O alcalde e representantes da hostalería guardesa reúnense co Presidente de Portos de Galicia
O rexedor trasladou o devandito ente público as principais demandas do concello de A Guarda
A Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, acompañado pola Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, e por dous hostaleiros da localidade, en representación dos restaurantes da zona do porto, estiveron na tarde do martes, día 12 de xaneiro, nas dependencias de Portos de Galicia en Pontevedra, segundo ven de facer público o executivo municipal do Concello de A Guarda.
Nesa reunión, na que ademais do Presidente de Portos, José Juan Durán, estivo o xefe de Portos da zona Sur e o vixiante da zona, o alcalde Antonio Lomba trasladou de novo as principais demandas do concello de A Guarda a Portos de Galicia.
Para o rexedor guardés, "unha das principais problemáticas que hai no porto de A Guarda é a falta de seguridade vial provocada pola libre circulación de vehículos pola rúa peonil". Fontes municipais afirmaron a este xornal dixital que "o alcalde comunicou a Portos a necesidade de garantir a seguridade dos peóns e viandantes nesta vía, tendo en conta que é un lugar de paseo e esparcemento para a cidadanía guardesa e un dos espazos máis visitados e concorridos por turistas durante todo o ano, especialmente nos meses de verán. Para garantir a seguridade e limitar o acceso de vehículos, o alcalde, co apoio dos hostaleiros, propuxo a instalación dun bolardo retráctil, proposta que foi recollida polos responsables do ente, establecéndose a posibilidade dun convenio para regular o xestión do mesmo".
O alcalde demandou tamén "unha solución para regular o aparcamento no vial do porto dado que está provocando problemas no tráfico. A proposta de Portos para resolver esta cuestión foi a de asinar un convenio para que sexa a Policía Local de A Guarda a que faga o control de aparcamento. Como condición a esta proposta o alcalde expresoulle a Portos que contemplaría a sinatura dun convenio sempre e cando a competencia da xestión das posibles sancións fora cedida ao concello".
O ferri "Santa Rita de Câssia", no embarcadoiro da Pasaxe
Foto: Infogauda
Asemade nesa mesma reunión, continuación da que houbo en Santiago no mes de outubro, o responsable municipal interesouse "(...) polo estado da plataforma do ferry, debido ao estado de deterioro que presenta esta estrutura".
Tratáronse tamén cuestións como "(...) o repintado do contradique do porto, sinal de identidade para A Guarda nestes últimos anos, e que o equipo de goberno quere recuperar. E tamén a necesidade de mellorar o entorno do Museo do Mar. Neste último asunto, o alcalde comprometeuse a remitir a Portos de Galicia, antes da primavera, un proxecto de actuación para a mellora dese entorno".
PANTALÁNS FLOTANTES PARA A PASAXE (CAMPOSANCOS)
Por último "o alcalde demandou de Portos de Galicia a instalación de pantaláns flotantes para regular o atraque e eliminar o fondeo na Pasaxe, argumentando que esta instalación beneficiaría tanto aos profesionais como as embarcacións deportivas". O principal motivo que alegou o alcalde para esta demanda foi "(...) a necesidade de prestar un servizo aos máis 100 pescadores que fan a campaña de pesca no río durante 6 meses e que dende fai dous anos pasan as súas capturas por lonxa".
Ningún comentario:
Publicar un comentario