13 de feb. de 2017

LABORAL

A CIG convoca unha manifestación en Vigo dentro da campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais 

A marcha terá lugar este mércores día 15 de febreiro, dende A Dobrada ás 20:00 horas 

Anxo Igrexas e Alberto Gonçalves, na rolda de prensa de hoxe
Foto: CIG-Vigo

Infogauda / Vigo

 A CIG-Vigo desenvolverá unha manifestación este mércores día 15 de febreiro, dentro da campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais que desenvolve a central a nivel galego. A mobilización, que terá continuidade noutras comarcas do país, arrincará dende A Dobrada ás 20:00 horas e rematará na farola de Urzaiz. 

 A marcha foi presentada hoxe diante dos medios de comunicación polos secretarios Comarcal e de Organización, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas. Os responsábeis sindicais explicaron que a mobilización fai parte da campaña pola recuperación de dereitos laborais e socias que desenvolve a CIG e que se iniciou o pasado día 28 de xaneiro coa manifestación en defensa das pensións que percorreu as rúas de Santiago. 

 Gonçalves botou man das cifras para argumentar sobre a necesidade de impulsar cambios nas políticas económicas e de emprego, que pasarían por derrogar as reformas laborais e da negociación colectiva. Segundo denunciou, no conxunto da área de influencia da comarca viguesa hai máis de 80.000 persoas no paro. “Moitas delas son paradas de longa duración e xa non ingresan ningún tipo de prestación, o que fai que se atopen en risco de exclusión social”, alerta. 

 Fronte a isto, reclama un plan de desenvolvemento industrial para a comarca no que se potencie a investigación, o desenvolvemento e a inovación e a intervención pública directa en sectores estratéxicos como o naval. 

 Ademais, sinalou que coa protesta tamén se pretende expresar a necesidade de defender os servizos públicos, nomeadamente o ensino e a sanidade. “Queremos que o hospital Álvaro Cunqueiro sexa público ao 100% e que conte co equipamento necesario para ofrecer unha atención de calidade”. Finalmente, amosou o seu convencemento de que a celebración do vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, será un punto de inflexión de cara á convocatoria dunha folga xeral para antes do verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario