A DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA DE GALICIA EN PONTEVEDRA CELEBRA O DÍA EUROPEO DOS PARQUES NO MONTE ALOIA DE TUI
· O xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra visitou o centro de interpretación do parque tudense
· 45 alumnos do CEIP de Pazos de Reis coñeceron a senda saudable e as diferentes especies con que conta esta área natural
Alberto Fuentes Losada, visitou o Monte Aloia en Tui para celebrar o Día Europeo dos Parques que se celebra hoxe, 24 de maio, xunto aos alumnos do CEIP de Pazos de Reis
Infogauda / Tui
O xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, Alberto Fuentes Losada, visitou o Monte Aloia en Tui para celebrar o Día Europeo dos Parques que se celebra hoxe, 24 de maio, xunto aos alumnos do CEIP de Pazos de Reis deste concello.
No acto estiveron acompañados por responsables do parque así como polo presidente da Xunta Consultiva do Monte Aloia, Gerardo Zugasti.
Os nenos centraron os actos de celebración deste día en Tui, onde estes 45 escolares tudenses puideron coñecer o Centro de Visitantes e Interpretación Enxeñeiro Areses e realizar unha senda saudable polo parque natural.
Alberto Fuentes destacou o compromiso do Goberno galego “coa conservación, coa protección e coa mellora” dos parques naturais en Galicia do que o Monte Aloia “é un bo exemplo”, destacando o seu excelente estado “tanto en relación ao seu mantemento como en canto a número de veciños que o visitan que soen roldar os 100.000 cada ano”.
O xefe territorial insistiu en que, dende a administración autonómica estase a perseverar en coidar a natureza, “ratificando o seu compromiso coa conservación da natureza, da paisaxe que temos que coidar e co nivel de excelencia dos parques galegos”.
O Monte Aloia, primeiro parque natural en Galicia Enclavado no concello de Tui, o Monte Aloia ten unha superficie total de 746 hectáreas. Foi declarado Sitio Natural de Interés Nacional en 1935, converténdose en Parque Natural por un Real Decreto en 1978, “converténdose así, no primeiro espazo con esta categoría de protección en Galicia”, explicou Alberto Fuentes. “Ademais - engadiu -, “forma parte tamén da lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica, na rede europea de espazos protexidos Natura 2000, dende 2004”.
A día de hoxe, o parque conta con 530 especies arbóreas pertencentes a 329 xéneros, asentándose no territorio do Parque Natural unha corentena de especies de interese bioxeográfico, polas súas características endémicas ou raras. As especies máis significativas, tanto arbóreas coma arbustivas, están representadas nunha Senda Botánica.
Ademais das diferentes áreas recreativas, o parque natural do Monte Aloia conta co Centro de Visitantes e Interpretación, que recolle de forma interpretativa e interactiva información sobre os seus valores paisaxísticos, naturais, xeomorfolóxicos, históricos, etnográficos e produtivos. Cinco rutas autoguiadas, dúas para bicicletas de montaña e unha senda botánica, axudan ao visitante a coñecer con detalle este espazo protexido.
Galicia conta con seis parques naturais de Galicia, que xunto ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, esténdense por unha superficie de case 50.000 hectáreas ao longo das catro provincias e cada un deles atesoura unha paisaxe e un hábitat distinto, de enorme valor ecolóxico, estético, educativo e científico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario