31 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés confirma a súa recuperación e desarma ao Rocasa (25-21) 

O equipo baixomiñoto logrou impoñerse con madurez este martes na Sangriña ao Rocasa Gran Canaria, segundo clasificado, para levarse os dous puntos dun partido máis ben axustado 

As de Ana Seabra comezaron liderando, para pagar despois as numerosas perdas de balón (12 en todo o partido) e vivir un encontro empatado ata ben entrada a segunda parte. Aínda que o rival foi superior, a reacción guardesa igualou a presión ata selar a vitoria nos minutos finais 

A definición dun ataque en que destacou o extremo de Portillo (4 goles) e o liderado de Cacheda (6) e Sancha (5) viuse completada á perfección pola defensa da portería de Balzinc, con 11 paradas na segunda parte 


María Sancha, capitá do Mecalia Atlético Guardés, enviando á bóla en dirección á porta visitante

Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés confirma que o seu non é flor dun día. As de Ana Seabra certificaron a recuperación do seu ritmo habitual e a superación da mala fochanca este martes ante a súa afección na Sangriña, impoñéndose con madurez ante un dos contendentes polo título. O Rocasa Gran Canaria foi capaz de igualar o ritmo e chegar a dominar varios minutos desde mediados da primeira parte ata o epílogo do encontro, cando a reacción ofensiva liderada por unhas Cacheda (6 goles) e Sancha (5) moi atentas, e complementada pola definición dos seus extremos (4 goles de Portillo) puido selarse grazas á defensa da portería de Balzinc, con 11 paradas só na segunda parte. O Guardés suma dous puntos e aperta a loita pola parte alta dos postos da eliminatoria polo título. 

 O primeiro gol chegou da man de Lorena Téllez, capaz de sortear unha defensa insular aínda non moi metida no partido pouco despois do primeiro minuto de xogo. Á seguinte posesión local, Ceci Cacheda cedeu o balón ao extremo de Ariana Portillo, quen a encaixou entre as pernas da gardameta rival para marcar o segundo. Rocasa respondeu entón, aínda que non serviu de moito fronte ao seguinte gol de María Palomo, que comezaba a avultar o marcador (3-1, min. 4).  

 A defensa guardesa funcionaba con eficacia, forzando a maioría de lanzamentos locais, fronte a unha barreira rival que deixaba vía libre en máis dunha ocasión. Bloqueábase a ofensiva canaria, incapaz de atopar o oco e mesmo chegando ao pasivo ante a férrea protección baixomiñota da súa porta. Mentres, o ataque anfitrión seguía atopando facilidades, e o luminoso reflectía xa un desaxuste claro entre ambos os equipos (6-2, min. 9), obrigando a Dejan Ojeda a solicitar o tempo morto. 

 E o toque de atención produciu efecto, pois en apenas uns instantes as de Telde apertaron o seu defensa e asestaron un demoledor 0-4 que deixou o partido en táboas por primeira vez desde o 0-0, facendo saltar as alarmas esta vez no banco guardés (6-6, min. 12). Debía recompoñerse o Mecalia se quería demostrar de verdade que podía facer fronte a un dos contendentes polo liderado ligueiro. 

 O ritmo de goles incrementouse despois desta segunda interrupción, co marcador instalado xa na igualdade máxima. Converteuse nun diálogo o partido por un momento, aínda que foi breve. Comezou entón o conxunto local a cometer moitos erros non forzados, froito da precipitación no xogo de ataque unhas veces, e dunha defensa rival que obrigaba a esgotar os pases outras; e o Guardés encadeou perda tras perda ata ir a remolque das visitantes (10-11, min. 23). As consecuencias poderían ser máis graves, de non ser polas aparicións dunha Sabina Mínguez que xa freara cinco intentos do que fora o seu equipo, alén das propias présas dun rival que non sempre afinaba a puntería.  

 Restaban xa menos de cinco minutos para o descanso cando o Rocasa logrou aproveitarse dun novo erro anfitrión para romper a barreira da renda mínima e transformar a maior vantaxe ao seu favor de todo o encontro (11-13, min. 26). Sufría o Mecalia para recuperar a superioridade dos minutos iniciais, aínda que María Sancha levoullo ao privado e ela soa, primeiro desde os sete metros e despois cunha satisfactoria finta, anotou o 2-0 que encamiñaba o ecuador do partido a unhas novas táboas. Non houbo xa máis goles canarios no marcador, a pesar dos numerosísimos intentos dunha Larissa Nascimento que non desistía nas súas intencións. Si chegou o último de Cecilia Cacheda, que encamiñaba a segunda metade a unha superioridade local máis palpable, pero que de seguro debería ser moi traballada para manterse ata o final (14-13, min. 30). 

 A continuación chegou coa mesma intensidade defensiva de parte das canarias. Ao Guardés custáballe moito penetrar no 6-0 rival, e nas poucas ocasións en que o conseguía atopábase de fronte cunha Silvia Navarro que comezaba a realizar achegas moi necesarias para as súas. A súa mellor arma contra a falta de gol foi reforzar a súa propia protección da porta que agora gardaba Amandine Balzinc, e a seca de oportunidades comezou a xerar erros nun rival que acusaba agora tamén varias perdas. O primeiro gol galego desde o descanso demorouse uns cinco minutos en chegar, para imitar a renda mínima previa ao chifre (15-14, min. 35). 

 E se o goteo de goles non era efusivo, o ritmo do partido si se elevara con fartura, con ambos os equipos moi atentos a cada mínima cesión do adversario que puidesen aproveitar. Pareceu levar a dianteira agora o Rocasa, máis atento ao contraataque e que en moitas accións só se atopaba con Balzinc como obstáculo; aínda que cada vantaxe seguía sendo mínima (17-17, min. 39).  

 Iso, ata que a presión visitante comezou a notarse, pois aínda que o Guardés tomaba aire e respondía de cando en vez, o Rocasa dominaba agora o xogo cunha concentración impresionante, xerando xa dez perdas locais e facéndoo sufrir aínda máis coas sete paradas de Navarro baixo paus (17-19, min. 43). Restaban quince minutos en que o anfitrión debía recompoñerse e igualar a atención ata o final, pois o equipo insular non aparentaba ningunha intención de baixar o ritmo. 

 E para iso fixo méritos Ariana Portillo, que estaba a facer un gran partido en  termos de definición e volveu aproveitar as asistencias de Cacheda para cultivar das súas mans un novo 2-0 que volvía igualar, a pesar de as dificultades, a contenda. Aínda que o rival podía demostrar algo máis de actitude, o certo é que o Guardés estaba a ser capaz de apertar os dentes e aguantar o tipo para manterse con opcións. Os extremos funcionaban, e foi agora Carme Castro a encargada de anotar unha nova superioridade guardesa no marcador, algo que non sucedía desde inicios desta segunda parte (20-19, min. 46). 

 Cada mínimo erro pagábase caro, e por iso ata o de agora non deixaba de oscilar o ritmo do partido. Aproveitou un momento de menor tensión o técnico canario para tratar de reconducir o encontro cara ás súas, aínda que os dez minutos finais comezaban cunha clara superioridade local: comezou a facerse grande o ataque guardés e a verse máis amparada a súa defensa por unha Balzinc que encadeou tres paradas seguidas, mentres o Rocasa víase cada vez máis nervioso (22-19, min. 51). A bancada cuestionou varias decisións arbitrais pouco consistentes, como a exclusión de Portillo e a oportunidade de penalti que Therese Sundholm transformou; aínda que o tempo corría e o rival insular non era capaz de maximizar as oportunidades que minutos atrás si aproveitaba (23-20, min. 54).  

 A falta dun último parcial de cinco minutos, Ojeda parou o tempo unha terceira vez, mentres Seabra aínda reservaba ese dereito para o momento preciso. As insulares volveron crecer desde os sete metros, pero Balzinc sumaba xa dez aparicións en xogo nesta segunda parte e era en gran parte responsable de asegurar a renda de tres goles con acento guardés (24-21, min. 57). Menos de dous minutos despois, e sen ningún cambio no resultado a pesar dos intentos dun Rocasa á desesperada, pedía por fin a adestradora do Guardés parar o tempo, planificando o minuto final de xogo como ten por costume facer.  

 Aínda que tres goles nos compases que restaban parecían inalcanzables para un rival xa canso, non eran imposibles, e a afección xa celebraba dous puntos que apuntaban a quedarse na casa. O gol de Blazka Hauptman á continuación confirmouno, e pouco tempo quedou a un Rocasa que non puido aproveitar a súa última ocasión de reducir a distancia. As 11 paradas de Amandine Balzinc, demoledoras, foron clave para soster a reacción ofensiva liderada por Cacheda e Sancha e conseguida na recta final do partido, e o equipo baixomiñoto saíu airoso da súa propia casa cunha nova vitoria que confirmaba a súa recuperación para o peche de tempada (25-21, final). Este mesmo sábado, unha nova oportunidade para asegurar a súa praza na parte alta da eliminatoria polo título e despedir a fase regular cun novo triunfo ante os seus.  

Mecalia Atlético Guardés (14+11): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Jazmín Mendoza, Blakza Hauptman (2), Lorena Téllez (1), Cecilia Cacheda (6), María Palomo (4), Rosane Serrano, Carme Castro (3), Nerea Gil, Ariana Portillo (4), María Sancha (5), Ania Ramos, Amandine Balzinc (p.) e María Español.  

Rocasa Gran Canaria (13+8): Therese Sundholm (1), Almudena Rodríguez (1), Martina Lang (3), Larissa Nascimento (6), Lourdes Guerra (p.), María Correia (3), Silvia Navarro (p.), Ruth Artiles, Francieli Sothe (1), María Zaldua (3), Ana Medina, Ada Aparicio, María González (2) e Eider Poles (1).  

Marcador cada cinco minutos: 3-1, 6-3, 7-7, 10-10, 11-12, 14-13, 14-14, 17-18, 19-19, 21-19, 23-20, 25-21.     

Árbitros: Luis Colmenero e José Manuel Iniesta. Excluíron con dous minutos ás locais Rosane Serrano, María Palomo, Ariana Portillo e Lorena Téllez, e ás visitantes María Zaldua (2), Francieli Sothe e Therese Sundholm. 

Incidencias: Partido de vixésimo cuarta xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón municipal da Sangriña. Antes de comezar realizouse un recoñecemento ao equipo cadete do Club Balonmán Atlético Guardés, que vén de proclamarse campión da liga Ouro a nivel autonómico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario