
Os problemas co
material e a súa esterilización son constantes desde a posta en marcha do Novo
Hospital e da reestruturación da actividade cirúrxica. O feito de que aínda
hoxe esteamos poñendo en marcha a nova central de esterilización e tomando
medidas “temporais” para solucionar os problemas, 6 meses despois, indica a
incapacidade da Xerencia da EOXI de Vigo para xestionar con eficiencia e
seguridade a nosa sanidade pública.
Mandar o material a esterilizar a POVISA tampouco serviu para garantir que ese material chegara aos quirófanos do H. Álvaro
Cunqueiro en condicións de seguridade para realizar as intervencións, polo que
continúan as suspensións e retrasos nas intervencións, coa conseguinte
repercusión nas listas de espera.
En 6 meses esta Xerencia non foi quén de facer un correcto diagnóstico das causas que xeraban os problemas, polo que os tratamentos aplicados
non están a funcionar.
Insistimos en que é
lamentable que tendo unha central de esterilización pública, acreditada e
con profesionais competentes, nos vexamos, desde que se iniciou o traslado
ao Novo hospital, con continuos problemas co material, que ocasionan reiteradas
suspensións de intervencións cirúrxicas.
Se a Xerencia escoitara aos profesionais, que
facían posible o funcionamento con altos estándares de calidade da antiga
central de esterilización, no canto de presionalos e facelos traballar en
condicións imposibles, sería máis doado
facer un diagnóstico correcto e aplicar as medidas correctoras necesarias.
Non parece tolerable que
sigamos permitindo que un aspecto básico na seguridade dos pacientes siga sen
funcionar. So a responsabilidade das e
dos profesionais está garantindo esa seguridade, co incremento de tensión
que se produce antes de cada intervención coa lotería de se a caixa de material
virá en condicións de ser usada ou non.
Non podemos agardar
por máis “solucións temporais” nin cambios da organización para ver se
funcionan. Esiximos da Xerencia unha
avaliación seria e competente da situación e que se tomen as medidas necesarias
para solucionala, aínda que iso signifique ter que modificar decisións xa
tomadas e cambiar o lugar do lavado e esterilización do material para facelo o
máis próximo en tempo e lugar a onde se produce.
Vigo, 17
de xuño de 2016
Manuel
González Moreira
Secretario
Comarcal de CIG-Saúde
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario