24 de maio de 2017

GALICIA

A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude do Bono Concilia ás familias con fillos e fillas menores de tres anos 

A Consellería de Política Social destina máis de 3,4 millóns de euros a esta axuda, que permite sufragar o custo dunha praza en escolas non financiadas con fondos da administración a aquelas familias que non obtiveran praza pública nunha escola infantil de cero a tres anos 

Como novidade este ano, habilitase a posibilidade de conceder o bono a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria  

Ademais, amplíanse os supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo e ábrese a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes


Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse do Bono Concilia, unha axuda económica directa ás familias que permite sufragar o custo dunha praza nunha escola infantil de 0 a 3 anos non sostida con fondos públicos destinada a aquelas que non obtiveran praza financiada pola administración para os seus fillos ou fillas ou que residan en concellos onde non hai un recurso público deste tipo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas axudas, que forman parte das medidas do Programa de apoio á natalidade que está a desenvolver o Goberno galego.
 A contía total desta nova convocatoria do Bono Concilia ascende a 3.489.200 euros, aínda que é ampliable no caso de que sexa necesario para atender a todas as solicitudes que se reciban e cumpran cos requisitos. O obxectivo é conseguir, como no actual curso, que todas as familias solicitantes dunha praza para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos a obteñan e que non exista lista de agarda. Con carácter xeral, as persoas interesadas teñen un mes de prazo para pedir esta achega.
 A orde destas axudas para o vindeiro curso 2017-2018 presenta diversas novidades co obxectivo de chegar ao maior número de familias posibles. Deste xeito, habilitase a posibilidade de conceder o Bono Concilia a nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria e teñan concedida a flexibilización da duración do período de escolarización. Así mesmo, amplíanse os supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo e ábrense a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción do neno ou nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes fronte á esixencia de ter que residir en concellos onde non existan escolas infantís de cero a tres anos sostidas con fondos públicos da convocatoria anterior.
 Para ser beneficiarias, as persoas solicitantes deben ter unha nena ou neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 e para a obtención da axuda, teñen prioridade aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización. Tamén poden optar ao bono aquelas familias nas que as dúas persoas proxenitoras traballen en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que con dereito a praza pública, esta non lles resolva as súas demandas de horario.
 O Bono Concilia promove o dereito á escolarización de irmáns/ás nun mesmo centro para facilitar a conciliación das familias. Así as solicitudes para nenos e nenas que xa contan cun irmán ou irmá nun centro, terán posibilidade de opción directa ao bono concilia nese centro.
 A contía que se percibirá por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros (con comedor) para as rendas máis baixas. Cómpre destacar que o Bono Concilia é compatible con outras axudas que poidan recibir as familias para a mesma finalidade sempre que non superen o custe da praza. 
 Na anterior convocatoria beneficiáronse desta medida 2599 persoas.

 Máis recursos para a infancia e a conciliación

 O programa Bono Concilia constitúe un recurso máis que a Xunta de Galicia pon a disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral. Esta axuda é complementaria á rede de escolas infantís dependente da Xunta de Galicia, que contará no vindeiro curso cun total de 166 escolas nas que se ofertarán 9739 prazas públicas. Esta rede, complétase coas 424 prazas concertadas en 23 centros privados e coas preto de 2700 prazas en 48 centros educativos dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS).
 Por outra banda, a través do Plan Concertado, a Administración autonómica contribúe na actualidade ao financiamento dun total de 121 escolas infantís e puntos de atención á infancia que xestionan as corporacións locais.
 En total, o número de prazas en escolas infantís que dependen da Xunta ou nas que participa a administración autonómica ascenderá o vindeiro curso escolar a un total de 22.439, o que supón un incremento 123 prazas con respecto ao curso actual.
 Hoxe en día, Galicia supera a ratio aconsellada pola Unión Europea en canto a prazas en escolas infantís. Desde o ano 2009 a Administración autonómica aumentou a ratio de cobertura un 18,29%, pasando do 19% ao 37,29% actual. Ademais, no vindeiro curso, a rede de escolas infantís alcanzará unha cobertura do 38% dos nenos e nenas galegos de cero a tres anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario