18 de abr. de 2017

PONTEVEDRA

O goberno de Carmela Silva aproba axudas de 450.000 € para oito municipios ó abeiro do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra 

Coa concesión destas axudas a Deputación leva investidos case 2 millóns de euros dentro da liña 2, destinada a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente 



Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de aprobar 450.000 € ao abeiro do Plan Concellos 2017, correspondente á liña 2 destinada á amortización, pagamento de débedas e gasto corrente, así como os gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas e sociais. Con esta última partida, a institución provincial leva investidos máis de 1,9 millóns dos  6.180.000 € previstos este ano para a liña 2, un 32,31% do total do Plan.  

 En concreto, as axudas, que ascenden a un total de 432.930,51 € foron destinadas aos concellos de Ponteareas, A Estrada, Gondomar, Crecente, Cuntis, Cambados, Cerdedo – Cotobade e Nigrán.  

 No caso de Ponteareas, a achega é de 12.082,15€ e servirá para a reparación do rego existente no campo de fútbol de Pardellas. Os 14.420,20€ aprobados para o Concello da Estrada repartiranse entre a XLIV Festa do Salmón, as marcas cicloturistas BTT "Rapa das Bestas e Salmón" e "Festa da bicicleta", a Cabalgata de Reis, a festa do Año ao Espeto, para o VIII Campus Deportivo de Verán, os torneos 3x2 Festas de San Paio e de tenis, o circuíto de carreiras, o ciclo "Ruralizarte" e para a Festa Cabalar de Pascua e San Martiño. O Concello de Gondomar recibirá un total de 12.771,29€ que serán investidos nun obradoiro de ximnasia de mantemento para persoas maiores, na V Carreira a prol da corresponsabilidade, para o Gondoverán 2017 e  nun obradoiro de informática para maiores. Pola súa parte, Crecente recibirá 20.002,02€ para o financiamento do gasto corrente dos servizo municipais.  

 A maior partida aprobada é a do concello de Cambados, cun total de 138.554,85 para acredores de gasto corrente, para a Festa do Samaín e do Magosto, para a festa dos maios, para a Semana Santa en Cambados, para a Festa da Vieira, para as Letras Galegas, para o Entroido 2017, para a Festa do Albariño e para o Nadal 2017.  

O municipio de Cercedo - Cotobade recibirá 22.000 € destinados ao programa "Maxia no Verán", ao Día do Neno, á Festa do Nadal, á Festa do Antroido, para a proba deportiva Transgalaica, para a VIII Festa do Petote e á XI Feira de Cuspedriños.  

 A subvención de 76.100€ concedida a Nigrán investiranse no 100 aniversario de Parranda de San Pedro, no programa municipal de canguros, no campamento e a ludoteca, na III Milla Solidaria Anemia de Fanconi, no "Flota como poidas", no "Ano Carlos Casares", no programa "Música no camiño", no festival "Nigrán Música", no "Nigrán Orienta", tamén servirán para financiar a carreira nocturna, os Premios Nigrán 2017, a a travesía a nado Costa Serena, o II Trail e BTT Nigrán 2017, o Entroido Nigrán 2017, o festival de música NigránJazz e o Nigrán Area,  a Festa de San Fiz,  a exposición " A outra cara de África" e o proxecto Ramsar. Por último, o Concello de Cuntis recibirá 5.000 € destinados á Romaría do Cabalo 2017. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario