29 de mar. de 2026

A GUARDA

Juan Collazo Abuín presentará na vila guardesa o seu sándwich finalista do concurso de Delikia   

O emprendedor guardés elaborará estes sándwiches a beneficio da Comisión das Festas do Monte Santa Trega, 2026 


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas e o presidente da Comisión de Festas do Monte Santa Trega, José Ángel Gándara Rodríguez, co emprendedor Juan Collazo Abuín, finalista do concurso "El sándwich más bueno del mundo" 

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O próximo sábado, 4 de abril, de 19:00 a 23:00h, a praza de Avelino Vicente acollerá unha gastroneta moi especial.   

 Esa gastroneta estará dirixida polo guardés Juan Collazo Abuín quen tras a súa presentación en Madrid na final do concurso "El sándwich más bueno del mundo" impulsado por Delikia, preparará o seu sándwich “Galicia en pan” para todas as persoas de A Guarda e súa contorna que desexen probalo. 

 A súa idea foi crear un sándwich partindo do lacón con grelos, engadíndolle unha saborosa salsa, elaborada nun morteiro, e cuxos ingredientes son piñóns, allo, queixo, aceite, e por suposto grelos. Usa produtos galegos como os grelos, lacón, pemento e queixo de tetilla.  

 Trátase dunha colaboración coa Comisión das Festas do Monte Santa Trega, polo que o prezo de 5€ de cada sándwich irá destinado á organización da festa. Este evento conta coa colaboración de Delikia, A Rosaleira, Eroski Center, As Brasas e o Concello da Guarda.  

 O alcalde Roberto José Álvarez Carrero, resaltou que “este evento é unha mostra de como todos os guardeses e guardesas aportan o seu gran de area para o beneficio de toda A Guarda. Tras o apoio recibido pola vila para Juan é agora el quen o devolve para o beneficio das grandes festas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario