13 de feb. de 2017

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA FELICITA AOS SEUS DEPORTISTAS

Polos recentes éxitos acadados    



Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal ven de facer público o seguinte comunicado de prensa: "É ben sabido que A Guarda é terra de moitos, e moi bos, deportistas. Son numerosas as disciplinas nas que os deportistas da vila levan destacando durante anos e dos que toda a localidade se sinte moi orgullosa.  

 Recentemente catro dos deportistas guardeses máis recoñecidos polos seus logros, acadaron importantes éxitos que dende o concello queren poñer en valor pola súa importancia.  

 Óscar Alonso Alonso vén de gañar o pasado 22 de xaneiro unha medalla de ouro no Campionato Galego de Remoergómetro en Ferrol e unha de prata no Campionato Nacional, celebrado o 28 de xaneiro.  

 Damián Alonso Alonso conseguiu o 4 de febreiro dúas medallas de ouro no Campionato de Europa celebrado en París, nas distancias de 2000 e 500 metros.  

 Pola súa banda Elsa Pena Vicente logrou o primeiro posto nos 3.000 metros lisos na categoría cadete do Campionato de Galicia de Pista Cuberta, co que acadou tamén o mínimo para o  Campionato de España.  

 E ademais, rematando ao ano pasado, Rosalía Soler Lomba conseguiu o Campionato Galego Absoluto en 100 metros Mariposa.  

 O Concello da Guarda acaba de transmitir a súa felicitación, e a de todos os veciños, a estes catro deportistas por acadar uns éxitos tan salientables; e tanto estes coma outros deportistas terán o seu recoñecemento na X Gala do Deporte Guardés, que se celebra o vindeiro 3 de marzo.  

 O municipio da Guarda está moi orgullosa dos éxitos dos seus deportistas, dos anteriormente nomeados e de tódolos que levan o nome da Guarda por todo o mundo xa que, a pesar de ser unha vila pequena de tamaño, A Guarda ten grandes deportistas que están a conseguir moito no deporte tanto a nivel autonómico, como nacional e internacional".

Ningún comentario:

Publicar un comentario