19 de nov. de 2025

GALICIA

A Xunta distingue a África González Fernández co galardón María Josefa Wonenburger como recoñecemento ao seu labor de investigación sobre inmunoloxía e nanomedicina 

 O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia decidiu por unanimidade premiar a esta investigadora que está considerada unha das científicas máis prestixiosas de Europa neste eido 


A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o papel de África González nas investigacións sobre nanomedicina
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger Planells á catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González. Este galardón pretende recoñecer o seu labor de investigación nas ciencias biomédicas e na nanomedicina.  

 África González (Madrid, 1962) é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá coa especialidade en Inmunoloxía ao tempo que presentaba a súa tese doutoral. Posteriormente, realizou importantes investigacións no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge onde participou na técnica de investigación da obtención de anticorpos monoclonais. No ano 1996 instalouse en Vigo na primeira área de inmunoloxía das universidades galegas e pouco despois comezou a dirixir o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) no que liderou as investigacións sobre resposta inmunitaria, inmunolóxica básica e aplicada ao desenvolvemento de vacinas.  

 A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o papel de África González nas investigacións sobre nanomedicina, sendo a cofundadora da empresa Nanoinmunotech que desenvolve tecnoloxías a partir de nanomateriais. Ademais, neste campo desenvolveu un biosensor para identificar células tumorais ou o uso das nanovacinas para tratamentos de cancro. Esta catedrática galega tamén foi presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, período no que foi finalista dos premios europeos Mulleres innovadoras, e nestes momentos forma parte da Real Academia de Farmacia de Galicia.  

 Este premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 a través da Unidade da Muller e Ciencia. Leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario