18 de set. de 2018

ENSINO

Segundo día de folga histórica na ESAD de Galiza secundada polo 100% do seu profesorado e alumnado 

Esta mañá concentráronse diante da Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra e esixiron a destitución do inspector que validou estes recortes.   

Participantes na concentración deste martes  diante da Xefatura Territorial de Educación, en Pontevedra
Foto: CIG

Infogauda / Pontevedra

 Os 34 docentes e os 170 estudantes matriculados no único centro que imparte ensinanzas superiores de arte dramático no noso país continúan en folga contra os recortes de profesorado. Este mércores día 19 de setembro, está previsto que se celebre unha reunión da Permanente da Xunta de Persoal de Pontevedra na que se abordará este asunto.  

 Tal e como lembrou esta mañá durante a concentración en Pontevedra o representante do profesorado, Afonso Becerra, “esta é a primeira vez desde que se inaugurou a Escola Superior de Arte Dramática de Galiza en 2005 que se celebra unha folga”. Os motivos mantéñense inamovíbeis dado que polo de agora nin o inspector Gustavo Lorenzo Prozzo nin o xefe territorial César Augusto Pérez Ares atenderon as reclamacións da comunidade educativa que viu como nos últimos dous anos perderon seis docentes do seu cadro de persoal. Ademais desta política sostida de recortes, portavoces do profesorado e do alumnado explicaron que desde a Consellería se lles dá o mesmo tratamento en todos os aspectos que a un instituto de Secundaria cando as ensinanzas que se imparten neste centro son equivalentes ao grao universitario. Como exemplo, unha voceira do alumnado apuntou que malia ter que cursar catro anos de ensinanzas superiores perciben unha bolsa de estudos 800 euros inferior que un estudante na Universidade. Mais tamén se volveu insistir na actitude de hostigamento e acoso que mantén o inspector de zona contra a dirección e todo o claustro deste centro e se aproveitou a concentración para volver a pedir a súa destitución e a intervención directa neste conflito do conselleiro de Educación. En palabras de Suso F. Rivas, da CIG-Ensino, “é insólito que un centro educativo arranque o curso cunha convocatoria de tres días de folga e o conselleiro non pode mirar para outro lado nin evadir as súas responsabilidades na política de persoal docente”. 

 Tras a concentración tamén interveu a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Mabel Rivera, que defendeu a dignidade da profesión e da formación que reciban os e as futuras profesionais deste sector. Así mesmo, animou a comunidade educativa a continuar con esta loita e a seguir sendo unha “profesión molesta”. 

Reunión clave na Consellería 

 O comité de folga encabezado pola CIG-Ensino fixo entrega esta mañá no rexistro dun escrito dirixido ao xefe territorial no que comina a Consellería a conceder o profesorado que pide o centro para poder comezar as clases con normalidade. Este mércores está prevista de novo outra concentración diante do edificio territorial da Xunta ás 11 da mañá. Agárdase contar con algunha novidade a respecto deste asunto, dado que ás 10 se celebrará a Permanente de Educación na que intervirá o presidente da Xunta de Persoal, Santiago Rodríguez, representante desta central sindical, que aproveitará para trasladarlle estas demandas directamente ao xefe territorial e que informará do resultado da reunión ao profesorado e alumnado concentrado nas inmediacións dos edificios da Xunta en Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario