O PP de Salceda de Caselas critica o “caos e a falta de planificación” das actividades de Nadal
Acusa
ao Goberno local do BNG de escatimar fondos para estes eventos, mentres
despilfarra en folletos e revistas propagandísticas
·
Denuncia o prexuízo que para o comercio
local supuxo a mala organización de diferentes obras durante os días que
concentran as compras de Nadal
·
A mala organización da carreira de San
Silvestre, pechando todos e e cada un dos accesos ao casco urbano e, incluso a
saída á estrada de O Porriño ocasionou un gran malestar
Infogauda / Salceda de Caselas
Os veciños e veciñas de Salceda de Caselas,
así como os visitantes que durante as festas de Nadal decidiron achegarse a
este concello, puideron comprobar que o elemento central dos actos organizados
polo Goberno local foi “o caos e a falta de planificación”, afirma o PP.
Así o denuncian desde o PP local, que lamenta que o BNG
“co permiso e o compadreo do PSOE”, escatime fondos en actividades que
contribúen a dinamizar o comercio local e a crear un ambiente festivo e alegre
que sempre repercute na mellora da economía mentres “despilfarra diñeiro a
esgalla en revistas e folletos propagandísticos”.
Neste sentido, o voceiro do PP local, Santiago Rodríguez
Davila, denuncia que, á escaseza de iluminación navideña que xa vén sendo un
costume nos últimos 3 anos, se suma a mala planificación das obras durante
estas datas.
Os populares critican que o Goberno local mantivese as
obras de canalización de gas e telefonía durante os días e nas horas de maior
afluencia para facer as compras de Nadal, ocasionando así un serio problema ao
comercio local, xa que moita xente optou por ir mercar a outras zonas. “Isto
demostra a falta de previsión e de planificación do BNG que, podendo modificar
o calendario de actuacións en beneficio do comercio e dos veciños, non moveu un
dedo e provocou que o día 24 de decembro, o casco urbano do concello fose un
verdadeiro caos con motivo das obras”.
Outro exemplo de mala planificación e de desorganización
foi a carreira de San Silvestre que, malia ser unha boa iniciativa, quedou
deslucida pola mala organización do Goberno local, que “a converteu nun
verdadeiro problema e motivo de malestar” polo peche total do tráfico en todo o
núcleo urbano.
Os populares salientan que, aínda que é inevitable que un
evento deste tipo ocasione certas molestias, o que non é de recibo “é que se
pechasen todas e cada unha das rúas e todos os accesos en todas as direccións,
sen poñer en marcha alternativas posibles para os condutores”.
A “TACAÑERÍA”
DOS REIS
A todos estes problemas súmase a citada escaseza de
iluminación e ambientación navideña, dado que o Goberno local só coloca luces
nos edificios municipais (Casa do Concello, casa cultural, edificio Devesa)
nunha árbore nunha rotonda e un arco de luz en cada parroquia, deixando a todas rúas sen o máis mínimo
motivo navideño e dando “unha imaxe penosa para unhas datas de ilusión e
alegría”.
Para o PP local isto non é unha cuestión de gustos, senón
que supón frear o dinamismo económico, xa que a falta de ambientación navideña
diminúe o movemento comercial, tal e como comprobaron boa parte dos concellos
que en 2011 optaron por reducir iluminación e en 2012 tiveron que volver a
colocala porque os prexuízos á economía local eran cuantiosos e non compensaban
o aforro en electricidade.
Neste sentido, os populares lamentan que o Goberno local
non tomara nota e, mentres gasta sen ton nin son en propaganda, “racanee” en
eventos como a propia Cabalgata de Reis, que non incluíu nin un só agasallo
para os máis os pequechos, que se quedaron coa imaxe “duns Reis bastante
tacaños”.
Rodríguez Davila, que quere felicitar e agradecer a
colaboración e o traballo feito polas asociacións para que puidese celebrarse a
Cabalgata, critica a falta de implicación do Goberno local que, escudándose na
falta de cartos, escatima ata o estremo nestes eventos.
Unha actitude, lembra Davila, totalmente inxustificada se
se ten en conta que “logo se gastan en folletos e revistas propagandísticas –que
moitas veces, aínda por riba, quedan sen repartir e tiradas polas dependencias
municipais-, máis de 8.000 €”.
“Ese é o modelo de xestión do BNG co permiso e compadreo
do PSOE”, conclúe o voceiro popular.