22 de abr. de 2024

O BAIXO MIÑO

RUTAS PARA MANTER NA MEMORIA: De Torroña (Oia) a Cristelos (Tomiño) 


Nesta camiñada teatralizada, Moncho Leal acompañounos durante todo o camiño magnificamente caracterizado como o esmolante Afranio do Amaral e como o deputado Alonso Ríos



 Helena Pousa* 

 A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña organizou unha nova Ruta do Sr. Afranio, nome co que se ocultou o deputado agrarista Antón Alonso Ríos para fuxir da persecución dos falanxistas.  


Moncho Leal caracterizado como o Siñor Afranio

 Neste sábado pasado, 20 de abril, desandamos os camiños que o deputado Antón Alonso Ríos percorreu disfrazado de esmolante portugués, xunto co alcalde de Tui, Guillermo Vicente de Santiago. Ambos os dous comezan esta terrible fuxida despois de entraren o día 26 de xullo as tropas sublevadas en Tui e iniciaren a conquista do Baixo Miño. A historia que relata Antón Alonso Ríos na obra O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, publicada na editorial Castrelos, en 1979, e reeditada polo concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra en 2019, permitiunos trazar dúas rutas polas zonas en que andou escondido.  

 A primeira ruta xa a fixemos no ano pasado por terras de Castro Laboreiro (Melgaço), a onde conseguiu chegar depois dun longo periplo por terras de Galicia. E agora neste mes de abril proxectamos unha nova ruta pola zona en que andou fuxido desde o 29 xullo de 1936 ata case o final da guerra. Nesta camiñada teatralizada, Moncho Leal acompañounos durante todo o camiño magnificamente caracterizado como o esmolante Afranio do Amaral e como o deputado Alonso Ríos. Nos monólogos da súa excepcional representación, coma se fose o propio Alonso Ríos, ía expoñendo como se ocultou desde o 29 de xullo nos montes de Torroña e Vilachán do Monte, e como logrou sobrevivir e despistar aos falanxistas que puxeran prezo á súa cabeza. E aínda que seguían de preto os seus pasos, como logrou despistalos grazas á axuda de moitas persoas que o coñecían por ser un famoso agrarista, persoas xenerosas e destemidas que lle deron comida e o acolleron nas súas casas. 




 Durante toda a mañá do día 20 fomos pasando por algúns dos lugares que menciona nas súas memorias. Iniciamos o percorrido na casa da Donata, en Torroña, unha muller que vivía coa súa irmá e a súa nai, mulleres valentes que o acolleron a pesar do enorme perigo. Desde alí continuamos por outros  camiños ata Cristelos, onde finalizamos a camiñada cun xantar fraternal na escola, moi preto da casa do Bouzada, outro amigo que lle deu refuxio. 




 Neste novo itinerario tamén participaron como guías Carlos Oliveira e Xilberte Manso do IEM, que ofreceron aos participantes explicacións sobre a flora e fauna endémica da zona, sobre mámoas e petróglifos, e sobre a importancia cultural dos curros e os cabalos salvaxes, que son únicos no mundo.  

 Con esta actividade quixemos lembrar de novo un grande republicano comprometido cos labregos do Baixo Miño, que conseguiu risparse das gadoupas dunha morte segura a mans dos falanxistas, ao igual que o seu amigo Justo Estévez Martínez, mestre na Picoña, do que se despediu en Tebra e andou coma el agochado en diferentes lugares, ata que se reencontraron no exilio, en Bos Aires. 

Da Comisión pola Recuperación da Memoria do Baixo Miño, O Condado e A Louriña 

Ningún comentario:

Publicar un comentario