23 de mar. de 2013

SILLEDA

CONGRESO PROVINCIAL DO PARTIDO POPULAR DE PONTEVEDRA
- 23 de marzo de 2013 -

RELATORIO: A coordinación, clave para a eficiencia e sostibilidade dos servizos públicos: Cara a un novo modelo na xestión.

RELATOR: Agustín Hernández Fernández de Rojas.- Vicesecretario xeral do Partido Popular de Galicia



DO CRECEMENTO DOS SERVIZOS Á SOSTIBILIDADE

Os avances experimentados pola sociedade galega nas últimas décadas, nos que sen dúbida tivo un marcado protagonismo a acción política desenvolvida polo Partido Popular de Galicia a través dos sucesivos gobernos autonómicos e tamén desde as instancias provinciais e locais, fixeron que as dotacións e os servizos públicos fosen mellorando e incrementándose ata límites que dificilmente se podían prever.

Nese incremento da prestación de servizos públicos, as administracións locais foron adquirindo pouco a pouco maiores responsabilidades, asumindo maiores competencias en moi diversas áreas, o que foi comprometendo o seu financiamento, a súa calidade e, en último termo, a propia prestación realizada.

Os concellos foron ampliando servizos nas máis diversas materias: seguridade, protección civil, benestar... e asumiron tamén un bo número de competencias ambientais como o abastecemento e saneamento de auga, control de ruído, enerxía, parques ou saúde pública.

O crecemento económico de tempos pasados fixo posible unha progresión de servizos, que levou aparellado un incremento exponencial das estruturas funcionais e administrativas.

Co paso dos anos, pois, servizos e estruturas alcanzaron unha dimensión que desborda as responsabilidades e o financiamento asignados aos poderes locais.

É unha cuestión que afecta sobre todo aos pequenos concellos e que se ve agravado polas propias circunstancias e limitacións nese ámbito, como a dispersión da poboación, a ausencia de recursos técnicos e de infraestrutura ou a escaseza financeira.

E de forma moi especial, a tendencia demográfica que está a establecer unha dinámica dual con fortes incrementos de poboación na franxa occidental e acusados descensos no interior.

Desde os anos 60, concellos das principais áreas urbanas do litoral rexistraron fortes incrementos de poboación, onde Vigo dobrou o seu número de habitantes, Vilagarcía aumentou un 73% ou Pontevedra un 63%. Mentres concellos da Paradanta, Terra de Montes ou Deza tiveron descensos superiores aos 50%.

Iso fai, por unha parte, que a crecente concentración de habitantes da franxa litoral demande unha constante ampliación de servizos, e, por outra, que o despoboamento do interior comporte un custo exponencial deses servizos, que dificulta, cando non impide, o seu propio mantemento.

Certamente, estas circunstancias adversas non son de agora, teñen un carácter estrutural, pero que a actual situación de crise axudou a acusalas, ao encarecer os servizos cando máis se reducen os ingresos.


A NECESIDADE DA COOPERACIÓN

Por iso, imponse a necesidade de coordinar esforzos e evitar duplicidades, o que require impulsar a colaboración directa entre a Administración autonómica, provincial e local.

Hoxe, todos o constatamos, o funcionamento dos servizos públicos proxéctase nun marco de forte restrición.

O necesario acomodo a un contexto de disciplina orzamentaria fai imprescindible identificar onde se producen ineficiencias para lograr mellores servizos a un custo máis moderado e acadar a súa sostibilidade.

Neste contexto, a unión, máis que unha opción, estase a converter xa nunha obriga.

É preciso chegar a acordos concretos para a prestación dun servizo, ceder competencias ou, mesmo, se así se acorda, fusionar municipios.

Faise ineludible que as administracións reformulemos as nosas pautas de actuación, tendendo cara a figuras máis compactas, que propicien unha maior eficiencia con menores custos e que evite o solapamento de servizos e funcións.


DO MARCO AUTONÓMICO AO LOCAL

Iso foi o que o Partido Popular asumiu hai catro anos cando chegou ao Goberno da Xunta de Galicia: emprender unha redución da estrutura administrativa, pasando de 13 a 8 consellerías, eliminando medio cento de altos cargos nas provincias e dando de baixa arredor dun 90% do parque móbil. Temos 73 organismos en proceso de supresión e máis de 40 sometidos a melloras de xestión.

E nese camiño continuamos, para optimizar recursos humanos e económicos, co compromiso de poñer en marcha nos vindeiros anos un Plan de Contratación Pública dos Servizos e Subministracións comúns, para seguir reducindo o gasto interno e liberar recursos co fin de apoiar e soster os servizos públicos esenciais que reciben os cidadáns.

Desde o Partido Popular, desde a responsabilidade que nos confire gobernar na Xunta de Galicia, en tres das catro deputacións provinciais e en 7 de cada 10 concellos, temos a obriga  de formular propostas e procurar alternativas para fortalecer a capacidade dos nosos concellos e lograr unha maior eficacia e eficiencia das capacidades e dos recursos públicos.

No Goberno galego vimos traballando nos últimos anos nesa dirección co obxectivo de xuntar esforzos, de promover medidas que favorezan a necesaria cooperación municipal.

Non se trata de elaborar complexos estudos, nin redactar voluminosos informes que fagan evidente o que está á vista de todos.

Tampouco se fala dun baleirado de competencias senón de evitar un baleiro de servizos.

Trátase, en definitiva, de poñer en marcha medidas reais e efectivas co máximo respecto pola autonomía local, flexibilidade nas propostas, con plena validez para cada nivel institucional e con independencia de criterios partidarios que impidan ou dificulten o claro e único fin do interese xeral.

Polo tanto, autonomía plena, máximo apoio e nula interferencia.

De acordo con estes principios estase a articular a estratexia autonómica para potenciar a cooperación municipal, con incentivos e medidas de estímulo que buscan provocar unha adhesión voluntaria.

Porque cando dous concellos optan por traballar de forma conxunta obtéñense economías de escala, redúcense de forma notable os gastos de administración e optimízanse os recursos públicos, podendo sanear deste xeito as arcas municipais.

Nesa dirección sitúase o Decreto autonómico que regula as subvencións ás entidades locais, unha clara aposta pola cooperación e a unificación municipal, anticipando fondos e primando a mancomunidade de servizos e a eficiencia na xestión.

Nesa liña de cooperación comezan a agromar iniciativas pioneiras como o Centro de Día do Val Miñor, onde tres concellos  -coa colaboración da Administración autonómica- dividen custos e suman novos servizos.

É só unha mostra do moito que se pode conseguir xuntando esforzos nas diferentes áreas: na cultura ou no deporte, compartindo equipamentos; na mobilidade, como se está a facer cos plans de transporte metropolitano; nos parques empresariais ou nos programas asistenciais.

Os ámbitos de actuación son practicamente innumerables, en correspondencia coas múltiples competencias que a lexislación lles confire aos municipios.

O importante non é que un concello teña un servizo ou un equipamento radicado no seu termo municipal, senón que o conxunto dos veciños, poidan acceder a ese servizo.

Existen dous campos que, pola súa condición de servizos básicos e polos elevados custos da súa implantación e xestión, merecen unha especial atención.

Trátase da recollida e xestión dos residuos urbanos e dos servizos de abastecemento e de saneamento, materias atribuídas en exclusiva á competencia municipal, que pola súa natureza son terreo aboado para que nel agromen a xestión conxunta e cooperación municipal.


A XESTIÓN DA AUGA, SEN FRONTEIRAS

A xestión da auga baséase nunha realidade territorial distinta das fronteiras administrativas, como son as cuncas hidrográficas.

O ciclo da auga non entende de límites municipais e o que sucede nun punto dun río ten importantes consecuencias augas abaixo noutros lugares.

En Galicia non temos os problemas de auga doutras zonas de España, pero si temos problemas de calidade que obrigan a que debamos sanear e depurar ben para permitir que se capte augas abaixo, ou simplemente, que se poida contar cun río en bo estado.

A realidade física na prestación dos servizos tamén vai, en ocasións máis alá da realidade administrativa, e obriga a cooperar.

En Galicia hai 12 grandes sistemas supramunicipais de abastecemento, 5 deles dan servizo a concellos da provincia de Pontevedra: Baixo Miño, Eiras-Vigo, Pontevedra, o Salnés e o do Barbanza, ao que se conectan os concellos de Valga, Pontecesures e Catoira. En total suman 31 dos 62 concellos da provincia.

Esta é unha realidade que non se pode obviar e o tempo, dunha maneira ou outra, obrigará á colaboración e cooperación entre os concellos que conforman estes sistemas.

A Xunta de Galicia leva investidos nestes sistemas de abastecemento máis de 130 millóns de euros, moitos deles procedentes de fondos europeos, cos que xa non poderemos contar no futuro.

A sostibilidade pasa, pois, inevitablemente por un aumento da eficiencia na prestación dos servizos cun axeitado mantemento das infraestruturas existentes.

Para poder comprender e mellorar a  xestión da auga, adquire gran importancia o marco lexislativo.

A ese respecto, a Lei de Augas de Galicia, impulsada polo Partido Popular e aprobada a finais do ano 2010, outórgalle á Administración Autonómica as ferramentas para xogar un papel facilitador e coordinador na prestación dos servizos do ciclo da auga.
Non se pode seguir como ata agora subvencionando na súa integridade os servizos de abastecemento e, sobre todo, de saneamento e depuración.

Agora, coa crise, aflora un problema da insuficiencia de tarifas, e non hai recursos suficientes para que o ciclo da auga sexa sostible.

Non é razoable que haxa concellos na provincia de Pontevedra onde o prezo medio do ciclo completo da auga sexa de 0,2 €/m3, e noutros se multiplique por cinco.

Ademais, o custo máis baixo adoita corresponderse cos concellos máis dispersos, onde os custos son maiores por habitante, o que desemboca en problemas para a xestión dos servizos e o mantemento das infraestruturas.

O reto de futuro é claro: deberanse prestar os servizos a uns niveis de calidade suficiente. Este é un dos apartados fundamentais da reforma da Lei de Bases de Réxime Local.

E hai dúas opcións, ou deseñar un novo modelo de prestación dos servizos do ciclo da auga, ou que sexa o tempo o que o impoña.

Nós, desde o Goberno galego, apostamos pola primeira, por ser proactivos na colaboración e na cooperación.

Este novo modelo de prestación dos servizos deberá ser traballado de xeito coordinado no Pacto Local da Auga, unha estratexia para unha prestación conxunta entre varias administracións, que a Xunta de Galicia vai desenvolver os vindeiros meses con concellos e deputacións a través da FEGAMP.

Xa se está a traballar en proxectos piloto desa natureza, como:

ü   O Consorcio da Auga do Louro que foi constituído recentemente, e será a primeira experiencia en Galicia de xestión do ciclo urbano completo da auga nun territorio que abrangue varios concellos e que será realidade ao longo de 2013.

ü     Por outro lado, o Consorcio para a depuración de Valdeorras, para a prestación do servizo de depuración nunha zona eminentemente rural. Unha experiencia innovadora, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, e que pode ser extrapolable a outras zonas de Galicia.

Debemos ser conscientes de que estamos no fin dos anos de construción das grandes infraestruturas hidráulicas de Galicia.

A partir de agora, e máis co fin da certeza dos fondos europeos, temos que ser responsables do construído, porque non vai a haber novas subvencións do Estado ou da Unión Europea como as que viñeron no pasado.

Agora somos responsables de deseñar a través da cooperación ese novo modelo de prestación de servizos do ciclo da auga, e non debemos deixar pasar a oportunidade de facelo.


ESTRATEXIA CONXUNTA PARA A XESTIÓN DO LIXO

O incremento dos servizos e a redución da capacidade financeira dos concellos afecta tamén á xestión integral e sostible dos residuos, que foi gañando peso nas últimas décadas polos cambios nos hábitos de consumo.

O reducido tamaño dos nosos concellos agrava as dificultades para asumir esta competencia, que pode chegar a custar o triplo nun concello menor de 5.000 habitantes que nun de máis de 100.000.

Ademais, a dispersión preséntase aquí tamén como un factor determinante, que encarece enormemente a recollida e xestión de residuos.

Debemos ter moi presente que este momento de dificultades non exime do cumprimento dos compromisos asumidos, como os obxectivos en materia de prevención e reciclaxe, establecidos pola normativa europea e estatal.

Por iso, estamos obrigados a facer máis con menos e, por iso, é o momento de buscar para a xestión do lixo novas solucións de cooperación, desde unha perspectiva flexible e aberta, co obxectivo final da eficiencia.

Desde o Goberno galego adoptamos esa filosofía no desenvolvemento do Plan de Xestións dos Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, na procura da súa efectiva aplicación seguindo a Directiva Marco europea, cun incremento da planificación territorial e o impulso de novos instrumentos para xestión sostible dos recursos.

E, tamén neste ámbito, cun apoio decidido ás entidades locais que constitúan pola súa propia vontade novos instrumentos de colaboración e xestión na procura dunha maior eficiencia ecolóxica e económica.

A Xunta de Galicia realizou o ano pasado un estudo en nove concellos rurais para avaliar as melloras que se derivarían das prestación conxunta do servizo de recollida de lixo.

O estudo pon de manifesto que a xestión compartida deste servizo, optimizando a dotación de colectores, as rutas e as frecuencias de recollida dos distintos tipos de residuos, permite reducir os custos, acadando un aforro para os concellos de entre un 15% e un 25%, en función das características propias de cada territorio.

Este aforro provén principalmente dunha maior eficiencia das rutas de recollida, unha optimización dos tempos do persoal de recollida e unha optimización dos medios de transporte cos que se conta.

Esa vontade de colaboración está a promovela e canalizala tamén a Deputación de Pontevedra, a través dun Plan de Xestión de Residuos, que se mostra como unha opción intelixente, que garantirá a mellor coordinación e o aproveitamento das vantaxes das economías de escala.

O servizo que propón a Deputación, coa colaboración da Xunta de Galicia, nace coa idea de unificar a calidade do servizo en todo o ámbito provincial. Para que isto sexa posible, é preciso eliminar prácticas como a subvención das taxas dos servizos de xestión de residuos.

A Xunta tamén vén colaborando cos concellos coa execución de obras como o selado e clausura de vertedoiros ou a construción de puntos limpos, como as que se van desenvolver proximamente en Mos e Nigrán.

Sabemos do impacto deste tipo de obras nas arcas municipais e, por iso, está previsto continuar coa ampliación da rede de infraestruturas naqueles concellos adheridos ao Plan provincial.


O PAPEL DAS DEPUTACIÓNS NA COOPERACIÓN

Neste tramo final da ponencia, paréceme xusto resaltar o papel que as deputacións, frecuentemente cuestionadas, realizan no eido da cooperación, con tarefas rara vez recoñecidas, pero esenciais para asegurar o acceso da poboación a servizos mínimos nos concellos de pequeno e mediano tamaño.

Un labor tradicional e de futuro que se veu desenvolvendo a través dos plans provinciais de cooperación municipal.

Certamente avogamos por unha redefinición do papel da deputacións, pero principalmente para potenciar o seu labor de asistencia e cooperación aos concellos, especialmente os de menor tamaño e menores recursos.


CONCLUSIÓNS

A experiencia demóstranos que, vencidas a reticencias iniciais, a cooperación móstrase como a mellor solución para garantir o presente e asegurar o futuro da prestación dos servizos públicos.

É preciso que entre todos asumamos este reto a todos os niveis e en todas as administracións onde teñamos capacidade de decisión e alí onde non a teñamos favorezamos a súa implantación, conscientes de que estamos na boa dirección para darlle resposta ás demandas da cidadanía, atender ás súas necesidades e lograr a maior eficacia, eficiencia e sostibilidade na prestación dos servizos básicos.

Tal e como dixen ao comezo, faise preciso que as administracións reformulemos as nosas pautas de actuación, buscando estruturas que propicien unha maior eficiencia con menores custos e que eviten duplicidades.

Hai que ter moi presente que unha maior eficiencia é garantía para máis e mellores servizos.

Ese é o camiño que debemos seguir desde o Partido Popular nas distintas administracións nas que teñamos responsabilidades. Un camiño no que se optimicen recursos sen perder nin autonomía nin a calidade do servizo.

Con ese obxectivo vimos de aprobar, desde o Goberno galego, un decreto dentro da Lei de Augas, que prima a asociación de concellos para prestar servizos, establecendo a prioridade para as actuacións promovidas por entidades locais supramunicipais, como mancomunidades ou consorcios, que se encarguen da xestión do ciclo da auga.

Un servizo básico, que ao igual que a xestión dos residuos eríxese como materia de cooperación intermunicipal case que obrigatoria, aínda que non son os únicos eidos de actuación, pero si, ao meu parecer estes son inescusables.

Debemos enterrar para sempre o “somos galegos e non nos entendemos”.

Poida que haxa quen non nos entenda, como di o noso himno, pero entre nós sempre nos entenderemos.

E se podemos entendernos temos que esforzarnos por traballar xuntos, por construír un futuro xuntos, por facer unha Galicia cada paso máis forte, máis solidaria e máis sustentable.

Entre todos, polo camiño da cooperación, seguro que o faremos posible.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario