros II, de J. Molina Comino.

 Asemade, en nome da xunta directiva da Agrupación Musical de A Guarda, David Álvarez Martínez, salientou que a Agrupación Musical de A Guarda non sería o que é sen as respectivas achegas de José Antonio Soutelo Muñoz e Víctor Luis Alonso Treinta, profesores que levan na Agrupación Musical de A Guarda desde os seus comezos. E como recoñecemento ás súas respectivas dedicacións, fíxolles entrega de senllas batutas de ébano e prata.


Víctor Luis Alonso Treinta e José Antonio Soutelo Muñoz, coas súas respectivas batutas, recibindo os aplausos do respectable público e de todos os músicos

 Finalmente, Víctor Luis Alonso Treinta, lembrou que cada ano, desde fai dúas décadas, a Agrupación Musical de A Guarda, vén celebrando o concerto de Santa Icía, na igrexa parroquial de A Guarda, agás nos dous da pandemia.

 A continuación, efectuou unha sipnose respecto a Marcha Radetzky, referindo que "(...) é unha composición orquestral de Johann Strauss (pai), escrita no ano 1848. Foi composta en honra ao mariscal de campo austríaco conde Joseph Wenzel Radetzky, que mediante unha serie de vitorias salvou o poderío militar de Austria no norte de Italia durante a revolución de 1848-49.

Desde o 1 de xaneiro de 1946, é costume que a Marcha Radetzky sexa a peza de peche - como bis - do Concerto de Aninovo da Filarmónica de Viena (...)".

  E a continuación, a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, interpretou - tamén como bis -  a Marcha Radetzky, co acompañamento das palmadas do respectable público, nos momentos indicados polo director.  


Víctor Luis Alonso Treinta, de cara ao público, guiando os momentos das palmadas da Marcha Radetzky

  Foi así, como de xeito brillante, a Agrupación Musical de A Guarda, pechou con ese concerto, os actos conmemorativos do XX aniversario da súa presentación en público.

 Non queremos poñer o punto final a esta crónica, sen salientar que varios compoñentes veteranos da Agrupación Musical de A Guarda viñeron expresamente desde as súas respectivas localidades de residencia - por motivos persoais, maioritariamente profesionais - para participar neste concerto de Santa Icía. Son actitudes que, sen demérito de ninguén, merecen ser destacadas. 

 E queremos tamén, poñer en valor, que a composición dos membros da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda é cada vez máis interxeracional. Un magnífico xeito de compartir amizade, experiencia, veteranía e xuventude.

 Parabéns por este vinte anos e moitas grazas por tantos e tan bos momentos de cultura musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario