8 de xuño de 2012

REDONDELA


LOUZÁN COMPROMETE O APOIO DA DEPUTACIÓN PARA REMODELAR E MODERNIZAR O COMPLEXO POLIDEPORTIVO DE SANTA MARIÑA CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE UN MILLÓN DE EUROS

As obras consistirán na remodelación total do campo de O Choco; na dotación de céspede artificial a un campo de fútbol once e na construción dunha nova grada con vestiarios na parte inferior



O presidente da Deputación, Rafael Louzán, comprometeuse hoxe a colaborar na mellora e modernización das instalacións deportivas municipais do complexo de Santa Mariña de Redondela nun acto que tivo lugar hoxe no auditorio municipal ó que asistiu o alcalde de Redondela, Javier Bas Corujeira.
Unhas instalacións que o titular da administración provincial visitou en distintas ocasións nas que puido comprobar que se atopan nun estado deteriorado e que “non están á altura deste municipio que é o cuarto da provincia de Pontevedra”.
A actuación prevista precisará dun investimento de máis de un millón de euros  dos cales 300.000 serían achegados polo Concello e o resto da contía pola administración provincial.
As obras que se pretenden executar dentro desta iniciativa consistirían, en primeiro lugar, na remodelación completa do campo de fútbol existente de herba artificial que se atopa nun estado moi deteriorado. Segundo explicaron os técnicos, “será necesario acometer o reasfaltado da base para corrixir as pendentes xa que as actuais non  son as adecuadas”.
Así mesmo, acometeríase a demolición da grada actual para, posteriormente, proceder á construción dunha nova que albergará novos vestiarios na súa parte inferior. Este proxecto, contemplaría a maiores a completa transformación dun campo de terra de fútbol once que será dotado de céspede artificial cunhas dimensións de  100x55 metros. Xa para rematar, ambos campos serían dotados do equipamento básico de porterías de fútbol once e de fútbol sete; un xogo de banderíns de córner; Bancos de suplencia; marcador, e o sistema de rego.
O presidente da Deputación destacou que “a obra suporía unha reforma profunda do complexo Polideportivo de A Mariña e incluiría actuacións que posibilitarán a adecuación e modernización, mellorando tanto a súa funcionalidade como a imaxe externa”.
 Así mesmo, o titular da institución provincial puxo de relevo que este proxecto, sumado á remodelación profunda do Pavillón Polideportivo de Chapela cun investimento de 485.737,56 euros (a Deputación financiará 346.384,75 € e o Concello 139.352,81 euros) “suporá un antes e un despois para as infraestruturas deportivas municipais, e sobre todo unha transformación que é necesaria e moi demandada polos distintos sectores da cidadanía redondelá”.
O alcalde de Redondela, Javier Bas, agradeceu a “sensibilidade da Deputación” e manifestou que se tratan dunhas infraestruturas “moi necesarias” para o municipio. Neste senso, confía en que o proxecto “se poda levar a cabo o antes posible”. Tamén o rexedor puxo de relevo a mellora que esta remodelación suporía para todas as categorías de fútbol base que entrenan nestes campos, así como para o Choco que xoga en Preferente.
A maiores a Deputación pretende colaborar no futuro co Concello de Redondela nunha unha segunda fase de actuacións para dotar a esta zona multi deportiva de instalacións para a práctica doutros deportes. Así, por exemplo, de cara ó futuro a intención será dotar este lugar de pistas de Tenis, de pádel e tamén dunha zona para a práctica do Skate.
En momentos coma o actual “é fundamental aproveitar os recursos ao máximo, sacarlle partido ao que xa temos”, dixo Louzán, quen tamén recordou que a Deputación Provincial “aposta forte pola cultura e o deporte” ó considerar que “non é un gasto, é un investimento de futuro, é unha aposta polo pleno desenvolvemento dos nosos nenos e mozos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario