28 de mar. de 2026

A GUARDA

O mar galego busca as súas voces máis novas: ábrese o prazo do VIII Certame Literario Xosé Carlos Gómez Alfaro "Homes e mulleres do mar"  

  ORPAGU convoca aos nenos e nenas de entre 10 e 12 anos de toda Galicia a participar ata o 30 de abril cun relato curto en galego  




Mar Bermúdez / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) convoca a oitava edición do Certame Literario Xosé Carlos Gómez Alfaro "Homes e mulleres do mar", un concurso de relato curto en lingua galega dirixido a nenos e nenas de entre 10 e 12 anos de toda Galicia. O prazo de presentación de traballos estará aberto entre o 1 e o 30 de abril. 

 O certame nace co obxectivo de promocionar a literatura galega e achegar aos máis novos ao mundo da creación literaria, poñendo en valor o traballo e a vida das persoas que viven do mar. 

 Os relatos terán que estar escritos en galego, ser orixinais e inéditos, e ter entre dous e seis folios de extensión (arial 11, dobre espazo, por unha soa cara). Só se admite un traballo por participante e debe ser de ficción, non ensaio nin redacción. 

 Os traballos entregaranse en formato papel, por triplicado e sen asinar, nun sobre cerrado na sede de ORPAGU (rúa Manuel Álvarez 16, baixo, 36780 A Guarda, Pontevedra), en horario de 09:00 a 17:00 de luns a xoves e de 09:00 a 15:00 os venres. Xunto ao sobre co relato, achegarase outro sobre cerrado cos datos persoais do autor ou autora. 

 Os premios inclúen unha tablet, un galardón conmemorativo e un lote de libros. A entrega terá lugar o 6 de xuño na sede de ORPAGU en A Guarda. 

 Este ano o xurado esta formado por tres figuras destacadas do ámbito literario galego: Anna R. Figueiredo, escritora, profesora e doutora en Física, autora de obras como Os bicos feridos (Premio Viadutos de Novela) e o ensaio Feminismos. A historia cóntana as vencedoras; Tensi Gesteira, xornalista e crítica literaria, responsable do proxecto de divulgación Lecturafilia; e Manuel Esteban, escritor e médico, gañador do Premio Xerais de Novela 2016 con A ira dos mansos e autor de títulos como A lei do mar (2025). 

 O fallo do xurado publicarase o 16 de maio na web de ORPAGU e podedes consultar as bases completas na web  www.orpagueducativo.com/certame-literario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario