24 de maio de 2017

PONTEVEDRA

MÁIS DE 4.000 PERSOAS PASARON XA POLA EXPOSICIÓN SOBRE FRANCESCO TONUCCI ‘IMAXINAR A EDUCACIÓN.50 ANOS CON FRATO’ NO PAZO DA CULTURA  

Preto de 90 escolares do CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa participaron hoxe no ‘roteiroTonucci’ xogando por toda a cidade de Pontevedra da man de Migallas  

Os pequenos e pequenas realizaron un consello de nenos e nenas e pediron ao seu alcalde “menos coches e máis sitios para xogar”, piscinas, zonas verdes e menos contaminación 

Hoxe participaron hoxe no segundo ‘roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra preto de 90 rapaces do CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A exposición ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato’ que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci foi vista xa por máis de 4.000 persoas, segundo o primeiro balance estimado realizado pola organización. Nesta cifra cóntanse tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciños e veciñas de Pontevedra e outros concellos. A intención, segundo manifestou o vicepresidente Mosquera, que mostrou a súa satisfacción pola excelente acollida, é acadar unhas 7.000 visitas de aquí a que remate a mostra o vindeiro 11 de xuño.   

 A mostra está a resultar todo un éxito posto que fai un percorrido polas viñetas máis representativas de Francesco Tonucci–asinadas co seudónimo de Frato dende hai 50 anos-, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos das crianzas. Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos para que nenos e nenas desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todos os visitantes. O que se busca, principalmente, é a interacción.  

 A exposición está aberta ao público no Pazo da Cultura, de balde, durante todos os días da semana nos seguintes horarios:  

Luns: de 10 a 14 horas.  
Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Domingos: de 11 a 14 horas.  

Roteiro Tonucci con escolares de Vilanova 
 Ademais da exposición do Pazo da Cultura, a Deputación segue a realizar diferentes actividades complementarias da man de Migallas Teatro. Hoxe participaron hoxe no segundo ‘roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra preto de 90 rapaces do CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa, coa intención de que pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade dos nenos e das nenas polo o pedagogo italiano, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche. 


 A xornada comezou no Pazo provincial e despois das presentacións, nenos e nenas, a modo de xincana, percorreron as prazas da cidade buscando pistas, xogando, bailando e cantando ata chegar á Praza da Pedreira. Polo camiño celebrouse un pequeno ‘consello dos nenos’ como o que propón FrancescoTonucci para que pequenos e pequenas aporten a súa visión da cidade e colaboren co alcalde no seu deseño. Nesta ocasión as peticións para o alcalde de Vilanova foron “menos coches e máis sitios para xogar”, menos contaminación, máis zonas verdes e árbores, así como tamén máis piscinas.  

 A xornada de mañá rematou pouco antes das dúas da tarde na Praza da Pedreira onde, divididos en grupos, os pequenos e pequenas realizaron diferentes xogos tradicionais: peletre, birlos, chave, corda, caixas, barquiños de papel…

 Está previsto que no día de mañá realicen este roteiro escolares do concello de As Neves. Foi preciso suspender o roteiro do venres por mor da chuvia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario