24 de maio de 2017

PONTEVEDRA

O ENCONTRO DA REDE ESPAÑOLA DE ‘CIDADES DOS NENOS E DAS NENAS’ DO PROXECTO TONUCCI REÚNE  EN PONTEVEDRA A UN CENTO DE REPRESENTANTES DE TODO O ESTADO   

O vicepresidente Mosquera explicou que este xoves os participantes coñecerán in situ o ‘modelo Pontevedra’ con visitas e un relatorio 

O venres definirase a organización e os requisitos que deben cumprir administracións e entidades para permanecer dentro da rede   

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pòntevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O Encontro da rede española de ‘Cidades dos nenos e das nenas’ do proxecto do pedagogo Francesco Tonucci reunirá este xoves e venres en Pontevedra a preto dun cento de representantes de concellos e diferentes entidades de todo o estado. A intención deste encontro é poñer en común o traballo feito durante o último ano no desenvolvemento de políticas que permitan aumentar a autonomía das crianzas tanto dende o punto de vista educativo como do espazo urbano.  

 Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, o encontro celébrase en Pontevedra logo da decisión unánime tomada na edición do pasado ano tras a proposta do propio Francesco Tonucci, que considera Pontevedra o exemplo práctico dunha cidade pensada e feita para os nenos e nenas e, en xeral, para as persoas. O vicepresidente explicou que en Pontevedra a reunión da rede en Pontevedra durará dous días por ese motivo: “Por petición de Tonucci o día de mañá estará case dedicado a coñecer e ver que se fixo en Pontevedra. O seguinte día o traballo será xa máis interno para os concellos e apropia organización para o Laboratorio de Roma”, indicou.  

 Así, a xornada de mañá comezará cunha recepción oficial aos asistentes –principalmente aos de fóra da provincia- por parte da presidenta Carmela Silva e continuará con visitas guiadas pola cidade a cargo do asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole, e do intendente da Policía Local, Daniel Macenlle. Posteriormente, realizarase unha visita guiada á exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ e visitarase o contorno da Praza de Barcelos para coñecer a transformación dese espazo público tras unha proposta dos rapaces e rapazas do centro escolar. Xa pola tarde, haberá un relatorio sobre o ‘modelo Pontevedra’ a cargo do vicepresidente e concelleiro en Pontevedra César Mosquera e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez.  

 O venres comezará propiamente o traballo interno da rede, con sesións diferenciadas de debate en tres seminarios: autonomía, onde se falará dos camiños escolares; planificación compartida e espazo público, onde se plantexarán as actuación urbanísticas dos concellos; e ‘consello das nenas e nenos’, a fórmula que propón Tonucci para artellar a comunicación entre as propostas das crianzas sobre a súa cidade e os seus alcaldes. Xa pola tarde o debate xirará arredor do funcionamento da rede española de cidades no relacionado á súa estrutura e esixencias e condicionantes para poder permanecer dentro do proxecto de ‘Cidades dos nenos e nenas’. 

 O vicepresidente Mosquera subliñou que, ata o de agora, houbo concellos “que fixeron máis ben pouco” en canto a apostar por deseños urbanos válidos para as crianzas, polo que debaterase a posibilidade de facer máis ríxidos os criterios de adhesión e permanencia, incluso valorando unha cota económica de participación. “No Laboratorio de Roma non teñen interese en aumentar o número de cidades adheridas, senón de que se apliquen os conceptos e se traballe na dirección correcta”, asegurou.  

 Finalmente, Mosquera puxo sobre a mesa a posibilidade de que a Deputación de Pontevedra se faga cargo da organización e dirección da rede española. “É posible que a Deputación se presente como cabeceira, pero hai que ver o interese que hai na reunión e tamén valorar as nosas posibilidades de actuación”, finalizou. 

 Asistentes 
No Encontro da rede de ‘Cidades dos nenos e nenas’ estarán presentes representantes das universidades de Santiago, de Vigo, do País Vasco e Zaragoza, así como do Innobasque, do Parque das Ciencias de Granada, do Museu Blau de Barcelona, e a Asociación Pedagóxica Frato, como entidades. En canto a administracións locais haberá representación de Granada, Picanya, Rubi (Barcelona), Bilbao, Aldaia, Lleida, Fuerteventura, Barcelona, Carbajosa de la Sagrada (Salamanca), Solasgune (Biscaia), Xaén, Erandio, Guipúscoa, Huesca, Tolosa, Ermua e outras localidades estatais, xunto con membros da rede provincial xestionada pola Deputación (Pontevedra,Tomiño, Cambados, Nigrán, O Grove, Catoira, A Guarda, Silleda, Arbo, Redondela, Salceda de Caselas, Lalín, As Neves, Ponteareas e Cangas). 

 Dende Italia estarán presentes tres representantes do Laboratorio Internacional do Consiglio Nazionale delle Ricerche de Roma (Daniela Renzi, Antonella Prisco e Chiara Belingardi), así como dúas representantes da Regione di Lazio, AlessiaPaplomatas e Marta Letizia, que traballarán a modo de coordinación co proxecto de Tonucci en Roma. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario