12 de mar. de 2018

MADRID

A COMUNIDADE DE MADRID ESCOLLE O ‘PLAN REVITALIZA’ DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COMO EXEMPLO DOS NOVOS RETOS E OPORTUNIDADES DA FRACCIÓN ORGÁNICA DO LIXO 

Os técnicos de residuos Carlos Pérez e María Abraldes expuxeron hoxe en Madrid a aposta pola compostaxe comunitaria do organismo provincial 

No día de hoxe o asesor de residuos provincial Carlos Pérez, xunto coa técnica María Martínez Abraldes, expuxeron a aposta pontevedresa pola compostaxe comunitaria nunha xornada técnica no Círculo de Belas Artes de Madrid
Foto: D. P.

Infogauda / Madrid

 A Comunidade de Madrid, a Federación de Municipios de Madrid e Ferrovial veñen de escoller o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra como un exemplo dos novos retos e oportunidades da fracción orgánica do lixo. No día de hoxe o asesor de residuos provincial Carlos Pérez, xunto coa técnica María Martínez Abraldes, expuxeron a aposta pontevedresa pola compostaxe comunitaria nunha xornada técnica no Círculo de Belas Artes de Madrid á que asistiron técnicos, concelleiros, persoal funcionario e de diferentes concellos madrileños para tomar nota do modelo e da súa posible aplicación nos seus territorios.  

 Pérez e Abraldes indicaron que o Plan Revitaliza da Deputación xa implica a 36 concellos da provincia que teñen como obxectivo aplicar a compostaxe como modelo de xestión de lixo de cara a 2020 co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas. Nestes momentos, lembraron que son seis os concellos máis avanzados: Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra.   

 Na súa exposición baixo o epígrafe ‘Como o están a facer’, Carlos Pérez subliñou que o transporte dos residuos é a día de hoxe unha das partes máis caras do custe do lixo para os municipios de Pontevedra. Así mesmo, explicou que a conclusión de que a compostaxe era o mellor modelo de xestión para a provincia foi moi analizada: baseouse fundamentalmente no peso que ten o orgánico na bolsa do lixo urbana (supón o 53%, unha cifra maior que noutras localidades), na existencia de puntos de xeración de residuos moi dispersos, así como na presenza maioritaria de vivendas unifamiliares nas que é posible facer o tratamento do orgánico in situ, a quilómetro cero. Pérez defendeu, así, que a descentralización do tratamento era a solución e argumentou que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais.  

 Pérez destacou tamén que dende a chegada ao goberno da Deputación de Pontevedra lévanse instalados practicamente 60 centros de compostaxe comunitaria (CCC) en 21 concellos da provincia co obxectivo de que a cidadanía puidese comprobar as súas bondades, e que en breve  a cifra vai multiplicarse exponencialmente con máis CCC e composteiros individuais. 

 Por outra parte, Pérez tamén falou dos custes do proceso da compostaxe e dos cambios necesarios nas taxas municipais, cuestións que deben ser abordadas de xeito individual por cada un dos concellos que se implican no Plan Revitaliza. Destacou que a día de hoxe a práctica totalidade dos municipios pontevedreses non financian nin a metade do custe do servizo cos recibos abonados pola cidadanía.  

 Na xornada ‘A fracción orgánica. Novos retos, novas oportunidades’ participaron tamén como relatores o conselleiro de Medio ambiente, Administración Local e Ordenación do Territorio da Comunidade de Madrid, Pedro Rollán; o presidente da Federación de Municipios de Madrid, Guillermo Hita; o abogado experto en lexislación medioambiental Santiago Garrido; o comisionado do Goberno para o cambio climático, Mariano González; a responsable de Contratación e o director de proxectos de Ferrovial Servicios María José Coello e Jorge Tintoré; o xerante da Mancomunidade de San Marcos, Pedro Ugartemendia, que falou de ‘Xestión de éxitos e fracasos’; o director de Planificación Estratéxica da Axencia de Residuos de Cataluña, quen falou de ‘O reto dunha comunidade autónoma’; o secretario xeral da FMM Juan Carlos Muñoz; e o director xeral de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid, Diego Sanjuanbenito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario