30 de xuño de 2015

A GUARDA

O BNG insta ao PSOE da Guarda a deixar a demagoxia e a traballar pola imaxe da Guarda 

“O problema do Alcalde da Guarda é o que din os carteis do BNG, non a súa colocación”, afirma Ánel Luis Baz, portavoz do grupo municipal nacionalista
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas, no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Como resposta puntual ás manifestacións feitas públicas no día de onte polo alcalde guardés, e que foron publicadas íntegramente neste xornal dixital, o concelleiro portavoz do Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas, Ángel Luis Baz Vicente, ven de sair o paso das mesmas, pronunciándose nos seguintes termos: "Para o BNG resulta preocupante que o goberno guardés estea máis interesado polas accións informativas do BNG que por traballar polo pobo da Guarda.

 Ante a demagoxia que utiliza o goberno municipal do PSOE, o BNG sostén que foi a primeira formación política en retirar toda a propaganda ao rematar as eleccións municipais. 

 Resulta curioso que o PSOE se escandalice cando durante todos estes anos que leva gobernando, prácticamente o mesmo equipo, podemos ver cada certo tempo á Guarda chea de publicidade en marquesiñas, en contedores, paredes, farois, sinais de tráfico e indicativas,..., así como valados de obras que hai tempo que están rematadas. Agora preocúpalle unha ducia de carteis con información do BNG, coa mesma ordenanza municipal á que se refire o Alcalde, Antonio Lomba". 

 "Se fose o alcalde estaría máis preocupado pola limpeza dos contedores e colocación de máis unidades polas parroquias, das rúas, da reposición das papeleiras e de paneis informativos, arranxo de xardíns e parques infantís que son fundamentais para a nosa vila”, sinalou Ángel Baz.

 "En todo caso - engade Ángel Baz -, dende o BNG instamos ao grupo de goberno a que coloque puntos de información por todo o concello en lugares visíbeis, para así poder aloxar toda a información de carácter social, algo do que carecemos actualmente. A obriga dun concello é a de solucionar os problemas ao pobo e non xerar máis. 

 O BNG considera unha esaxeración, coa carraxe de quen non soporta a crítica, a nota de prensa no que se acusa ao BNG de ensuciar a Guarda. Sobre todo, cando é moi frecuente que todo tipo de colectivos usen este tipo de accións informativas sen que se xerase esta contestación. 

 Dende o BNG queremos lembrarlle que a aplicación dunha ordenanza débese facer de oficio, en todo momento e non saltar aos medios de comunicación como se fose algo excepcional, cando o que aparece na rúa non nos gusta".  

  "O que nos fai sospeitar é que a auténtica razón non son os carteis do BNG, é a información que teñen, que non é do agrado do alcalde e do PSOE”, comenta o portavoz municipal do BNG, Ángel Luis Baz.   

 Finalmente Ángel Luis Baz conclúe súa réplica o rexedor de A Guarda con estas verbas: "Dende BNG instamos ao alcalde da Guarda e ao seu grupo de goberno que abandone esta actitude de facer oposición ao BNG que nada beneficia ao conxunto do pobo, que se poña a traballar para mellorar o concello e aquí vai a topar ao BNG colaborando".

Ningún comentario:

Publicar un comentario