BALONMÁN FEMININO
O Guardés clasifícase sobre a bucina e espera rival para semifinais (20-20; 41-40 global)
• O equipo baixomiñoto logrou a fazaña este sábado en Elxe e clasificouse a semifinais da EHF European Cup grazas a un gol de Jazmín Mendoza a tres segundos do final
• Tras un inicio de partido máis sólido, as ilicitanas dominaron gran parte do partido e chegaron a poñerse tres goles por diante, ata que un tempo morto de Ana Seabra no 45 provocou a reacción guardesa definitiva
• As da Guarda coñecerán ao seu rival mañá, cando termine o encontro entre Costa do Sol Málaga e Hazena Kynzvart (República Checa) que chega cun 33-18 na ida para as españolas
• Os seis goles de María Sancha e a achega de Mínguez baixo paus na segunda parte, o máis salientable
Redacción Deportes/ Elxe
O Mecalia Atlético Guardés vence e convence. As de Ana Seabra obraron o milagre este sábado en Elxe clasificándose a semifinais da EHF European Cup pola mínima e sobre a bucina despois dun encontro máis ben decantado cara ao seu rival. Tras un inicio sólido para as da Guarda, o conxunto ilicitano logrou sacalas do partido e chegou a poñerse por diante no global da eliminatoria na segunda metade con ata tres goles de vantaxe. Pero foi un tempo morto solicitado polo equipo baixomiñoto no minuto 44 o punto de inflexión do partido, que fixo pasar ás súas dun 16-14 ao 20-20 final, cun último gol de Jazmín Mendoza in extremis que foi o causante de que a eliminatoria non se decidise por unha rolda de sete metros. Pode desfrutar da épica un Guardés que xa se atopa entre os catro mellores da competición e que coñecerá ao seu rival este domingo, na resolución da eliminatoria entre Málaga e Kynzvart á que as españolas chegan cunha vantaxe de 15 goles.
O primeiro gol demorouse máis de tres minutos en chegar, e fíxoo da man de Paula Agulló despois de que o Guardés desaproveitase varias oportunidades ofensivas. O ritmo de partido e a tensión eran moi altos desde o comezo, coas anfitrioas ofrecendo unha gran resistencia defensiva. As de Seabra non responderon ata despois, con dous goles de María Sancha, o segundo deles desde a liña de sete metros (1-2, min. 5).
O equipo baixomiñoto encadeou un inicio bastante sólido, con Cecilia Cacheda completando o parcial 0-3 que comezaba a incrementar a distancia no marcador.
O Elxe, pola súa banda, estaba moi desacertado especialmente no ámbito ofensivo onde acumulaba xa varias perdas, e comezaba tamén a cometer fallos na súa protección da portería. Deu dúas oportunidades de penalti máis ao Guardés, só salvadas por unha Nicole Morales que parou primeiro a Sancha e despois a Téllez, limitando as posibilidades de cambio no marcador de xeito milagroso para as súas (1-3, min. 10).
Rocamora recorreu á defensa avanzada que tanto funcionara no partido de ida para ver se tería o mesmo éxito este sábado. Pareceu cambiar algo, ademais, na aproximación á portería de Balzinc, pois Noelia Solla anotou o segundo gol ilicitano do partido e o primeiro nuns 10 minutos, seguida por unha Jimena Laguna que apertaba o resultado (3-4, min. 13).
Comezou a seguir o ritmo e achegarse perigosamente agora o conxunto local, pechando filas nesa barreira atenta que non deixaba respirar a ningunha xogadora guardesa e cedía o xusto e necesario. Tamén fabricaron máis ocasións no xogo de ataque, aínda que sen desfacerse de erros que daban ás a unhas visitantes polo xeral máis metidas no partido (4-6, min. 19).
O maior lastre a partir de agora para as da Guarda, e un importante, estaba a ser o acerto desde a liña de sete metros, onde só puidera transformar dous balóns de seis oportunidades. No mesmo ámbito, con todo, as alacantinas si alcanzaban maior porcentaxe, e foi esa lucidez a que as levou a asinar o primeiro empate desde o inicio a falta de oito minutos para o descanso (6-6, min. 22).
Vanessa Rubio, artífice do gol do empate, marcou entón o da superioridade local tamén desde a posición de máxima penalización, reiniciando a eliminatoria (7-6, min. 24). Na parcial final desta primeira parte ao Guardés tocaríalle bogar por recuperarse e evocar a claridade demostrada a comezos do partido para ter opcións para a continuación. E aínda que había reacción, non se vía xa nas de Seabra a mesma concentración do inicio, incapaces de impoñerse ao ataque a sete dos seus rivais. Á desesperada, a adestradora chamou ao tempo morto cando Clara Gascó asinou a renda idéntica por terceira vez (9-8, min. 27).
E non só non funcionou a chamada de atención, senón que as súas continuaron sen definir as súas ocasións e deixaron paso a un Elxe que lograba poñerse por diante na eliminatoria por primeira vez coroando un 6-2 impecable, situación que se mantivo xa ata o asubío que marcaba o ecuador do partido (10-8, min. 30). Necesitaba recuperar a mentalidade o equipo baixomiñoto e facerse grande como o conseguira na Sangriña unha semana atrás e non facía tantos minutos neste mesmo partido de volta, se quería volver á Guarda coa praza en semifinais da EHF European Cup asegurada.
A segunda metade comezou con senllas faltas en ataque por parte de ambos os equipos, seguidas polo cuarto gol de María Sancha que devolvía o empate técnico á eliminatoria. Cacheda lideraba a misión ante unha defensa ilicitana que presionaba con garra, e aínda que a coordinación era boa non o era tanto a definición, topándose coas mans de Morais primeiro e anulada por unha infracción cando por fin pareceu chegar a cargo de Sancha desde os sete metros (10-9, min. 34).
Non acababa de atopar a clave para anotar un Guardés que, polo demais, ofrecía un desempeño excelente sobre o 40x20. Nin sequera podía aproveitarse das perdas rivais, tres xa desde a continuación, e aínda por riba debía tratar de frear agora a unha Carmen Figueiredo que saltaba á pista para facerse coa maior renda a favor das súas de todo o encontro (12-9, min. 37).
Agraváronse os problemas para as visitantes, apabulladas ante a súa incapacidade goleadora, ou máis ben ante as aparicións dunha Nicole Morales que acumulaba xa varias paradas seguidas e era a maior responsable dunha distancia que seguía expandíndose (15-11, min. 42). Saltaban as alarmas no banco baixomiñoto e Ana Seabra convocaba ás súas para tratar de evocar unha capacidade de reacción tal como a que o seu rival demostrara semanas atrás a domicilio na Sangriña.
E coma se algo fixese clic nese aparte, primeiro Cacheda e despois Ania Ramos transformaron por fin. Sancha respondeu o acerto de Figueiredo aproveitándose da porta rival baleira e estivo a piques de repetirse a xogada se non fose pola salvada milimétrica de Morales. Con todo iso sumado ás tres paradas de Sabina Mínguez, conseguía poñer contra as cordas aos poucos o equipo baixomiñoto a un rival que sabía que non podía dar nada por gando (16-14, min. 44). En 15 minutos para o final, todo podía suceder.
O tira e afrouxa seguiu e as da Guarda, completamente metidas por fin de novo no seu obxectivo, e levantado por unha Mínguez estratosférica nestes momentos, conseguía o milagre de reiniciar a eliminatoria a pesar de pecar de dúas faltas en ataque que podían ser catastróficas (17-16, min. 50). Rocamora chamaba agora ao tempo morto para frear a crecida galega que xa era unha realidade.
Pero a defensa pechou filas arredor da portería con acento de Mislata e provocou unha nova perda rival que Ania Ramos aproveitou á perfección desde o seu extremo. Cada acción contaba nos oito minutos que restaban, e sabíao un Elxe que loitaba por cada balón, como o de Lisa Oppedal que foi o primeiro en chegar á rede galega en cinco minutos (18-17, min. 52).
Sabíao tamén Nicole Morales, moi presente coas 11 paradas que xa contaba e seguía contando. A gardameta ilicitana apareceu de novo cando máis a necesitaron as súas, con dúas paradas que ameazaban con selar o destino dun partido que, grazas ao acerto de Laguna, tiña agora o seu nome (19-17, min. 55).
Debía intentalo todo o Guardés neste epílogo, e así o fixo. E con éxito, pois a seguinte acción foi un gol de Blazka Hauptman que recuperaba o empate, seguido pola enésima perda de balón ilicitana e por unha Lorena Téllez desde sete metros que recuperaba as opcións de vitoria guardesa (19-19, min. 58).
Era entón Joaquín Rocamora quen paraba o reloxo para planificar os dous minutos finais. Figueiredo seguiu as súas ordes á perfección e materializou o seu enésimo canonazo, que apuntaba xa a sentenciar a resolución da eliminatoria á quenda de sete metros ante os senllos erros de Ramos e Palomo para a porta local. Con posesión para o Elxe e os nervios a flor de pel, a defensa guardesa non decepcionou e esgotou as oportunidades dunha Jimena Laguna que terminou por ceder o balón. Ana Seabra utilizaba a súa última interrupción para deixar atados trece segundos nos que as súas podían librarse do destino caprichoso dos penaltis; e así o conseguiron. A asistencia de Cacheda ao extremo de Jazmín Mendoza foi perfecta, e a paraguaia encaixouna por fin na rede de Nicole Morales despois de intentalo sen éxito durante todo o encontro (20-20, final). O Guardés obraba a fazaña e poñía contra as cordas a un Elxe que se viu gañador en moitos momentos da eliminatoria, para clasificarse por fin a unha semifinal europea histórica para o Club baixomiñoto. O seu rival coñecerao - como xa indicamos - este domingo, na resolución dos cuartos de final que reúnen ao Costa do Sol Málaga co Hazena Kynzvart checo e que chega cun 33-18 na ida a favor das españolas.
Atticgo BM Elxe (10+10): Clara Gascó (5), Carmen Figueiredo (4), Jimena Laguna (3), Lisa Oppedal (3), Vanessa Rubio (3), Paula Agulló (1), Noelia Solla (1), Patricia Méndez, Azul Spinelli, Zaira Benítez, Paola Bernabé, Laura Ferrer, Trindade Bomabá, Rosa Leal, Nicole Morales (p.) e Udane Bernabé (p.).
Mecalia Atlético Guardés (8+12): María Sancha (6), Lorena Téllez (3), María Palomo (3), Blazka Hauptman (2), Cecilia Cacheda (2), Ania Ramos (2), Jazmín Mendoza (1), Carme Castro (1), África Sempere, Rosane Serrano, Nerea Gil, Ariana Portillo, Amandine Balzinc (p.) e Sabina Mínguez (p.).
Marcador cada cinco minutos: 1-1, 1-3, 3-5, 4-6, 7-6, 10-8, 10-9, 14-11, 16-14, 17-15, 19-17, 20-20.
Árbitros: Linus Hardegger e Simon Hardegger. Amoestaron con cartón amarelo á visitante Jimena Laguna e excluíron con dous minutos ás visitantes Vanessa Rubio, Trinidad Bomabá, Patricia Méndez e Noelia Solla.
Incidencias: Partido de volta de cuartos de final da EHF European Cup 2025/2026, disputado Pavillón Esperanza Lag (Elxe), con asistencia maioritaria obviamente, de seareiros ilicitanos, máis tamén unha representación de afeccionados desprazados dende O Baixo Miño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario