25 de mar. de 2018

SOBER (LUGO)

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra incrementou nun 7% a produción de viño no 2017, chegando aos 3,6 millóns de litros 

Este incremento, a pesar dos episodios meteorolóxicos adversos sufridos no pasado ano, supuxo un incremento de case un 6% no valor económico xerado, que ascendeu aos 18,9 millóns de euros

A conselleira do Medio Rural asistiu, acompañada pola directora de Turismo de Galicia á XXXVIII edición da feira do Viño de Amandi, que cada ano se celebra no concello lugués de Sober

A conselleira de Medio Rural e o conselleiro de Cultura hoxe en Sober na XXXVIII edición da feira do Viño de Amandi

Infogauda / Sober

 A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron esta mañá en Sober á XXXVIII edición da feira do Viño de Amandi, onde destacou o aumento da produción da denominación de orixe Ribeira Sacra no pasado 2017 ata chegar aos 3,6 millóns de litros de viño cualificado, un 7% máis que no ano anterior.  

 Este incremento, sinalou a conselleira, supuxo un valor económico de 18,9 millóns de euros, un 5,83% máis que no ano 2016. Estas cifras, engadiu, avalan o traballo e esforzo dos viticultores e adegueiros desta denominación, que foron quen de sobrepoñerse aos episodios meteorolóxicos adversos que padeceu o sector na primavera e verán de 2017. De aí, insistiu Ángeles Vázquez, a importancia de ter contratado un seguro agrario que permita minimizar as perdas destes contratempos.  

 No marco desta festividade, a conselleira subliñou o peso e prestixio dos viños de Amandi dentro da DO Ribeira Sacra, felicitando aos organizadores deste evento que pon en valor a calidade destes caldos. Así, os viños desta subzona prodúcense en 200 hectáreas de viñas repartidas entre algo máis de 300 viticultores e 29 adegas inscritas no consello regulador.  

 DO Ribeira Sacra  

 A DO Ribeira Sacra está orientada fundamentalmente á produción de viños tintos, elaborándose tamén brancos moi interesantes. A variedade máis cultivada na Ribeira Sacra é a mencía, dando lugar a viños de gran calidade, que salientan polos seus recendos limpos, elegantes e intensos, a súa cor cereixa intensa, brillante e cun ribete púrpura. Entre os viños brancos, cunha produción menor, destacan os que se obteñen das variedades godello, albariño e treixadura.  

 A zona amparada para a produción deste viño comprende parroquias e lugares de 20 municipios situados ao longo das ribeiras do Miño e do Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense. Está constituída polas subzonas de Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario