30 de mar. de 2026

BAIONA

Portos de Galicia investirá 330.000 € na mellora da doca de Baiona, que pintará a muralista Lula Goce


O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, asistiu esta mañá á sinatura do acordo entre o Concello de Baiona e a artista local, de recoñecemento internacional,   Lula Goce

Foto: X.G.


Infogauda / Baiona

 Portos de Galicia investirá máis de 330.000 euros na mellora do peirao da doca de Baiona que culminará unha pintura da muralista Lula Goce. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, asistiu esta mañá á sinatura do acordo entre o Concello de Baiona e a artista local, de recoñecemento internacional, que se deseñará un mural para esta infraestrutura vinculado á súa función marítimo portuaria.  

 A actuación de remodelación deste peirao é froito dun convenio de colaboración entre o ente público, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell, que achegará outros 90.000 euros para financiar a obra artística, polo que o orzamento total da actuación ascenderá a 423.000 euros. Pola súa parte, o Concello de Baiona encargarase de tramitar os permisos para a actividade e organizar e supervisar o desenvolvemento da mesma.  

 Así mesmo, a administración local foi a encargada de elaborar o proxecto artístico a través dun proceso participativo e contratar a artista finalmente seleccionada. Este proxecto busca converterse nun punto de referencia cultural e turístico en Baiona, promovendo o coñecemento da tradición pesqueira e a conservación do entorno mariño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario