Novo recoñecemento para as Sobreiras do Faro
· As Sobreiras do Faro (Viladesuso, Oia) veñen de
ser incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras da Consellería de Medio Ambiente
· As Sobreiras do Faro é o único Espazo Privado de Interese Natural de Galicia, xestionado pola Comunidade de Montes de Viladesuso
· A Comunidade de Viladesuso forma parte do proxecto Costa dos Castros que na próxima semana vai lanzar a súa segunda campaña de micromecenado
As Sobreiras do Faro, en Viladesuso (Oia), o primeiro e único Espazo Privado de Interese Natural de Galicia
Úrsula Neilson / Viladesuso
As Sobreiras
do Faro, na parroquia oiense de Viladesuso, ademais de conformar o primeiro e
único Espazo Privado de Interese Natural de Galicia, agora tamén están
incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras da Consellería de Medio
Ambiente.
As Sobreiras do Faro únense así ás 146
árbores e 18 formacións arbóreas de Galicia que, segundo datos de 2015, son
consideradas excepcionais e merecentes de medidas especiais de protección.
As Sobreiras do Faro xa era un parque
singular polo seu carácter privado, xestionado pola Comunidade de Montes de
Viladesuso (Oia). O seu presidente, Rafael Lomba Álvarez, congratúlase deste novo
recoñecemento a un espazo natural “diferente” en Galicia: “As nosas modestas
Sobreiras do Faro, da nosa pequena Comunidade de Montes, atópanse agora á
altura doutras formacións situadas en grandes pazos nobiliarios ou xardíns
públicos. Un detalle máis polo que sentirse orgullosos do que temos.”
A CMM de Viladesuso sufriu en 2006 un
grave incendio forestal que diminuíu os fondos da comunidade e tamén afectou ás
Sobreiras do Faro. Isto intensifica o reto para a conservación do espazo e as
tarefas de mantemento como a gran limpeza da zona que a CMM ten pensado facer
esta primavera.
A pesar dos contratempos, as Sobreiras do
Faro segue a ser un “lugar máxico” en palabras de Rafael e que paga moito a
pena visitar para camiñar entre as súas árbores históricas regadas polo río
Broi.
A Comunidade de Montes de Viladesuso forma
parte dende 2015 do proxecto Costa dos Castros, que xunto a outras tres
Comunidades de Montes veciñas – Santa María de Oia, Pedornes e Mougás – busca
promover e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do
concello de Oia.
Costa dos Castros lanzará a próxima semana
a súa segunda campaña de micromecenado para apoiar iniciativas tan singulares
que se están a dar na zona como esta aposta da Comunidade de Viladesuso pola
súa natureza autóctona.
Visitar as Sobreiras do Faro
Na páxina web do Concello de Oia existe un
documento pdf cunha pequena orientación.
Tamén na páxina de Facebook do parque
publícanse de forma intermitente indicacións de como chegar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario