IGREXA DE SANTA MARÍA DA GUARDA, DO INVESTIGADOR E XORNALISTA ANTÓN FERREIRA LORENZO, SUBLIME ACHEGA AO COÑECEMENTO PATRIMONIAL ECLESIÁSTICO GUARDÉS
• O libro - editado por ANABAM - foi presentado na Casa dos Alonso
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Tras varios anos de pescuda en diferentes arquivos, imprescindible para poder recompilar os datos históricos necesarios para armar un traballo digno que contribúa ao coñecemento e a divulgación do patrimonio eclesiástico da igrexa matriz guardesa; na tardiña de onte, venres 26 de abril de 2024, no salón de plenos do Concello de A Guarda, tivo lugar o acto de presentación do libro Igrexa de Santa María da Guarda, da autoría do dilixente investigador e xornalista guardés Antón Ferreira Lorenzo, e que vén de editar a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), contando cunha subvención parcial do Concello de A Guarda.
O acto, que foi seguido por unha representación da cidadanía de O Rosal, Oia, Tomiño e A Guarda, contou, en primeiro lugar, coa participación do profesor e historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez.
Na súa intervención, Villa Álvarez, debullou algunhas das características (100 páxinas, abundancia de imaxes a cor,...), da publicación que o autor doou a ANABAM, de tal xeito que o importe que se recade coa venda do libro irá para esa asociación conservacionista, da cal Antón Ferreira é membro fundador e activo colaborador.
Villa Álvarez, doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, referíuse tamén ao contido do libro (apuntamentos históricos da igrexa, percorrido histórico artístico da mesma,...), e mencionou o interese dos datos referidos as listaxes de párrocos e sancristáns.
Con todo, Villa Álvarez anotou que como precedente a este novo libro de Antón Ferreira Lorenzo, vemos «La Iglesia de La Guardia», da autoría do cóengo Juan Domínguez Fontela, que en 1929 publicou o semanario local La Voz del Tecla.
Villa Álvarez, mencionou a bibliografía da autoría de Antón Ferreira Lorenzo (As marcas dos mariñeiros da Guarda (1995); Guía del monte de Santa Trega y su museo (en unión de Luis Dorado Senra) (1998, 2ª ed.); Guía didáctica do monte Santa Trega; Útiles e aparellos do Museo do Mar da Guarda; amén dun libro poemario titulado: Ondas do noso mar), toda ela editada por ANABAM.
De xeito, obviamente moi breve, o interviniente tamén mencionou a sinatura de Antón Ferreira Lorenzo en infinidade de artigos en diferentes publicacións.
Respecto a súa presenza, nese acto Villa Álvarez dixo: "A razón de estar eu aquí, porque no libro non axudei en nada, é por amizade".
Tamén destacou de Antón Ferreira Lorenzo "Tres facetas (as tres As):
Amante da Guarda (natureza, cultura, historia, patrimonio, etc.).
Altruísta (bo e xeneroso).
Autodidacta (traballo de campo e lecturas)".
Na descrición do perfil do autor salientou súa participación en asociacións:
Agrupación Cultural Guardesa. Membro fundador e secretario varios anos, e un dos encargados da sección de patrimonio; Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM). Socio fundador, colaborador, textos, fotografías, saídas de campo...; Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. Socio colaborador e promotor do seu famoso Boletín Informativo.
A continuación Villa Álvarez mencionou á faceta de Antón Ferreira Lorenzo como xornalista (correspondente), tanto nas ondas radiofónicas (Radio Galega e Radio Municipal de Tui); na prensa escrita (A Peneira e Atlántico Diario - dende o nº 0 -, onde segue); i en Internet (Galiciasuroeste. 1ª páxina web de información xeral da Guarda), ao longo duns quince anos: 2000-2013).
Xa no tramo final da súa intervención, Joaquín Miguel Villa Álvarez dixo que Antón Ferreira Lorenzo é un dos promotores do Camiño Portugués pola Costa e 1º Hospitaleiro Voluntario (A fronte do albergue da Guarda, día e noite), e que fixo 23 camiños xacobeos.
Como colofón a súa intervención sobre Antón Ferreira Lorenzo, citou a Miguel de Cervantes, e dixo: «Quien anda mucho y lee mucho, ve mucho y sabe mucho».
As verbas pronunciadas por Joaquín Miguel Villa Álvarez foron premiadas cos aprausos dos asistentes.
A continuación sería Antón Ferreira Lorenzo, quen ademais de agradecerlle a Villa Álvarez súa intervención, fixo un percorrido histórico - con apoio de imaxes fotográficas - pola cronoloxía da igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, patróns e benfeitores; súa arquitectura e bens patrimoniais,...; descubrindo - como xa o fixera o sábado 27 de maio de 2023, na visita guiada realizada in situ, tanto no exterior como no interior do templo parroquial guardés -, pormenores que sen seu labor de investigación pasan inadvertidos para a práctica totalidade das persoas.
Logo da presentación do libro, foron postos á venda exemplares do mesmo, que o autor asinoulles aos asistentes alí presentes que llo solicitaron.
Todas as persoas que desexen adquirir esta interesante publicación, poderán facelo nos vindeiros días nas librerías da localidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario