14 de xan. de 2013

SALCEDA DE CASELAS


O PP de Salceda de Caselas critica o “caos e a falta de planificación” das actividades de Nadal
Acusa ao Goberno local do BNG de escatimar fondos para estes eventos, mentres despilfarra en folletos e revistas propagandísticas

·        Denuncia o prexuízo que para o comercio local supuxo a mala organización de diferentes obras durante os días que concentran as compras de Nadal
·        A mala organización da carreira de San Silvestre, pechando todos e e cada un dos accesos ao casco urbano e, incluso a saída á estrada de O Porriño ocasionou un gran malestar

Infogauda / Salceda de Caselas
 Os veciños e veciñas de Salceda de Caselas, así como os visitantes que durante as festas de Nadal decidiron achegarse a este concello, puideron comprobar que o elemento central dos actos organizados polo Goberno local foi “o caos e a falta de planificación”, afirma o PP.
Así o denuncian desde o PP local, que lamenta que o BNG “co permiso e o compadreo do PSOE”, escatime fondos en actividades que contribúen a dinamizar o comercio local e a crear un ambiente festivo e alegre que sempre repercute na mellora da economía mentres “despilfarra diñeiro a esgalla en revistas e folletos propagandísticos”.
Neste sentido, o voceiro do PP local, Santiago Rodríguez Davila, denuncia que, á escaseza de iluminación navideña que xa vén sendo un costume nos últimos 3 anos, se suma a mala planificación das obras durante estas datas.
Os populares critican que o Goberno local mantivese as obras de canalización de gas e telefonía durante os días e nas horas de maior afluencia para facer as compras de Nadal, ocasionando así un serio problema ao comercio local, xa que moita xente optou por ir mercar a outras zonas. “Isto demostra a falta de previsión e de planificación do BNG que, podendo modificar o calendario de actuacións en beneficio do comercio e dos veciños, non moveu un dedo e provocou que o día 24 de decembro, o casco urbano do concello fose un verdadeiro caos con motivo das obras”.
Outro exemplo de mala planificación e de desorganización foi a carreira de San Silvestre que, malia ser unha boa iniciativa, quedou deslucida pola mala organización do Goberno local, que “a converteu nun verdadeiro problema e motivo de malestar” polo peche total do tráfico en todo o núcleo urbano.
Os populares salientan que, aínda que é inevitable que un evento deste tipo ocasione certas molestias, o que non é de recibo “é que se pechasen todas e cada unha das rúas e todos os accesos en todas as direccións, sen poñer en marcha alternativas posibles para os condutores”.
A “TACAÑERÍA” DOS REIS
A todos estes problemas súmase a citada escaseza de iluminación e ambientación navideña, dado que o Goberno local só coloca luces nos edificios municipais (Casa do Concello, casa cultural, edificio Devesa) nunha árbore nunha rotonda e un arco de luz en cada parroquia,  deixando a todas rúas sen o máis mínimo motivo navideño e dando “unha imaxe penosa para unhas datas de ilusión e alegría”.
Para o PP local isto non é unha cuestión de gustos, senón que supón frear o dinamismo económico, xa que a falta de ambientación navideña diminúe o movemento comercial, tal e como comprobaron boa parte dos concellos que en 2011 optaron por reducir iluminación e en 2012 tiveron que volver a colocala porque os prexuízos á economía local eran cuantiosos e non compensaban o aforro en electricidade.
Neste sentido, os populares lamentan que o Goberno local non tomara nota e, mentres gasta sen ton nin son en propaganda, “racanee” en eventos como a propia Cabalgata de Reis, que non incluíu nin un só agasallo para os máis os pequechos, que se quedaron coa imaxe “duns Reis bastante tacaños”.
Rodríguez Davila, que quere felicitar e agradecer a colaboración e o traballo feito polas asociacións para que puidese celebrarse a Cabalgata, critica a falta de implicación do Goberno local que, escudándose na falta de cartos, escatima ata o estremo nestes eventos.
Unha actitude, lembra Davila, totalmente inxustificada se se ten en conta que “logo se gastan en folletos e revistas propagandísticas –que moitas veces, aínda por riba, quedan sen repartir e tiradas polas dependencias municipais-, máis de 8.000 €”.
“Ese é o modelo de xestión do BNG co permiso e compadreo do PSOE”, conclúe o voceiro popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario