PRETO DE 500 ASOCIACIÓNS PARTICIPARÁN ESTE ANO NOS PROGRAMAS PENSA EN TI E
TI TAMÉN CONTAS
A Deputación adxudicou a organización de actividades formativas e culturais dirixidas a asociacións e colectivos de toda a provincia
Unhas 500 asociacións de toda a provincia participarán este ano nos
programas Pensa en Ti e Ti tamén contas, cos que a Deputación
provincial de Pontevedra quere apoiar e revitalizar a labor dos colectivos
sociais existentes nos distintos concellos da provincia, ao tempo que contribúe
á mellora da calidade de vida dos maiores e a promover a igualdade entre homes
e mulleres.
A Xunta de Goberno acordou hoxe a adxudicación dos cursos que se
desenvolverán ao abeiro destes programas ás empresas Estratexia Plus S.L e Formagal,
Formación e Servicios SL, cunha achega global da Deputación de 513.000 euros.
Estratexia Plus encargarase da organización das actividades do programa Ti tamén contas, ao que a Deputación
destinará 129.600 euros e que vai dirixido especialmente a entidades que
traballan con persoas maiores.
O obxectivo deste programa é o fomento de actitudes positivas para o
desenvolvemento do maior no seu entorno social e familiar, evitando procesos
depresivos, illamento, e lograr a participación e cooperación social.
Trátase dunha actividade que conta cun notable éxito e no que cada ano se
incrementa o número de participantes, que pasou das 30 asociacións en 2005 ás
114 de 2011. A previsión para este ano é que sexan en torno aos 138 colectivos
os que se beneficien destas actividades, que abarcarán as áreas de Desenvolvemento
persoal e saúde; Arte e manualidades; Cultura tradicional; Informática; Área
Informativa e Área de discapacidade.
Máis de 7.000
persoas no programa Pensa en Ti
En canto ao programa Pensa en Ti,
unhas 7.200 persoas, a través de 358 asociacións, participarán este ano no
programa, ao que a Administración Provincial destinará unha achega total de 383.400
euros.
O obxectivo central deste programa é fomentar a participación e cooperación
social e promover a igualdade entre homes e mulleres.
A empresa Estretexia Plus
xestionará as actividades nas comarcas do Condado-Paradanta, Pontevedra,
Caldas, Baixo Miño e na área sur de Vigo; mentres que Formagal, Formación e Servicios o fará nas zonas de Vigo Norte e Centro
e nas comarcas de O Morrazo, Tabeirós, Deza
e o Salnés.
Este ano, como novidade e coa intención de implicar aos homes no traballo a
prol da igualdade e da promoción da muller, establécese unha reserva do 20% das
prazas para os homes.
En total poderanse organizar cursos de 130 especialidades diferentes,
agrupados nas áreas de desenvolvemento persoal e saúde física e mental; desenvolvemento
profesional (con especialidades de novas tecnoloxías, idiomas, servizos na
empresa e servizos ás persoas); formación para a igualdade entre homes e mulleres;
cultura tradicional, música e baile; manualidades, arte e bricolaxe; e cociña,
agricultura e elaboracións artesanais.
Tanto no caso de Pensa en Ti como
en Ti tamén contas, este ano e dada a
situación de especial dificultade económica, establécese o cofinanciamento das
actividades, de forma que os participantes nos cursos que se organicen terán
que contribuír con 6 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario