A GUARDA ACOLLE UNHA XORNADA INFORMATIVA DAS AXUDAS E SENSIBILIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL
Terá lugar este xoves día 16 de febreiro, ás 18:30 horas na Confraría de Pescadores Santa Tecla
Infogauda / A Guarda
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda está a levar a cabo unha serie de xornadas de presentación de axudas e sensibilización medioambiental, das que esta semana se levarán a cabo dúas.
A primeira destas xornadas terá lugar na Guarda, en concreto na Confraría de Pescadores Santa Tecla, este xoves 16 de febreiro ás 18:30 horas. A xornada dará comezo coa apertura a cargo de Silvia Crespo Campos, Patroa Maior da Confraría de Pescadores “Santa Tecla”. Tras esta introdución dará comezo a presentación da orde de axudas e Estratexia de desenvolvemento local participativo con Elena Herbello. A continuación comezará a exposición de Manuel Garci sobre as Mareas Vermellas, tema principal da xornada e rematarán a mesma cunha mesa redonda-coloquio.
A outra charla da semana, que será no concello de Moaña o venres día 17, tratará sobre "A educación como ferramenta para a sostenibilidade no marisqueo na Ría de Vigo".
Os destinatarios destas accións son a xente do mar, emprendedores en actividades vinculadas ao mar, sectores auxiliares da pesca, asociacións e público en xeral. Polo que se convida a todos os interesados a acudir este xoves á Guarda a unha máis que interesante charla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario