29 de xuño de 2015

A GUARDA

A GUARDA ACOLLE UNHAS CONFERENCIAS SOBRE EDUCACIÓN COA PRESENZA DE VARIOS CATEDRÁTICOS

Este evento está organizado polo Concello da Guarda en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña, baixo a coordinación de Xosé M. Malheiro Gutiérrez. 

Tódalas conferencias terán lugar no antigo Colexio dos Xesuitas, na Pasaxe (Camposancos)

Vista parcial do Colexio dos PP. Xesuitas, no barrio da Pasaxe (Camposancos) A Guarda - Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Nos meses de xullo, agosto e setembro, A Guarda acollerá un ciclo de conferencias que terán como eixo temático á Educación, que con certeza van ter eco máis aló dos límites da nosa comunidade autónoma.

 Segundo afirman desde á organización, "estas conferencias, que son das máis importantes deste sector a nivel galego, serán impartidas por diferentes catedráticos das universidades de Galicia no antigo Colexio Santiago Apóstol (Colexio PP. XesuItas), da Pasaxe, Camposancos, xérmolo finesecular das Universidades de Deusto e Comillas".  

 A primeira cita é o xoves día 2 de xullo. Nesta primeira ponencia, Concepción Sánchez Blanco, chegada da Universidade da Coruña falará sobre as “Infancias nómadas. Educando no dereito á mobilidade”

 Alfredo Campos García, da Universidade de Santiago de Compostela, dará a segunda conferencia o día 7 de xullo. Nesta ocasión Campos se centrará na “Importancia da memoria e as estratexias de aprendizaxe no ensino”.  

 O xoves 23 de xullo a charla “De formar crentes a formar cidadáns: unha mirada crítica dende a pedagoxía” será impartida por Jurjo Torres Santomé, da Universidade da Coruña. Unha semana despois, chegado dende a Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid, falará sobre os “Mestres republicanos: o compromiso coa modernidade educativa”.  

 Xa en agosto, o día 20, Antón Costa Rico, da Universidade de Santiago, falará ós presentes das “Luces e sombras na política educativa galega desde a transición democrática”. 

 Sete días despois, Miguel Anxo Santos, da mesma universidade ca o anterior, falará sobre “Os concellos e a educación. Problema ou oportunidade”.  

 As últimas conferencias terán lugar no mes de setembro. Así o día 3 Araceli Serantes Pazos, da Universidade da Coruña, impartirá a charla “A conciencia ambiental: unha necesidade social e un reto educativo”.  

 Este ciclo de ponencias se pechará con Pedro Caselles Beltrán, traballador do Ministerio de Educación, que falará sobre a “Política e educación. Camiño de volta dun técnico do estado na transición democrática”.  

 Este evento está organizado polo Concello da Guarda en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña, baixo a coordinación de Xosé M. Malheiro Gutiérrez. 

 Estas actividades divulgativas están concibidas como tertulias-coloquios informais en tempo de verán, pero rigorosa no que compete no motivo da mesma, que non é outro que abordar múltiples aspectos relacionados coa problemática educativa desde diversos ángulos, conducidas por diferentes expertos no ámbito universitario.   

 Todas as conferencias comezarán ás 21 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario