

Os estados europeos deben tomar medidas concretas para axudar a pechar Guantánamo
Importantes organizacións de dereitos humanos pediron hoxe aos estados europeos que acepten a presos do centro de detención de Guantánamo de EE.UU, que non poden ser devoltos aos seus países de orixe por medo a seren torturados ou a outras violacións de dereitos humanos.
No oitavo aniversario dos primeiros traslados a Guantánamo, as organizacións instaron a outros países, incluídos Alemaña, Finlandia, Suecia e Luxemburgo, a que fagan máis para axudar ao traslado duns 50 homes que se atopan nesa situación, que seguen atrapados despois de varios anos de detención ilegal.
“Malia que algúns países xa tomaron a iniciativa, é decepcionante que só algúns gobernos europeos deran un paso adiante para axudar aos que necesitan protección”, manifestou Sharon Critoph, responsable de acción de Amnistía Internacional sobre os EE.UU. “Entre os gobernos que non prestaron axuda están os que, con anterioridade, expresaran os seus desexos de que o peche de Guantánamo fose adiante”.
Reprieve, o Centro de Dereitos Constitucionais (Center for Constitutional Rights) e o ex preso de Guantánamo, Moazzam Begg da organización Cage Prisoners, comezan hoxe unha xira por Europa para instar a más estados que lle ofrezan a estes homes un refuxio seguro. Seccións nacionais de Amnistía Internacional acollerán esta xira.
Estes homes permanecen presos polo simple feito de non ter un lugar seguro onde ir. Foron abandonados en Guantánamo. A súa difícil situación representa un dos obstáculos máis grandes para o peche do centro de detención.
Varios estados europeos deron xa o encomiable paso de ofrecer un refuxio seguro a estes presos, en conformidade cos obxectivos do acordo conxunto entre a UE e os EE.UU para pechar Guantánamo. Entre estes figuran Francia, Irlanda, Portugal, Hungría e Bélxica. Neste aniversario tan importante, grupos defensores dos dereitos humanos instan a outros Estados a facer o mesmo.
Os homes proveñen de países como Libia, Tunisia, Siria, China e Rusia, onde, no caso de seren devoltos, correrán un gran risco de ser vítimas de torturas ou doutras violacións de dereitos humanos.
O goberno estadounidense estivo á procura de países seguros dispostos a ofrecer a estes homes a oportunidade de reconstruír as súas vidas e é o principal responsable de atopar solucións para os que se atopan detidos en Guantánamo.
A comunidade internacional, que en reiteradas ocasión fixo chamamentos para que se pechase o centro de detención, pode sen embargo axudar a facer realidade este obxectivo ofrecendolles un refuxio seguro a estes homes.
Guantánamo segue a ser un marcado símbolo da inxustiza. Grupos defensores de dereitos humanos expresaron a súa preocupación polo feito de que estas instalacións de detención permanezan abertas pasado o 22 de xaneiro de 2010, data prevista para o peche, segundo o compromiso do presidente estadounidense Barack Obama. A non ser que haxa máis países europeos dispostos a axudar, algúns dos presos máis vulnerables expóñense a un grave risco de ser sometidos a abusos en caso de seren devoltos.
“A década pasada viu a deterioro do estado de dereito e do respecto internacional polos dereitos humanos. Guantánamo representa todos os erros do pasado e agora debe pecharse”, afirmou Sophie Weller, do Center for Constitutional Rights. “Os homes que permanecen presos porque non teñen un refuxio seguro continúan, día tras día, a pagar o prezo humano froito da dilación e da inacción para conseguir este obxectivo”.
“Moitos gobernos europeos condenaron a detención continuada de presos que se levaba a cabo na Baía de Guantánamo. Agora poden actuar”, dixo Clive Stafford Smith, director de Reprieve. “Neste caso, as accións sí que son moito máis importantes que as palabras. É o momento de converter a retórica en realidade e conseguir que Guantánamo estea pechado o antes posible”.
Información complementaria
As organizacións defensoras dos dereitos humanos acollen con satisfacción as acción dos países que ofreceron a súa axuda –como Francia, Irlanda, Portugal, Bélxica, Hungría-, pero expresou tamén o seu descontento ante os países que non tomaron medidas, en conformidade coa Declaración Conxunta da UE e dos EE.UU sobre o peche da Baía de Guantánamo. Esta declaración, publicada o 16 de xuño de 2009, expresaba a disposición de determinados estados membros da UE a participar na recepción de ex presos tras estudar os casos de xeito individual.
Case sete meses despois da publicación desta declaración, só sete ex presos foron acollidos en Europa como homes libres. Dez máis foron enviados a Palaos e ás Bermudas e dous foron trasladados a Italia para un posible xuízo. Uns 50 aínda precisan protección.
A xira incluirá visitas a varios países europeos -incluídos Luxemburgo, Suecia e Alemaña – que poderían ofrecer un refuxio seguro e apropiado aos presos de Guantánamo, dándolles así a oportunidade de reconstruír as súas vidas.
As organizacións tamén farán un chamamento ás autoridades gobernamentais dos países que xa aceptaron presos para que compartan a súa experiencia e o seu apoio e sexan, así, exemplo de boas prácticas cos seus homólogos nos países que poidan estar considerando facer o mesmo.
Aínda hai 198 prisioneiros detidos en Guantánamo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario