LABORAL
BNG E TRABALLADORES DE J. CASTRO, S. L., DEMANDAN CELERIDADE E ALTURA DE MIRAS NAS NEGOCIACIONS CO ESTALEIRO
Ángel Luis Baz Vicente (voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda): "(...) A mesma celeridade que demandan os traballadores, sabedores de que a sinatura dun convenio, facilitaría a contratación da construción dun novo barco que empezaría xa, multiplicando por dous a oferta de postos de traballo"
Ángel Luis Baz Vicente e Mª Mercedes Martínez Vázquez, concelleiros do BNG - de pe, na segunda fileira, a dereita da imaxe - con unha representación dos traballadores de J. Castro, S. L.
Infogauda / A Guarda
O BNG tivo unha reunión cos traballadores do estaleiro “J. Castro, S. L.” na que se expuxo “a preocupación que hai entre os traballadores polo futuro da empresa e dos seus postos de traballo”.
Segundo pudo saber a redacción de Infogauda “o BNG está tendo unha intensa actividade para mediar entre as partes, polo que tamén tivo unha reunión co propio Alcalde da Guarda sobre a situación actual da empresa”.
“Dende o Bloque Nacionalista Galego vese con acerto a decisión tomada polo alcalde da Guarda en mediar no conflito entre a Entidade Local Menor de Camposancos e a empresa”, afirmou o voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda, Ángel Luis Baz Vicente.
“Ábrese - segundo Ángel Luis Baz - unha nova canle de comunicación entre as partes que non foron quen de chegar a un acordo nos últimos anos e que prexudica gravemente aos traballadores que levan sufrindo toda clase de apuros habidos e por haber”.
O BNG lembra que “este grupo de persoas lonxe de se render hai catro anos, cando o estaleiro estaba quebrado, buscaron un proxecto de viabilidade. Agora estamos ante a oportunidade de que ese proxecto cobre forma e amplíe o seu cadro de persoal polo que é urxente que se realice unha regularización e se asine un convenio que beneficie a todas as partes implicadas”.
Como afirman desde o BNG, o estado das cousas a día de hoxe é o seguinte: “Os traballadores que non dan creto a unha situación esta, insólita e intolerable, dado que J. Castro posiblemente sexa un dos poucos estaleiros onde a falta de carga de traballo non sexa o motivo de risco inminente de quebra. Ante isto o BNG propuxo a creación dunha mesa co obxectivo de chegar a un acordo onde estiveran representados todos os grupos políticos con representación na Entidade Local Menor, representantes da Empresa e dos traballadores”.
Finalmente, os concelleiros nacionalistas Ángel Luis Baz Vicente e María Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), fan fincapé en que “o BNG solicitou celeridade ao alcalde da Guarda na mediación entre as dúas partes na procura da solución definitiva. A mesma celeridade que demandan os traballadores, sabedores de que a sinatura dun convenio, facilitaría a contratación da construción dun novo barco que empezaría xa, multiplicando por dous a oferta de postos de traballo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario