HOMENAXE PÓSTUMA A MANUEL ALONSO ALONSO
• Unha placa de bronce - que será colocada no Estadio Municipal A Sangriña - lembrarao pola súa dedicación ao club Sporting Guardés
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Por iniciativa da xunta directiva do Sporting Guardés e coa colaboración do Concello de A Guarda, no intermedio do encontro de fútbol que este domingo día 21 de abril de 2024, no Estadio Municipal A Sangriña, disputaron o Sporting Guardés e a U.D. Ribera; tivo lugar unha homenaxe póstuma a Manuel Alonso Alonso, prezado colaborador e seareiro incondicional do Sporting Guardés, que faleceu o día 23 de febreiro de 2024, aos 86 anos de idade.
O devandito acto contou coa asistencia de Cielo Sesto Álvarez, viúva de Manuel Alonso Alonso; súa filla Cielo Alonso Sesto, e unha das netas da persoa homenaxeada; o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas. Tamén participaron o presidente do Sporting Guardés, Víctor Manuel Lomba González; xogadores da base e do equipo senior do club; os colexiados do encontro; e membros dos grupos O Trebón dos Xidos e Imoslá.
En nome do Concello de A Guarda, o alcalde e o concelleiro de Cultura e Deportes, fixéronlle entrega dunha placa de bronce á familia de Manuel Alonso, que en días vindeiros será colocada na parte interior do acceso ao Estadio Municipal A Sangriña.
A continuación, membros dos grupos O Trebón dos Xidos e Imoslá interpretaron "O Son do Ar". E para amenizar o descanso, un pasodobre, unha muiñeira e unha rumba.
Todo iso, en presenza dos seareiros do Sporting Guardés e da U.D. Ribeira, que cos seus aplausos expresaron o acerto da iniciativa levada a bo termo en lembranza de Manuel Alonso Alonso.
Por certo, o encontro remataría co resultado de 1-0.
Ningún comentario:
Publicar un comentario