29 de xuño de 2015

A GUARDA

O BNG considera inaceptable á suba de salarios do goberno socialista da Guarda 

Ángel Baz: "Resulta incomprensible que neste momento o PSOE aumente o gasto nos seus salarios e máis incomprensible aínda que o faga co apoio do Partido Popular" 

Ángel Luis Baz, portavoz municipal do BNG-AA

Infogauda / A Guarda

 Na recente sesión plenaria extraordinaria, celebrada á pasada semana pola Corporación Municipal do Concello de A Guarda, "o BNG votou en contra do incremento de gasto nos salarios que percibirán os membros do goberno da Guarda". Para o BNG "non hai proxecto político que sustente tais dedicacións e menos ainda cunha suba substancial", algo que xa foi criticado polos nacionalistas hai 4 anos. 

 O portavoz do Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas, afirma que "a politica continuista do PSOE, que non xustifica estas retribucións, dista moito das prioridades do BNG como a política social, promoción de emprego, comercio, tráfico, etc.,..."  

 Dende o grupo municipal nacionalista defenden "a necesidade de que os representantes públicos con adicación ao seu cargo teñan unha retribución polo seu traballo", mais consideran que "(...) no contexto de crise que estamos a vivir non resulta aceptable que se suban os salarios do grupo de goberno mentres a maioría da poboación ve como baixan os seus ingresos e o seu poder adquisitivo".  

 "Sorpréndenos que en plena crise económica, despois de perder un concelleiro e boa parte do apoio social, o PSOE considere que é o momento de subirse o salario", comentou o portavoz nacionalista, Ángel Baz.   

 Ángel Baz, afirma igualmente: "O PSOE guardés, que goberna o concello en minoría, non tería capacidade suficiente por sí mesmo para sacar adiante esta proposta e contou coa connivencia do Partido Popular para lograr sacar adiante a súa súbida salarial".     

"Estaba en mans do PP impedir este despropósito, pero preferiron permitilo. Todo parece indicar que estamos ante o primeiro pacto de goberno desta lexislatura entre o PSOE e o PP. Agora teñen a obriga de explicar a toda a Guarda os detalles dese pacto", declarou Ángel Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario