A Xunta destina máis de 1,3 millón de euros, arredor dun 20 por cento máis, aos concellos da provincia de Pontevedra para axudas á promoción da igualdade
O Concello de A Guarda recibirá unha axuda de 7.534,8 euros
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, deu conta hoxe das axudas que engloban varias liñas
Comprenden 3 liñas de actuación: o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, deu conta hoxe das axudas que engloban varias liñas
Infogauda / Pontevedra
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que este ano supera os 3,9 millóns de euros, un 15,86% máis con respecto ao ano pasado.
Na provincia de Pontevedra, as axudas ascenden a máis de 1,3 millóns euros, o que supón un incremento de arredor do 20% (219.321,73 euros máis) con respecto á convocatoria do pasado ano. Esta liña de subvencións aos concellos, coma explicou López Abella, se distribúe en tres liñas de actuación, que son: o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).
No ano 2015 no ámbito dos 27 CIMS en funcionamento en Pontevedra participan un total de 38 concellos, 17 con xestión compartida fronte a 21 con xestión individualizada. “Estes resultados representan un avance respecto da situación anterior, xa que en 2015 as 27 entidades da provincia con CIMS percibiron a axudas para o seu mantemento, pero a tendencia de cara á xestión compartida reflíctese no pasado ano ao sumarse un novo CIM froito da agrupación de tres concellos: Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa”, engadiu a secretaria xeral, quen expicou tamén que dende o 2013, 4 entidades máis titulares dun CIM optaron pola xestión compartida e o ámbito territorial dos mesmos ampliouse a 10 concellos máis en Pontevedra.
Segundo matizou López Abella, este cambio de tendencia tamén ten o seu reflexo nos importes concedidos: a contía total concedida ás entidades que presentaron a solicitude conxunta (agrupacións e mancomunidades) ascendeu a 293.148,65 €, o que representa un incremento de 87.332,65 € respecto das concedidas en 2014, un 42,44% máis. “Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns”, asegurou.
Tres liñas de subvencións
As axudas para promoción da igualdade engloban tres programas de colaboración coas entidades locais: o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres.
1) O programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. Na provincia de Pontevedra, este programa recibe un total de 19.396,8 euros sendo destacable, entre os concellos da área da Delegación Territorial de Pontevedra, a axuda de 7.534,8 euros que recibirá o Concello de A Guarda.
2) Pola súa banda, o programa de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Entre esas medidas están os bancos de tempo.
Neste caso, os municipios da provincia reciben un total de 74.373,79 euros, dos cales, na área da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra beneficiaránse Sanxenxo (12.000 euros para a ludoteca), Valga (12.000 euros para actividades de conciliación), O Grove (12.000 euros para o programa Vellos Tempos), Cuntis (11.772,94 euros para o programa Cuntilín) e o Concello de Cerdedo (2.600,85 euros para actividades coeducativas de verán).
3) Por último, o programa de apoio aos CIM ten como obxectivo reforzar a funcionalidade destas instalacións e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan atención nelas. É subvencionable a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos e traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade. Tamén será obxecto de axudas a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos da provincia cunha contía de 1,2 millóns de euros, véndose beneficiados un total de 27 CIMs, que abranguen ao 61,29% dos concellos pontevedreses e sendo os municipios de Lalín, Vilagarcía, Poio e A Lama os que reciben unha subvención maior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario