13 de xan. de 2016

PONTEVEDRA

Unha vintena de empresas interésanse polo concurso do proxecto de musealización dos xacementos castrexos da provincia 

Técnicos da Deputación e das empresas fixeron hoxe un percorrido por Monte do Castro, A Lanzada e Adro Vello 


Infogauda / Pontevedra


 Case unha vintena de empresas participaron hoxe nun percorrido por tres xacementos castrexos da provincia, co obxectivo de recibir información "in situ" sobre o concurso para o proxecto de musealización de 18 xacementos. En concreto, máis dunha vintena de persoas, en representación dunha cifra similar de empresas, percorreron, xunto a técnicos da Deputación, os xacementos de Monte do Castro, A Lanzada e Adro Vello.  

 Esta visita, ademais da que se fará o día 15 ao castro de Santa Trega, estaba contemplada no concurso público convocado polo Ministerio de Fomento para o proxecto de ideas das obras de restauración e musealización dos 18 xacementos galaico-romanos da provincia. Este concurso, dotado de 266.000 euros e publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado 22 de decembro, ten como finalidade a idea global e a descrición das actuacións necesarias para a recuperación e valorización do conxunto dos xacementos castrexos como unha estratexia de promoción da provincia turística e educativa.  

 No convenio firmado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento o pasado ano 2015 contémplase a escavación e recuperación destes 18 xacementos.  

 En concreto, trátase dos castros de Santa Trega (A Guarda), Alobre (Vilagarcía de Arousa), Facho de Donón (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Porta de Arcos (Rodeiro), Mercado dos Mouros (Valga), Igrexa Vella (Valga), Monte do Castro (Ribadumia), Adro Vello (O Grove), Castro de Troña (Ponteareas), A Cabeziña (Oia), Castrolandín (Cuntis), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Castro da Subidá (Marín), Castro de Toiriz (Silleda), Coto de Altamira (As Neves), Alto dos Cubos (Tui) e Castro de Penalba (Campo Lameiro). 

 Agora as empresas interesadas teñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas ofertas, que deben contemplar aspectos coma a limpeza; o mantemento e a conservación das estruturas dos castros; a sinalización dos xacementos; a difusión e promoción, coa creación dunha ruta cun marcado carácter lúdico e educativo; e a musealización e dixitalización, cunha recreación en 3D de todo o espazo dos xacementos.  

 En total o proxecto posterior das obras de restauración e musealización ten un orzamento estimado de máis de catro millóns de euros, o que supón un orzamento de execución material por castro de 156.000 euros.  

 O concurso de ideas para o proxecto de musealización ten como data límite de presentación de propostas o 11 de febreiro. Estas dirixiranse á Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario