12 de mar. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG intensifica a campaña en defensa do sistema público de pensións 

Convoca protestas este xoves para reclamar unhas prestacións dignas


Infogauda / Galicia 

 A CIG decidiu intensificar a campaña que está a desenvolver en defensa das pensións ante o grave perigo que corre o sistema público como consecuencia da ofensiva do Goberno español do PP e da gran banca para promover os plans de pensións privados. O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas convoca até 11 mobilizacións nas sete cidades e en varias vilas do país este xoves día 15 de marzo.  

 A central, que promove estas protestas no marco da campaña para reclamar emprego, salarios e pensións dignas, decidiu convocar manifestacións e concentracións nas sete cidades galegas e nas localidades de Lalín, As Pontes, Boiro e Cee en horarios que van dende as 11:00 até as 19:30 horas. No centro das reivindicacións, evitar o “roubo” das pensións públicas, garantir o nivel adquisitivo das prestacións e derrogar as últimas reformas aprobadas por PSOE e PP. 

 Entre as principais demandas salientan o adianto da idade de xubilación, como mínimo aos 65 anos; a equiparación da pensión mínima ao salario mínimo; que a actualización anual das pensións sexa equivalente, como mínimo, ao IPC; rematar coas bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións; a supresión do límite máximo de cotización para os salarios máis altos; e acabar co uso indebido dos fondos da caixa da Seguranza Social, dedicándoa a financiar as pensións contributivas, de viuvez e orfandade, e asumindo as demais pensións asistenciais e subsidios mediante os Orzamentos Xerais do Estado.  

 Neste senso, advirten que os ataques ao sistema público de pensións pretenden xustificar o seu desmantelamento para introducir plans privados destinados a enriquecer a banca e as grandes empresas e lembran que as reformas de PP e PSOE dificultaron o acceso ás pensións, empobrecéronas e atrasaron a idade de xubilación.  

 Sinalan que a pensión media en Galiza é 15 puntos máis baixa que a media estatal, situando o noso país como o segundo territorio coas prestacións máis baixas despois de Extremadura, ao tempo que critican que as mulleres sexan as máis prexudicadas ao ter vidas laborais precarias e con lagoas nas cotizacións. Finalmente, reiteran que as pensións públicas deben ser garantidas pola Administración.  

 Lugares e horarios das mobilizacións  

· A Coruña: Obelisco, 11:30h  
· Cee: Praza do Concello, 12h  
· Boiro: Praza do Concello, 11h  
· Santiago: Praza de Galiza, 19:30h  
· Ferrol: Praza Amada García (edificio Xunta), 12h  
· As Pontes: Praza do Concello, 19:30h  
· Pontevedra: Praza da Peregrina, 19:30h  
· Lalín: Praza da Igrexa, 19h  
· Vigo: A Dobrada, 18h  
· Lugo: Praza Maior, 19h  
· Ourense: Subdelegación do Goberno, 18:30h 

Ningún comentario:

Publicar un comentario