3 de xul. de 2013

PONTEVEDRA

O curso da UIMP será clausurado mañá polo conselleiro de Medio Ambiente e o Presidente da Deputación
OS PARTICIPANTES NO CURSO SOBRE XESTIÓN SOSTIBLE DOS RSU SALIENTAN A NECESIDADE DE APOSTAR POR UNHA XESTIÓN CONXUNTA OU MANCOMUNADA

     ·       Na xornada de hoxe estanse a abordar os distintos modelos de xestión que funcionan en Galicia e as posibilidades de valorización dos residuos

·       A necesidade de adaptarse ás novas normas comunitarias e á lexislación estatal conducen boa parte das análises de futuro
·       Na provincia de Pontevedra, os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo, Mondariz e Pazos de Borbén son os que menos residuos por habitante e día xeran
·       Os concellos costeiros presentan as máis elevadas taxas de produción de lixo por habitante
Os participantes no curso sobre Xestión Sostible dos Residuos Urbanos: beneficios ambientais, económicos e sociais están a analizar na xornada de hoxe os distintos modelos de xestión que funcionan en Galicia, como Sogama, o da Mancomunidade do Barbanza  ou a xestión intermunicipal de Ourense, así como as posibilidades de valorización enerxética dos residuos, que será o tema central dunha das conferencias da tarde.
Unha das conclusións que se está a poñer sobre a mesa é a necesidade de apostar por una xestión mancomunada ou agrupada  do lixo, de forma que se lle saque o máximo rendemento aos recursos; así como a indispensable implicación social nun mellor tratamento do lixo, avanzando nun novo concepto do residuo xa non como un problema senón como un recurso para poñer en valor.
As liñas de futuro estarán marcadas fortemente pola directiva europea de residuos, pola nova lexislación estatal e polo Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos, que buscan que en 2020 se teña andado un amplo camiño para, por unha banda, reducir a produción de lixo en orixe e, por outra, incrementar notablemente a porcentaxe de residuos que se separan nos fogares e se destinan á reutilización e reciclaxe.
Nesta liña, no diagnóstico presentado no primeiro día deste curso no marco da conferencia sobre os Retos do Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020 sobre a situación da xestión do lixo en Galicia percíbese que as provincias costeiras de A Coruña e Lugo son as que teñen unha maior produción de lixo por habitante e, especialmente, toda a franxa das Rías Baixas.
De feito, a práctica totalidade dos concellos da costa de Pontevedra xeran máis de 1,10 quilos de residuos por habitante e ano, algo que está relacionado, en boa medida coa poboación flotante destes concellos, igual que no caso de A Lama, que, malia estar rodeada de municipios nos que a produción de residuos non acada os 0,77 quilos por habitante e día, é un dos poucos municipios do interior, xunto con Lalín e Silleda, que ten unha produción de residuos de entorno ao quilo por habitante e día (entre 0,91 e 1,10 kg/hab/día).
No extremo contrario sitúanse os únicos catro concellos da provincia que apenas chegan ao medio quilo de residuos diarios por habitante, con son Campo Lameiro, Cerdedo, Mondariz e Pazos de Borbén.
Por comarcas, son as de Condado-Paradanta, Tabeirós-Terra de Montes, Caldas e os concellos do interior de Pontevedra os que menos produción xeran.
CLAUSURA
Tras a xornada de hoxe, na que se puxeron sobre a mesa o modelo de Sogama, da Mancomunidade do Barbanza e de Ourense, mañá serán o modelo da Deputación Provincial de Pontevedra e as estratexias para unha mellor e maior concienciación social as que ocupen boa parte da mañá, así como unha mesa redonda na que se fará balance do andado nesta materia en Galicia e das posibles problemáticas e solucións que se presentan agora e de cara ao futuro.

Posteriormente, será o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, os encargados de pechar as xornadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario