29 de abr. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS SEGADORES EN CAMPOSANCOS 


Vista da asistencia á proxección do documental “Segadores da Órrea en Terras de Castela. Unha historia de heroes”, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos

Informa (Fotografía e redacción): Asociación de Veciños/as de santa Comba da Órrea 

 O documental sobre os nosos segadores chegou este sábado, día 27 de abril, a Camposancos - A Guarda. Fomos alí invitados pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, unha entidade que - a diferenza do que sucede na nosa comarca, onde xa non existen os montes comunais - xestiona unha grande extensión de monte, logrando tamén que os beneficios revertan na parroquia. Camposancos é, ademais, unha das 8 entidades locais menores de Galicia, parroquias que elixen nas eleccións municipais os seus propios dirixentes, algo que se ten pedido - reiteradamente e desde amplos sectores - que se faga en todas as parroquias galegas. 

 O caso é que fomos moi ben recibidos por estas persoas amigas, a través da mediación do profesor da Universidade da Coruña e veciño do lugar, Xosé Manuel Malheiro, asistindo á presentación, á proxección e ao debate posterior medio cento de persoas que participaron activamente cos seus comentarios e valoracións nun acto ben interesante e enriquecedor para todos nosoutros/as. Estaban presentes tamén algunhas persoas próximas da nosa comarca que traballan pola zona. 

 En Camposancos e no Baixo Miño en xeral existiu tamén a emigración temporeira a Castela, e mesmo nos contaron que os segadores viaxaban andando a través de territorio portugués, pero sobre todo existiu outro tipo de emigración parecida protagonizada polos telleiros ou cabaqueiros, que pasaban meses fóra das súas casas. No transcurso do debate púxose de relevo o paralelismo entre estes dous fenómenos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario