27 de mar. de 2026

TOMIÑO

Tomiño abre os álbums familiares para seguir construíndo a súa memoria colectiva  

 O Concello retoma a recollida de fotografías antigas para o Arquivo da Imaxe, que reúne xa máis de 9.000 fotografías da historia do municipio  


Mordomas na festa do Alivio, en Tomiño
Imaxe xa recollida no Arquivo da Imaxe

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño segue traballando nunha memoria visual colectiva que recolla fotografías da vida no municipio ao longo do tempo. O Concello de volve poñer en marcha a recollida de fotos antigas para seguir construíndo o Arquivo da Imaxe, un proxecto colectivo que xa suma máis de 9.000 imaxes e que se consolida como unha das principais ferramentas para preservar a memoria compartida do municipio. 

 A iniciativa busca recompilar fotografías relacionadas coa vida en Tomiño ao longo dos anos, dende escenas familiares, festas, traballos ou escolas ata barrios, paisaxes e acontecementos que forman parte da historia compartida. Son imaxes que, moitas veces, permanecen gardadas nos fogares e que agora poderán formar parte dun fondo común ao servizo de toda a veciñanza. 

 Durante os meses de abril e maio, un equipo municipal percorrerá todas as parroquias para facilitar a participación. As persoas interesadas só terán que achegar as súas fotografías, que serán escaneadas no momento, sen necesidade de deixalas, garantindo así que as imaxes permanezan sempre nas mans dos propietarios mentres se conserva a súa copia dixital. 

 Como sinala a alcaldesa, Sandra González, “este arquivo é moito máis ca unha colección de fotografías, é un espazo de memoria viva que construímos entre todas e todos. Cada imaxe conta unha historia e axúdanos a entender mellor quen fomos e quen somos como pobo”. A rexedora subliña tamén que “temos unha historia riquísima feita de pequenas vivencias cotiás que non podemos deixar perder e este proxecto é unha oportunidade para recuperalas e compartilas co conxunto da veciñanza”. 

 Unha vez rematada a recollida, o Concello organizará exposicións fotográficas en todas as parroquias co material recompilado. Estas mostras servirán tamén como espazo participativo para identificar persoas, localizar lugares, datar imaxes ou completar información sobre os momentos retratados, reforzando así o carácter colaborativo da iniciativa. 

 O calendario de recollida arrincará o 7 de abril no pavillón de Barrantes e continuará pola Casa Antiga da Escola de Cristelos (9 de abril), o Centro Cultural de Piñeiro (10 de abril), a Unión Porvenir en Taborda (14 de abril), o Centro Cultural de Sobrada (16 de abril), a Casa dos Mestres en Amorín (17 de abril), o Centro Cultural de Currás (21 de abril), o Palco de festas de Carregal (23 de abril), o Centro Goianés (24 de abril), o Centro Cultural de Figueiró (28 de abril) e o Centro Cultural de Estás (30 de abril). 

 Xa no mes de maio, a recollida continuará no Centro Cultural de Santa María de Tebra (5 de maio), no de San Salvador de Tebra (7 de maio), no Centro Cultural de Vilameán (8 de maio), no de Pinzás (12 de maio) e no de Forcadela (14 de maio). A partir do 15 de maio, o proceso seguirá aberto no Espazo Isaura Gómez. Estas datas poden sufrir variacións, informarase puntualmente de todos os cambios nas redes sociais do Concello. 

 Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para abrir os álbums familiares, revisar caixas de lembranzas e participar nun proxecto que demostra que a memoria dun pobo constrúese entre todas e todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario