20 de set. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra súmase aos actos celebrados ao abeiro do 21 de setembro, Día Mundial do Alzhéimer 

O Pazo Provincial tinguirase de violeta durante esta noite e a de mañá 


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra súmase aos actos convocados para o 21 de setembro, Día Mundial do Alzhéimer, e tinguirá o Pazo provincial iluminándoo de cor violeta durante as noites de hoxe día 20, a partir das 0:00 horas e coincidindo co arranque da efeméride, e de mañá mércores 21 ao xoves 22. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra amosa a súa solidariedade cunha doenza que afecta a preto de 100.000 persoas en Galicia e arredor de 30.000 na provincia de Pontevedra.  

 Ademais mañá, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, estará ás 12:45 horas na mesa que instalará a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Pontevedra, AFAGA, en colaboración coa institución provincial, para informar á cidadanía sobre esta enfermidade. A mesa atoparase na Praza da Peregrina de Pontevedra, na esquina coa rúa Oliva. 

 O alzhéimer é a máis común das doenzas neurodexenerativas, representando un 70% de todos os casos. Galicia é unha das rexións máis afectadas polo alzhéimer de toda a Unión Europea por mor do alto índice de envellecemento da súa poboación, feito que a AFAGA sinala ao alertar de que se prevé un incremento da súa incidencia en Galicia xa que, de feito, a idade é o maior factor de risco á hora de padecelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario