13 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia lamenta que os obstáculos da Deputación de Pontevedra impidan un investimento de 5 millóns en Lourizán 

O Goberno autonómico considera que o cambio de postura da institución provincial tumba unha oportunidade única para recuperar un pazo emblemático

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confía en que o centro de investigación aínda se poida poñer en funcionamento noutro lugar da comarca de Pontevedra 

Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, aplauden o clima de corrección institucional pese ao fracaso da xuntanza

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza no organismo provincial coa presidenta da institución, Carmela Silva; o seu vicepresidente, César Mosquera, e o deputado Carlos López Font, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.


Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou hoxe que o cambio de postura da Deputación de Pontevedra e os seus obstáculos vaian impedir un investimento de cinco millóns de euros na recuperación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Rueda mantivo hoxe unha xuntanza no organismo provincial coa presidenta da institución, Carmela Silva; o seu vicepresidente, César Mosquera, e o deputado Carlos López Font, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
 Ao remate do encontro, Rueda revelou que o compromiso recollido no Pacto Ambiental firmado entre a Xunta e a empresa Ence para a restauración do Pazo de Lourizán non ten posibilidades de saír adiante despois de que a Deputación asegurase taxativamente que se da institución dependía o centro de investigación previsto no edificio non sería unha realidade, xa que calquera permiso que fose necesario para a súa posta en funcionamento sería denegado. Cómpre recordar que a Deputación é a propietaria do Pazo e que o convenio de colaboración subscrito entre o organismo provincial e a Xunta de Galicia remata en 2021.
 O vicepresidente da Xunta lamentou que a Deputación cambiase de idea despois de que o seu vicepresidente insistise en varias declaracións públicas que o organismo provincial non presentaría problemas para o investimento, e recordou que o Goberno autonómico puxo todo da súa parte para que a recuperación do Pazo fose unha realidade, acudindo á xuntanza onde a Deputación quixo e cos interlocutores que a Deputación quixo. Rueda sinalou que non ten sentido insistir nesta idea se o dono do inmoble de Lourizán, que é a Deputación, non está de acordo.
 O centro de investigación incluía tres laboratorios, unha planta piloto, unha sala de reunións, un área común e unha sala de conferencias. Permitiría a creación dun centro de referencia en toda España, a restauración do Pazo de Lourizán e todo elo sen que a titularidade do inmoble deixase de ser pública.
 O compromiso forma parte do pacto ambiental firmado entre a Xunta e a empresa Ence polo que o Goberno autonómico conseguiu, entre outras cousas, unha liña de axudas de 180 millóns de euros para repartir entre os colectivos de Pontevedra, Marín e Poio durante os próximos 60 anos.
 Rueda, quen agradeceu o ton de corrección institucional co que se desenvolveu a reunión, manifestou o seu desexo de que, xa que o centro de investigación non se pode poñer en funcionamento no Pazo de Lourizán, si poida ser resituado noutro lugar da comarca de Pontevedra. O obxectivo, afirmou, é que o proxecto de crear un centro de I+D forestal que sexa referente non se perda de forma definitiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario