23 de abr. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Proxección do documental “Segadores da Órrea en Terras de Castela. Unha historia de heroes” 

 O sábado, 27 de abril, ás 20:00 hora, na Casa Social da Comunidade de Montes de Camposancos  




Comunidade de Montes / Camposancos

  O vindeiro sábado día 27, ás 20:00 horas, terá lugar na Casa Social da Comunidade de Montes de Camposancos a proxección do documental “Segadores da Órrea en Terras de Castela. Unha historia de heroes”.

 O devandito documental trata sobre unha das modalidades da emigración galega, a que protagonizaron entre 30.000 e 60.000 galegos ao ano -os investigadores difiren nas cifras-, que se trasladaban a Castela para participar na seitura do trigo e da cebada. A maioría procedían das provincias de Ourense e Lugo, de lugares como Riotorto, A Pontenova, Guitiriz, Friol ou Vilalba, mais tamén, en menor cantidade, do resto de Galicia. Os traballadores galegos tiñan boa fama en Castela, onde chegaban tamén xornaleiros de Andalucía ou Aragón. Foi esta unha migración de tempada, ou “anduriña”, que durou 300 anos, ata a década dos 60 da pasada centuria. Este traballo temporeiro veu remediar as dificultades de moitas familias, pois en 40 ou 50 días de xornal “gañábase o mesmo que en todo o ano traballando na casa”, como asegura algunha das testemuñas que participan no documental. Mentres os cabezas de familia emigraban a Castela ou a Portugal, na casa quedaban as mulleres, que cargaban co peso da facenda atendendo dos rapaces, dos maiores, dos parentes enfermos; coidando do gando e do traballo da terra. Rosalía de Castro deixou reflectida nuns versos ben coñecidos esta faceta da emigración que narra o documental: “Castellanos de Castilla / tratade ben aos galegos / cando van van coma rosas / cando vén, vén coma negros“

Ningún comentario:

Publicar un comentario