23 de mar. de 2013

SILLEDA

Diego Gago foi o encargado de ler un comunicado sobre Preocupacións cidadáns: buscando solucións

O relanzamento de sectores produtivos e as estratexias sectoriais de base tecnolóxica, clave para o futuro

Diego Gago Bugarín, presidente provincial de NNXX
·        “Non hai maior fracaso nunha sociedade que unha xuventude sen oportunidades”
Infogauda / Pontevedra
  Reforzar estratexias sectoriais de base tecnolóxica que xeren emprego, innovación e valor engadido; impulsar os sectores clave da economía galega; poñer en valor os recursos propios; relanzar o sector agroalimentario e apostar por un modelo de xestión forestal integral, son algunhas das propostas expostas esta mañá no XVI Congreso Provincial do PP como clave para loitar contra a actual crise e poñer en marcha un novo modelo económico.
O presidente provincial de Novas Xeracións, Diego Gago, foi o encargado de dar lectura ao comunicado Preocupacións cidadáns, buscando solucións, no que sinalou que a sanidade, a educación, a corrupción e o fraude, preocupan aos cidadáns “pero, sen dúbida, o noso principal problema é o paro, un auténtico drama social”, que require medidas contundentes.
Por iso, apostou por “poñer en marcha medidas que xeren a reactivación da demanda interna, como a mellor fórmula de preservar o emprego, o benestar e o progreso económico e social”.
Neste sentido, apostou por políticas de apoio “aos empresarios, emprendedores e autónomos, que son os que crean emprego” e por unha especial atención a sectores fundamentais da nosa economía, como o naval, a pesca, a acuicultura, a gandeiría, a agricultura o turismo ou o sector forestal.
Tras incidir en que Pontevedra ten un gran potencial, tanto en recursos materiais como humanos, o comunicado aposta por darlle un pulo especial a sectores infravalorados ou infrautilizados e que poden ser nichos de mercado cun gran futuro, como os vinculados á tecnoloxía e a innovación, a agricultura ou o sector forestal.
O comunicado recolle tamén o paro xuvenil como un problema especialmente serio, dado que “non hai maior fracaso nunha sociedade que unha xuventude sen oportunidades”, polo que aposta por medidas que favorezan o acceso ao mercado laboral dos máis novos, como as postas en marcha pola Deputación ou o Plan de Emprego Xuvenil do Goberno central.
SANIDADE E EDUCACIÓN
E canto aos servizos, o presidente de NNXX incidiu na aposta do Partido Popular pola defensa “dunha rede de servizos públicos que promova a igualdade de oportunidades e garantice os dereitos sociais fundamentais, como son a educación e a sanidade pública”.
“Necesitábamos unha reforma da educación pública –asegurou- que puxese fin a décadas de desastrosas comparativas dos nosos alumnos, con respecto ao resto de estudantes europeos” e defendeu a aposta por unha formación trilingüe que permita “transmitir a cultura a identidade e o idioma da nosa terra, pero que permita tamén poder defenderse nunha lingua común co resto de cidadáns do mundo, como é o inglés”.
Finalmente, asegurou que “como integrantes do primeiro partido político da provincia, non podemos permitir que a corrupción, o fraude e os partidos políticos se colen entre as primeiras preocupacións dos cidadáns”.
“Temos que alonxar do noso partido calquera sospeita de comportamento escuro e deshonroso, pechando as portas a todo aquel que veña á política a enriquecerse ou a beneficiarse”, dixo, antes de animar a “estar cerca dos cidadáns, pisar a rúa, escoitalos”, porque só así “poderemos recuperar a confianza dos cidadáns na política”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario