30 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés volve á Liga co reto de Rocasa 

O equipo baixomiñoto recibirá este martes (20:30 horas) ao Rocasa Gran Canaria, segundo clasificado, na vixésimo cuarta xornada ligueira e no seu primeiro encontro dunha semana na que lle espera dobre cita como anfitrión 

As de Ana Seabra buscarán estender as boas sensacións de Europa a unha Liga na que vén de só unha vitoria en cinco partidos 

A convocatoria volverá ser de 14 xogadoras, con todas elas dispoñibles a excepción de Elena Martínez, que segue de baixa 



Redacción Deportes / A Guarda
 
 O Mecalia Atlético Guardés volve á mentalidade ligueira cun grande reto. As de Ana Seabra recibirán este martes, 31 de marzo, ás 20:30 horas, no pavillón municipal A Sangriña, ao Rocasa Gran Canaria, segundo clasificado e unha das sorpresas da tempada, no encontro de vixésimo cuarta xornada e que ademais será o primeiro dunha semana que lle augura outra cita coma anfitrión este mesmo sábado ante o Elda. O equipo buscará prolongar as boas sensacións de Europa valéndose dun cadro de persoal que segue nutrido, coa única baixa de Elena Martínez. 

 O Guardés chega con ganas de seguir na nube á que subiu despois da clasificación europea. O pasado sábado, o traballo en equipo e o esforzo de loitar contra tódalas circunstancias tivo os seus froitos nos derradeiros tres segundos do encontro de volta de cuartos de final da EHF European Cup contra o Atticgo BM Elche, cando Jazmín Mendoza anotou sobre a bucina o gol que precisaban as súas para selar o pase a semifinais (20-20; 41-40 o global). Apenas tres días despois, o equipo baixomiñoto segue a sentir a sorte da súa parte, ademais do merecido orgullo trala grande actuación defensiva e precisión ofensiva que recobrou en toda a eliminatoria continental, despois da fochanca vivida nos partidos previos. 

 Este martes, na primeira das dúas citas coma anfitrión que lle esperan esta semana, o obxectivo será estender esas boas sensacións ao ámbito nacional, no que acumula unha serie de resultados algo menos positiva. Cun único triunfo nos seus últimos cinco partidos, as de Ana Seabra precisan dos dous puntos para asegurar o seu lugar entre os catro primeiros postos da clasificación, que se traducirán en vantaxes de pista na eliminatoria polo título. As da Guarda ocupan agora mesmo a última desas prazas con 31 puntos, seguidas moi de preto polo Replasa Beti-Onak no quinto lugar e con 30. A terceira posición, ostentada polo Costa del Sol Málaga (35 pts.), non é xa posible polos catro puntos que o separan dun rival contar o que ten perdido o golaveraxe. 

 A recuperación ligueira parece unha realidade posible grazas á dun cadro de persoal moito máis nutrido ca nas últimas xornadas. A reaparición de efectivos importantes notouse na eliminatoria europea e espera facerse ver tamén este martes, da man das 14 xogadoras que seguen dispoñibles. Mantense unicamente a baixa de Elena Martínez, á espera aínda dos resultados das probas realizadas sobre a súa posible lesión muscular nun xemelgo, e pode que se una algún reforzo da base do Club. A última vez que o Guardés competiu na Liga, o pasado 18 de marzo na casa do mesmo Elche, chegaba moi minguado en recursos, con tan só 11 xogadoras e sen rotacións para a súa primeira liña, polo que este martes poderá despregar o seu xogo na casa con moita máis comodidade. 

 Ese é o obxectivo ante o segundo clasificado e o equipo que foi unha das sorpresas da tempada. O Rocasa Gran Canaria, con 36 puntos, chega metido de cheo na pelexa polo liderado contra un Super Amara Bera Bera que se ergue primeiro con 39 e un partido máis. No seu percorrido no actual curso inclúense importantes vitorias contra rivais directos e contra o mesmo Guardés, ao que recibiu na undécima xornada para custarlle a súa primeira derrota do ano (24-22, novembro). Dende entón moito cambiou no equipo teldense, aínda que para ben, comezando polo seu adestrador: o banco ocúpao agora Dejan Ojeda, o técnico máis novo da Liga con tan só 27 anos, e dende a súa incorporación en decembro só viviu dúas derrotas co equipo. A segunda delas, con todo, foi na pasada xornada na casa do Elda Prestigio, e de xeito bastante folgado para as canarias (24-16, 21 de marzo), froito da falta de consistencia defensiva e das precipitacións ofensivas. Está claro que as insulares reconfigurarán tódalas súas armas para a súa visita á Sangriña.  

Ana Seabra: “Sabemos que é un equipo diferente, pero temos claro que queremos impoñer o noso ritmo” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, destaca do Rocasa que “está a facer unha grande tempada”. Para a técnica, o principal obxectivo será “traballar ben e manter as boas sensacións da nosa actuación en Europa”, buscando que o regreso á Liga non supoña unha nova fochanca psicolóxica, aínda que ten claro que o seu rival non o porá nada sinxelo. 

 Seabra considera ao insular coma “un equipo diferente, con outro estilo de xogo e experiencia”, chaves que o levaron a onde está esta tempada, pero ante as que “temos claro que queremos impoñer o noso ritmo, controlar mellor o noso xogo e manter a nosa solidez defensiva”. Un choque entre dous conxuntos fortes e necesitados de puntos que, conclúe a técnica, pode deixar “un partido bastante equilibrado”.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 24

Mecalia Atlético Guardés – Rocasa Gran Canaria 

Martes, 31 de marzo | 20.30 horas | Pavillón da Sangriña 

Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario