29 de mar. de 2026

CULTURA

A Real Academia Galega de Belas Artes adícalle ao fotógrafo e cineasta alaricano José Suárez, o Día das Artes Galegas, 2026

Será o vindeiro día 1 de abril, na Casa da Cultura de Allariz




Redacción / A Coruña

 A Real Academia Galega de Belas Artes, co gallo do Día das Artes Galegas 2026, homenaxeará este ano a figura do fotógrafo e cineasta José Suárez. 

 O acto central terá lugar o mércores día 1 de abril na Casa da Cultura de Allariz, a vila natal de José Suárez. A cerimonia contará cunha ‘laudatio’ institucional pronunciada por Xurxo Lobato, quen analizará a traxectoria dun autor que, tras unha formación intelectual e un pensamento liberal, converteuse no fotógrafo galego máis internacional. 

 Na presentación do programa de actos, Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes lembrou que a elección de José Suárez realizouse no Pleno da Academia en xuño de 2025, recoñecendo a súa figura como un referente artístico de dimensión mundial. 

 A programación do Ano José Suárez articúlase a través de máis de trinta actividades que percorrerán a xeografía galega. O cartel anunciador desta edición recupera a imaxe ‘Javiota’, un detalle da soada serie ‘Mariñeiros’ capturada en 1936. Nesta fotografía, que retrata a un neno coa maqueta dun barco, resúmese a mirada de José Suárez cara á xente do mar nas Rías Baixas. A difusión do seu legado contará coa distribución de carteis por toda Galicia e exemplares fotobiográficos destinados aos centros de ensino, ademais da publicación do discurso institucional que se pronunciará en Allariz.

 No mes de abril, a actividade intensificarase cunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, comisariada por Carlos L. Bernárdez co asesoramento de Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón. A Xunta de Galicia tamén se suma á efeméride coa reedición do libro  ‘José Suárez: Unos ojos vivos que piensan’.

 A divulgación da súa obra alcanzará tamén o ámbito académico. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), xunto ao Colexio de Xornalistas de Galicia, celebrará un acto coa participación de Xosé Luis Suárez Canal e Xurxo Lobato. Pola súa banda, a editorial Galaxia presentará o libro ‘Tras da mirada de José Suárez’, da autora Olaia Sendón.

 Estas citas completaranse con xornadas no Ateneo de Santiago e no Consello da Cultura Galega, analizando o seu paso por Arxentina, Uruguai ou Xapón, e os seus vínculos con intelectuais como Miguel de Unamuno, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Rafael Alberti ou o cineasta Akira Kurosawa.  

 Durante o segundo semestre do ano, a programación continuará coa inauguración da exposición itinerante ‘José Suárez, vida e obra’ na Deputación de Lugo. En setembro, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá a xornada ‘José Suárez e a arte do seu tempo’, mentres que o Campus de Ourense da Universidade de Vigo organizará unha nova mostra. O peche do ano virá marcado pola súa vertente cinematográfica, coa presentación dun documental dirixido por Xurxo Lobato e un ciclo de cinema na Filmoteca de Galicia coordinado polo catedrático José Luis Castro de Paz.

José Suárez

 José Suárez Fernández (Allariz, 17 de decembro de 1902 – A Guarda, 5 de xaneiro de 1974) empeza a facer fotos cando aproba o  Bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara fotográfica. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca. A partir de aí, comeza a facerlle fotos as súas irmáns e a publicar algunhas reportaxes como afeccionado en Vida Gallega  sobre Allariz e a súa Festa do Boi. Tamén fotografía terras de Salamanca, como La Alberca, Candelario, Peña de Francia… En 1932 realiza as series etnográficas da romaría de San Vitoiro  (Allariz), dos oleiros (Niñodaguia), de beiramar (Rias Baixas), da malla  (Paicordeiro e San Salvador dos Penedos, no concello de  Allariz), ou os carros e as feiras. Nestas series apréciase xa a vinculación coa nova linguaxe das  vangardas  fotográficas.  

 No 1935 expón en París, no Office National Espagnol de Tourisme, e en Madrid. Comeza a rodar no ano 1936 o documental “Mariñeiros”, interrompido polo Golpe de Estado. Exíliase na Arxentina en 1937, e alí vai traballar como realizador e director de fotografía en varios filmes.  

 En 1938 dirixe o filme “La mujer y el jockey”. É premiado pola fotografía no filme “Malambo” no 1942. Foi fotógrafo no xornal “La Prensa”, en Bos Aires. Vive en Uruguai desde 1950 onde rexenta a libraría “El yelmo de Mambrino”. En 1956 viaxa a Xapón de correspondente de prensa. Alí namórase da cultura nipona e o teatro clásico “Noh”. Coñece ao director de cine Akira Kurosawa, co que mantivo unha boa amizade. Colabora coas revistas “Life”, “US Camara”, “Vida gallega”, “Galicia emigrante”, “Atalaya”, “Ahora” e “Cinegraf”, entre outras. No 1959 volve a España, e edita un libro sobre “La Mancha” e outro sobre o mundo dos touros para unha editorial inglesa.  

 Foi amigo e colaborou con Carlos Velo, Luís Seoane, Ramón Pérez de Ayala, Nuñez Búa, Luis Tobío, Eduardo Blanco Amor, entre outros. No caso de Rafael Alberti, este dedícalle un debuxo.   

 Ilustra parte da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo. Desde o ano 1971 participa nas tertulias do hotel Miño de Ourense onde é moi querido por Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.  

 Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.  

 A iniciativa desta celebración do Día das Artes Galegas naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188  dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición de 2025 a figura homenaxeada foi o artista multidisciplinar compostelán Isaac Díaz Pardo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario