17 de xuño de 2016

A GUARDA

AXENDA DE FIN DE SEMANA CHEA DE ACTIVIDADES NA GUARDA  


Infogauda / A Guarda

 Achégase o verán e A Guarda prepárase cunha fin de semana chea de actividades socioculturais pensadas para todos os públicos.  

 Para comezar por todo o alto, este venres día 17 de xuño ás 21:00 h., terá lugar na Casa dos Alonso, na Praza do Reló, o Concerto presentación do Obradoiro de Canto “Cantares do Brueiro”. Esta é unha iniciativa que comezou a principios do mes de xaneiro de 2014 e na que un grupo de persoas realiza canto tradicional co obxectivo de dignificar a canción popular. Todo isto baixo a dirección do cantor e músico popular guardés Tino Baz.  

Festas na honra de San Antonio


 Esta fin de semana tamén se celebran no porto de a Guarda. Entre os festexos inclúese unha gran tirada de fogos artificiais e pasarrúas co Grupo de Gaitas do Club da 3ª Idade da Guarda o sábado ás 12:00 h.. 

 Pola noite verbena ó cargo das orquestras Terranova e Nievla. 

 Xa o domingo, día 19, as festas rematarán co percorrido polas rúas da vila da banda de música da Agrupación Musical da Guarda ás 10:00 h., e tamén coa actuación desta banda ás 20:00 h..   

Obradoiros para a Xuventude 


 A oferta de actividades complétase cunha serie de accións dirixidas aos nenos e nenas organizadas dende a Concellería de Xuventude da Guarda. O sábado día 18, a partir das 12 da mañá, haberá un Obradoiro de percusión no que participarán un grupo de 17 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos. Ademais, xa pola tarde, dende ás 18:00 ata ás 20:00 horas, no paseo marítimo onde se realiza a festa de San Antonio, os monitores do curso de tempo libre que organiza o concello levarán a cabo unha xornada de xogos e obradoiros para tódolos rapaces que se queiran achegar, xogar e divertirse un rato.   

 Polo tanto, esta fin de semana non hai escusa para quedar na casa. O Concello da Guarda anima a que todos os que o desexen se acheguen a desfrutar desta ampla e variada oferta de actividades nesta última fin de semana antes do comezo do verán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario