28 de dec. de 2015

A GUARDA

CONVERXENCIA GALEGA CUESTIONA Á LABOR DO EXECUTIVO MUNICIPAL DO CONCELLO, POLA MALA XESTIÓN DO LIXO 

Lixo invadindo beirarrúas na vila de A Guarda
Foto: Converxencia Galega

Infogauda / A Guarda

 Logo de presneta-lo no rexistro municipal de entradas do concello de A Guarda, o concelleiro Celso R. Fariñas, de Converxencia Galega, ven de remesar á redacción deste xornal dixital, a seguinte comunicación:

¡¡O MELLOR DECORADO NAVIDEÑO!!    

 Dende a cutrada de iluminación e do “imposto revolucionario” dos CINCUENTA (50) EUROS, viu a decoración nas rúas, donde polo que sabemos, se pedían voluntarios e cando algunha asociación se ofrecía, si non era da “Tribu Sánchez” non era nin chamada para decirlle que “NON”,…¡¡logo xa intentaremos saber do reparto das propiñas e pluses por participar…!! A seguinte música será que non hai cartos, e unha vez máis, a culpa e do cha, cha, chá. Perdón, da oposición que é moi mala, malísima… 

 As imaxes que aportamos, son unhas nún punto concreto, pero existen máis en lugares de moito tráfico de vehículos e persoas, que o atoparse co “decorado” decían que non podían facerse comentarios “a la ligera pero seus improperios eran de “alto voltaxe” pola imaxe que dábamos nún día en que había bastantes visitantes.

 Sabemos que cando preguntemos polo asúnto, somentes vai haber dúas partes de responsables, os/as veciños/as que non controlan o lixo que verten e non acumulan nas súas vivendas por ser día festivo, e pola outra banda, o persoal municipal que no servicio de recollida non fixo “un esforzo máis forte” para que os xefes quedaran ben. ¡¡Seguro que o responsable do lixo non ten nada que ver no problema!! Bastante fai o pobriño de andar as escondidas a seguilos camións para comprobar se fai “puntualmente” o recorrido,… Claro que o coche o pon o concello, que o del non está para eses trotes…¡¡Canto criticaban o finado Pepe, e non facía nin o 10%  das “chediñas” que fai o interfecto!!  

 Dende Converxencia Galega, rematamos o ano, animando aos/as veciños/as que sigan “tomando nota” dos acontecementos, e recordándolles que nos seguiremos abertos a recollendo tódalas queixas escritas e gráficas que nos fagan chegar, para seguir “aupando” o Sr. Alcalde que siga facendo fotos e saíndo na prensa tódolos días e falando de calquer cousa, incluindo daqueles temas que lle transmiten os veciños e dos que pasan meses sin que lles dé solución.

 A Guarda, a 27 de Decembro do 2.015        

Celso Rodriguez Fariñas 
Concelleiro de Converxencia Galega      


Alcalde-Presidente 
Concelleiro Delegado do Lixo           
Concello de A Guarda  

A GUARDA

Teatro polo Nadal 


Infogauda / A Guarda

 O Nadal de A Guarda ofrece aos seus veciños unha gran oferta cultural para gozar nunhas datas tan especiais. 

 Tras á magnífica representación, a cárrego de Noelia Fernández, Areta Bolado e Ailén Kendelman, de A Panadería Teatro, da obra PAN! PAN! (Premio da Crítica Galicia 2015), hai dúas citas máis. Así, o mércores día 30 de decembro, ás 17,30 horas, está programada a obra de teatro con monicreques LARANXUS 7. 

 As entradas son de balde e pódense retirar desde hoxe o Centro Cultural guardés.

"NOITEBOA", PROTAGONIZADA POR ERNESTO CHAO E MELA CASAL, O DOMINGO DÍA 2 DE XANEIRO


 Por outra banda, o domingo día 3 de xaneiro, tamén no Centro Cutural, será posta en escea á obra NOITEBOA protagonizada por Ernesto Chao e Mela Casal. Esta última función do Nadal terá un prezo por entrada de 4 euros. As entradas poránse a venda no Centro Cultural, dúas horas antes do espectáculo.

A GUARDA

Actividades lúdicas e formativas da OMIX para o 2016  

 Infogauda / A Guarda

 A Omix do Concello de A Guarda, dependente da Concellería de Xuventude, lanza xa a súa primeira proposta de accións formativas e lúdicas para o ano 2016. Os cursos ofertados para estes dous primeiros meses de ano son: portugués, lingua de signos e un obradoiro de calcenecos (obradoiro para realizar bonecos e peluches con material de refugallo).   

 Os dous primeiros teñen un custe de 25€ e a última das accións será gratuíta. 

 Toda a información e inscricións poderase atopar na OMIX, a través do teléfono 986 614 546, no correo electrónico: informacion@aguarda.es ou no perfil Facebook, a partir do día 11 de xaneiro de 2016.

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde reguladora das subvencións do programa ‘Vivendas do Camiño’, que estará en vigor, polo menos, ata 2020 

A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago, cun investimento de 3,2 millóns de euros para o vindeiro ano Os solicitantes poderán financiar con cargo a estas axudas ata o 35 % do orzamento subvencionable das obras, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda 

Estas subvencións permitirán rehabilitar vivendas situadas nun total de 498 parroquias galegas 

O programa inclúe unha partida de 500.000 euros para a adecuación de infravivendas situadas no rural Realizarase unha campaña informativa e divulgativa que percorrerá os 107 concellos integrados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago  

Neste mapa dos "Camiños de santiago", a Xunta de Galicia volta a reiterar seu "esquecemento" do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, que procedente de Portugal entra en Galicia por Camposancos (A Guarda)


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago, cun investimento de 3,2 millóns de euros para o vindeiro ano.  

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde reguladora da subvencións do programa ‘Vivendas do Camiño’, unha medida recollida no Plan rehaVIta, plan de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.  

 O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace pódense consultar as bases desta orde: http://goo.gl/5SDHe4. Ademais, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tamén existe un documento no que se detallan os puntos clave destas subvencións: http://goo.gl/048jkS  

 O programa será xestionado directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e das súas axudas pódense beneficiar as vivendas situadas en 498 parroquias dos 107 concellos polos cales transcorren as sete rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.  

 Os solicitantes destas axudas poderán financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento subvencionable das obras de rehabilitación, cun límite máximo de axuda de 11.000 euros por vivenda.  

 As axudas poderán concederse ás persoas propietarias únicas de edificios ou vivendas, comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, e as actuacións subvencionables deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.  

 Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas unicamente ás vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais poderán acollerse ás axudas todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na ruta. Non se inclúen nestas axudas as vivendas emprazadas noutras ARI xa declaradas.  

 Con este programa, o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular da Comunidade Autónoma, a través da recuperación do patrimonio residencial construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país. Así mesmo, a Xunta entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.  
Campaña de difusión 
 Co obxectivo de estender a cultura da rehabilitación e levar a información das axudas a todos os potenciais beneficiarios delas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha ampla campaña de difusión delas nos 107 concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.  

 Con tal fin están previstas as seguintes actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das diferentes administracións implicadas. 

 A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia: 
 • Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela  
Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense 
Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela • Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela  
Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés  
Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés  
Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía  
Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela  

 Desde a declaración da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago rehabilitáronse nela 130 vivendas, cun investimento público próximo aos 900.000 euros. Estímase que as axudas que se destinarán o vindeiro ano a este programa permitirán rehabilitar no contorno 300 vivendas. 

 Desde 1996, ademais da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago foron declaradas en Galicia outras 66 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias. En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das ARIS máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e do Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARIS, e recibiron tamén axudas autonómicas e estatais para as ditas obras. A achegas da Xunta e do Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación xa mobilizou, desde a súa creación en 1996, un total de máis de 190 millóns de euros.  

TUI

Un operativo de Gardacostas e da Policía Autonómica sáldase co comiso de máis de 1.600 quilos de marisco en Tui 

Requisaron a mercadoría que se transportaba nun vehículo, xa que non estaba debidamente documentada


                                                  Marisco requisado

Infogauda / Tui

 Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar e da Policía Autonómica requisaron máis de 1.600 quilos de marisco nun operativo de control da comercialización realizado hoxe no quilómetro 31 da estrada A-55, á altura de Tui (Pontevedra). 

Marisco requisado


 A actuación desenvolveuse ao longo desta mañá e durante ela os axentes inspeccionaron 24 camións e a un deles requisáronlle 1.464 quilos de ameixa xapónica, 12 quilos de ameixa fina e 175 quilos de percebe por non estar debidamente documentados, xa que na documentación que amparaba a mercadoría non figuraba o seu destino. En total, este produto tería un prezo estimado no mercado duns 19.000 euros.  

 Este operativo enmárcase nos traballos de control de comercialización e transporte nos portos e estradas de Galicia e súmase aos de control da baixamar nas praias na loita contra o furtivismo que desenvolve a Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado e de Galicia. A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización. 

CULTURA

Lara Dopazo Ruibal gaña a primeira edición do Premio Literario Nortear coa obra ‘Clamentina’ 

A Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal promoven o certame para incentivar a creación literaria entre a mocidade galega e do norte de Portugal, así como o intercambio cultural entre os dous territorios 

O xurado concedeulle unha mención de honra ao traballo ‘Coração cheio de nada’, de João Maria Cardoso, que concorreu ao certame xunto cun total de 60 obras  

Infogauda / Santiago de Compostela

 A obra ‘Clamentina’, de Lara Dopazo Ruibal, fíxose coa primeira edición do premio literario Nortear, un certame promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) que ten como principal obxectivo incentivar a creatividade da mocidade escritora de Galicia e do norte do país veciño.  

 O xurado, constituído pola directora da AECT, Maria Geraldes, que participou como presidenta; polos escritores galegos Ledicia Costas e Carlos Arias; e polo editor executivo de Edita-me Editora, Carlos Lopes, destacou a beleza da historia, a través do uso marcadamente literario e persoal da linguaxe, do dominio seguro e orixinal da técnica narrativa e do ritmo da obra, acompañado de dimensión lírica.  

 Xunto con este premio, dotado con 2.000 euros, o xurado tamén decidiu concederlle unha mención de honra pola súa calidade á obra ‘Coração cheio de nada’, da autoría de João Maria Cardoso.  

 Un total de 60 traballos concorreron á primeira edición deste certame, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, nacidos ou empadroados na rexión norte de Portugal ou en Galicia, con obras literarias orixinais e inéditas escritas en lingua galega ou portuguesa, que se encadren no xénero narrativo, no subxénero do conto.  
Proxectos culturais comúns entre Galicia e Portugal 
 O certame literario Nortear –que nace cos obxectivos de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal– enmárcase no memorando asinado o pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro, entre a consellería, a dirección rexional e a agrupación europea, coa finalidade de potenciar a creatividade, a promoción e a visibilidade de proxectos culturais comúns entre Galicia e o norte de Portugal.  

 O diálogo literario entre Galicia e Portugal tamén se intensificou este ano coa iniciativa Conversas Nortear, que ofreceu na súa primeira edición dous encontros entre escritores galegos e mais portugueses, o 22 de novembro en Santiago de Compostela con Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira, e o 7 de decembro con Ana Luísa Amaral e Ramón Caride no Porto.  
Intercambio de fondos bibliográficos 
 Froito do memorando, tamén se materializou o intercambio de fondos bibliográficos destinados a nutrir a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, instalada na Casa Allen, en Porto, onde tivo lugar a rolda de prensa de presentación do certame. En total, a Xunta de Galicia realizou unha doazón de 170 volumes para poñer ao dispor da cidadanía portuguesa obras en lingua galega.  
Fotógrafos portugueses expoñen na Casa da Parra 
 O intercambio expositivo é outra das iniciativas que viron a luz este ano ao abeiro do memorando. Por unha banda, esta iniciativa trouxo a Galicia a exposición ‘Oito espazos para sete miradas’, unha mostra fotográfica con imaxes de autores e autoras lusos arredor do patrimonio catedralicio que se pode visitar ata o próximo 20 de xaneiro na Casa da Parra. Por outra banda, a iniciativa levou a Portugal a mostra ‘Santiago cidade ilustrada’, que reúne ata o 22 de xaneiro no mosteiro de Tibães, en Braga, debuxos e ilustracións de artistas internacionais e galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, David Pintor e Fran Bueno.

27 de dec. de 2015

A GUARDA

A IV REUNIÓN ATLÉTICA SOLIDARIA MOBILIZOU Á CÁSEQUE 200 PARTICIPANTES

Os gañadores absolutos foron Rocío Rodríguez Martínez e Enrique Goce Pereira

Os participantes da carreira absoluta, intres antes de darse á saída 
Fotos: José Antonio González Morais

José Antonio González Morais / A Guarda


 Na mañá do domingo día 27 de decembro, a Rúa do Porto, no municipio de A Guarda foi o punto de encontro dos participantes na IV Reunión Atlética Solidaria, organizada polo concello guardés.

 Escasa participación nas categorías dos mais pequenos. A cidadanía de A Guarda non saIu a rúa a facer deporte como se esperaba. 

 Aceptable participación na Andaina, con 42 participantes e na carreira absoluta entraron en meta 70 atletas. Nas categorías menores e proba non competitiva houbo 73 atletas.

O atleta Enrique Goce Pereira, de Baiona, foi o gañador absoluto da IV Reunión Atlética Solidaria

A atleta guardesa Rocío Rodríguez Martínez, foi a gañadora absoluta en féminas


Os gañadores absolutos foron Rocío Rodríguez Martínez e Enrique Goce Pereira. 

 A proba contou coa colaboura das seguintes entidades: Conrazones, Cruz Vermella, San Vicente de Paúl, Club Robaleira, Club Ciclista Guardés, Policía Local, Protección Civil, Sociedade Atlética do Trega e voluntarios de tódalas organizacións. 

 Tamén colabouraron Transportes Vicente Martínez, Auto Escuela Eli´s e Restaurante San Roque.

 O concello ofreceulles ós participantes un refrixerio e chocolate quente, e agasallos para os menores. 

 Tódolos participantes doaron produtos alimenticios para os mais necesitados. 

  A Sociedade Atlética do Trega agradece o traballo dos voluntarios xa que sen eles sería imposible realizar este evento. 

 O club Sociedade Atlética do Trega, non dispón de datos oficiais da cantidade de alimentos doados pola cidadanía.

IV REUNIÓN ATLÉTICA SOLIDARIA E ANDAINA CONCELLO DE A GUARDA
Listaxe dos tres primeiros de cada categoría 

Categoría  - Dorsal - Tempo - Ano - Nome - Club

PROMESAS HOMES
1 508 44:09,87 2000 BURGOS ARGIBAY DAVID C A PORRIÑO
2 509 44:40,40 1996 PÉREZ LOMBA SERGIO A GUARDA
3 507 48:27,78 2000 ÁLVAREZ VILLA KEVIN TOMIÑO

SENIORS MULLERES
1 617 40:52,96 1994 RODRÍGUEZ MARTÍNEZ ROCIO GIMNASTICA PONTEVEDRA
2 608 50:00,78 1985 PEREZ PEREZ ANDREA TUI
3 609 55:25,68 1986 SIERPES PEREIRA NATALIA TUI

SENIORS HOMES
1 613 35:53,37 1985 LAGO MONROY ISMAEL MOS
2 625 37:27,18 1991 PIMENTEL GIRÁLDEZ IVÁN OIA
3 614 39:13,02 1988 MARTÍNEZ MARTÍNEZ ANTOLÍN A GUARDA

VETERANAS 35 MULLERES
1 716 47:44,30 1977 CARNERO CARDOSO FANY A GUARDA

VETERANAS 40 MULLERES
1 801 50:14,27 1975 RODRÍGUEZ BAZ EMILIA A GUARDA
2 815 01:01:15,00 1973 VICENTE CADILLA ANA LIDIA A GUARDA
3 816 01:06:56,00 1974 RODRÍGUEZ CASTIÑEIRA MÓNICA OS TORAKKA

VETERANAS 45 MULLERES
1 909 51:34,58 1965 GONZÁLEZ ENRIQUEZ Mª DOLORES BUGALLASMOBLES
2 905 51:36,68 1968 CIVIDANES PORTELA MARIA CAMPOSANCOS

VETERANOS 35 HOMES
1 714 37:54,43 1977 BRANDÓN DOMÍNGUEZ GONZALO A GUARDA
2 712 43:49,78 1976 CIVIDANES VICENTE CARLOS O ROSAL
3 711 44:45,96 1976 CARRERO ÁLVAREZ PABLO O ROSAL

VETERANOS 40 HOMES
1 802 35:19,21 1974 GOCE PEREIRA ENRIQUE BAIONA
2 803 36:01,34 1974 FERREIRA GONZÁLEZ JOSÉ CARLOS ALCALÁ HENARES
3 818 37:26,84 1973 BURGOS REY JOSÉ ANTONIO TOMIÑO

VETERANOS 45 HOMES
1 907 40:16,58 1968 PUGA PEQUEÑO DIEGO TORRELODONES
2 914 42:46,34 1969 ALONSO DA COSTA JULIO A GUARDA
3 924 44:02,93 1970  MONTERO FERREIRA XESÚS E. A GUARDA

GALICIA

En concreto, contempla un total de 24 obxectivos operativos e 185 actuacións 

A Xunta avanza cara á aprobación definitiva da nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) 2016-2020 coa publicación do borrador e a apertura da fase de alegacións 

As entidades do sector poderán manifestara súa opinión e realizar achegas e suxestións antes do día 23 de xaneiro de 2016 coa fin de completar e enriquecer un texto que é o resultado dun proceso de participación activa e coordinada de todos os departamentos da administración autonómica 

A EGIA estrutúrase en catro liñas estratéxicas destinadas á promoción dos dereitos e a participación; ao dereito a un crecemento equilibrado e saudable: á intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social; e á mellora da calidade do sistema e a práctica institucional


Infogauda / Santiago de Compostela

 A partir de mañá luns 28 de decembro, o texto do borrador da Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) 2016-2020 poderá consultarse na páxina web da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Deste xeito, a Xunta de Galicia dá un novo paso cara a aprobación definitiva do plan integral para mellorar a eficacia na asistencia e na protección aos menores no territorio da Comunidade Autónoma, cuxo borrador será aprobado proximamente no Consello de Goberno. O borrador da EGIA está dispoñible na páxina web da Consellería de Política Social, no seguinte enlace: http://benestar.xunta.es

 Así, queda iniciado o período de consultas ás entidades que traballan directamente no ámbito da infancia e a adolescencia. Coa apertura da fase de alegacións, as entidades do sector poderán manifestara súa opinión e realizar achegas e suxestións antes do día 23 de xaneiro de 2016. O obxectivo deste proceso é completar e enriquecer un texto que é o resultado dun proceso de participación activa e coordinada de todos os departamentos da administración autonómica que realizaron importantísimas achegas, propoñendo medidas concretas fundamentais para dar cumprimento ao principio xeral de transversalidade das actuacións en favor da infancia. Así mesmo, na súa elaboración partiuse dun estudo da normativa de referencia na materia, da revisión das ferramentas de planificación estratéxica a nivel europeo e estatal.  

 Coa formulación desta Estratexia a Xunta de Galicia pretende dar visibilidade ás nenas, nenos e adolescentes como suxeitos activos de dereitos e deberes, recoñecendo o seu dereito a ser escoitados e a participar activamente en todos os ordes da vida. O borrador da Estratexia ten en conta as liñas e directrices fixadas no II Plan Estratéxico Nacional de Infancia e Adolescencia (II PENIA), aprobado polo Consello de Ministros o 5 de abril de 2013, e a Estratexia para os nenos do Consello de Europa (2012-2015). Neste sentido, o documento estrutúrase en catro liñas fundamentais, cada unha cun obxectivo prioritario e varios operativos. En concreto, contempla un total de 24 obxectivos operativos e 185 actuacións. As catro liñas estratéxicas son:  

- A promoción dos dereitos e a participación: Favorecer unha cultura e sensibilidade social a favor dos dereitos e deberes da infancia e a adolescencia, así como a súa participación activa na comunidade e en calquera proceso que lle afecte, tendo en conta as súas inquedanzas, opinións, demandas e propostas; e as diferenzas por motivo de xénero.  

- Un crecemento equilibrado e saudable: Procurar o benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación infantil e adolescente, a través da promoción de estilos de vida saudables e contornos medio ambientais e sociais axeitados, así como mediante a detección e a prevención de factores de risco que comprometan o seu desenvolvemento integral, considerando de forma transversal o enfoque de xénero.  

- A intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social: Desenvolver unha intervención integral que teña en conta as diferenzas individuais, de xénero e os contextos socio-familiares, dirixida a persoas menores de idade que se atopen en situacións de gran vulnerabilidade, incluídas aquelas que sexan responsables penalmente segundo a lexislación aplicable.  

- A mellora da calidade do sistema e a práctica institucional: Reforzar a calidade dos recursos dirixidos á infancia e á adolescencia a través da investigación e do coñecemento, da formación, da capacitación e da cooperación para lograr maiores cotas de benestar, considerando o enfoque de xénero e criterios de eficacia e eficiencia.

GALICIA

Máis de trinta concellos galegos sumáronse xa á campaña de promoción do leite galego de calidade diferenciada Galega 100% 

A Consellería do Medio Rural deseñou unha ampliación desta promoción adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector, co obxecto de xuntar esforzos e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes

Bandeirola co selo Galega 100%, na fachada da Casa do Concello de Friol


Infogauda / Santiago de Compostela

 Máis de trinta concellos galegos incorporáronse xa á campaña de promoción do leite galego de calidade diferenciada baixo o selo Galega 100% que impulsa a Consellería do Medio Rural. Deste xeito os entes locais súmanse aos esforzos de promoción que está levando a cabo a Xunta para fomentar o consumo deste leite entre os consumidores. Coa incorporación destes municipios, e doutros que se van sumando progresivamente á campaña, ponse en valor a importancia desta promoción como apoio ao lácteo galego, co obxectivo xeral de impulsar e fomentar o sector agroalimentario de Galicia. 

 En Galicia hai moitos concellos con intereses leiteiros, polo que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza e, deste xeito, contribuír a mellorar os beneficios económicos dos produtores de leite e o seu nivel de vida. Por este motivo, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña Galega 100% adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector, co obxecto de xuntar esforzos e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes. Así, a Consellería do Medio Rural pon á súa disposición o deseño do material promocional totalmente de balde, para que desde os municipios o reproduzan da maneira que desexen e que consideren axeitada.  

 Esta acción promocional da man dos concellos complementa as actividades levadas a cabo por toda Galicia pola propia Xunta. Entre elas cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos e feiras agroalimentarias.  

 Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. A materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.  

 A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.  

VIGO

O Chuvi terá un membro no tribunal para a acreditación europea de especialistas en cirurxía de mama 

O doutor Gonzalo de Castro foi designado como examinador para as probas a cirurxiáns que se celebrarán o próximo mes de marzo 

É un dos dous cirurxiáns de mama que en España dispoñen da acreditación que outorga a Unión Europea de Médicos Especialistas (UEMS) 

“É un recoñecemento ao traballo de formación que se realiza na Unidade de Mama de Vigo, que se converteu xa nunha referencia a nivel nacional”, afirma Gonzalo de Castro

O doutor Gonzalo de Castro foi designado como examinador para as probas a cirurxiáns que se celebrarán o próximo mes de marzo

Infogauda / Vigo

 Un recoñecemento a nivel europeo do traballo que desenvolve en Vigo a Unidade Patoloxía e de Cirurxía de Mama do Chuvi. Así pódese calificar o nomeamento do doutor Gonzalo de Castro como membro do tribunal examinador para a obtención do próximo “Board Europeo de Cirurxía Mamaria”, cuxas probas se celebrarán en Amsterdam no mes de marzo.   

 Gonzalo de Castro examinouse do citado “board” no ano 2012 e, desde entón, é un dos dous cirurxiáns de mama que hai en España con esa cualificación europea. Agora, a presidenta da división de cirurxía mamaria da Unión Europea de Médicos Especialistas (UEMS), a doutora finlandesa Marjut Leidenius, comunicoulle que foi seleccionado como membro do tribunal que examinará aos candidatos na convocatoria de marzo de 2016.  

 A UEMS é o organismo representativo das Sociedades Nacionais de Especialidades Médicas na Unión Europea. Na década dos anos noventa decidiuse a implantación de certificacións ou “boards” para unificar a formación e capacidades das diferentes especialidades, e acreditar como especialidades determinadas áreas médicas que en moitos países non están recoñecidas como tales.  

 A acreditación do “board” supón, na práctica, evitar que os profesionais que contan con esa acreditación teñan que facer probas de convalidación para exercer a súa especialidade noutros países europeos. En definitiva, é unha acreditación profesional que permite unha maior mobilidade de especialistas entre os distintos países de Europa, sobre todo nos que, como é o caso de España, non están recoñecidas.  
500 intervencións anuais de mama 
“Desde o ano 2012 formo parte do grupo de traballo da división de Cirurxía de Mama da UEMS. É un mérito, pero é o recoñecemento europeo ao traballo que facemos na Unidade de Patoloxía de Mama do CHUVI que, podemos afirmar, é referencia a nivel nacional en intervencións e reconstrucións”, afirma o doutor Gonzalo de Castro. Na Unidade de Patoloxía Mamaria do CHUVI realizáronse 498 intervencións cirúrxicas no ano 2014, fundamentalmente cirurxía oncolóxica e reconstrutiva para tratamento do cancro de mama, e en menor medida para tratamento de patoloxía benigna.  

 En España, a cirurxía de mama non está recoñecida como subespecialidade ou área de capacitación específica, aínda que hai unidades con alta especialización nos grandes hospitais. Por iso é polo que unha forma de recoñecemento sexa precisamente o Board Europeo de Cirurxía Mamaria, que se implantou no ano 2010.  

 Gonzalo de Castro recoñece que “o máis importante é a labor de formación que aportamos no noso equipo multidisciplinar. Dende a creación da unidade en 2010 formáronse en cirurxía de mama médicos residentes de cirurxía e xinecoloxía da nosa área, doutros hospitais da comunidade, de fora de Galicia e tamén de Portugal”. 

 Esta Unidade tamén colabora coa Asociación Española de Cirurxiáns mediante a realización anual de cursos teórico-prácticos, e mediante un convenio do SERGAS e do CHUVI coa Universitat de Barcelona, todos os anos acoden para formarse alumnos do Máster de Senoloxía e Patoloxía Mamaria desta Universidade (o máster de maior prestixio desta materia a nivel europeo).

CULTURA

A toponimia e a lingua formarán parte esencial do patrimonio cultural inmaterial na nova lei autonómica que agora comeza a súa tramitación parlamentaria

Entre as novidades máis importantes que ofrece a lei atópase a regulación do patrimonio inmaterial e a inclusión de novas perspectivas de protección non desenvoltas con anterioridade, como son o patrimonio subacuático, o industrial e o científico e técnico

Infogauda / Santiago de Compostela

A nova Lei do Patrimonio Cultural inclúe dúas novidades significativas respecto da vixente: a regulación nun título específico do patrimonio inmaterial, cun tratamento diferenciado para a lingua galega e a toponimia; e a inclusión de novas perspectivas de protección patrimoniais non desenvoltas con anterioridade, tales como o patrimonio subacuático, o industrial e o científico e técnico. A norma legal que agora comeza a súa tramitación parlamentaria, foi consensuada cos principais axentes e institucións culturais e civís e someteuse a un profundo proceso de participación pública, recibindo un total de 484 alegacións de máis de 60 entidades.  
 A toponimia e a lingua 
 A nova norma analiza e inclúe de xeito específico tanto a toponimia como a lingua galega. No caso da primeira, a Xunta velará, conxuntamente con outras institucións, pola preservación da toponimia tradicional, que ten a consideración de valor identitario da Comunidade Autónoma, así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens. O Goberno adoptará nas súas actuacións administrativas as indicacións e recomendacións dos organismos internacionais.  

 E, no caso da segunda: o galego, aínda que a lingua como elemento identitario ten a súa regulación específica na Lei de Normalización Lingüística, no actual proxecto de lei recoñécese de xeito expreso como canle pola que vehicular o noso patrimonio inmaterial, que inclúe as tradicións e expresións orais; a toponimia; as artes do espectáculo; os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; así como as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.  
 A salvagarda do intanxible 
 Por primeira vez, na Lei prevese que as administracións públicas integrarán a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial nos seus programas de planificación, especialmente mediante os programas educativos e de sensibilización, adecuados para o recoñecemento, o respecto, a difusión e a valorización deste patrimonio na sociedade, nos que a infancia e a xuventude ocuparán un lugar relevante. Na lei tamén se adoptan as definicións e criterios do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, recoñecendo o papel activo das comunidades na súa protección e sostemento. 

 Neste sentido, a administración autonómica fomentará estudos científicos, técnicos e artísticos; e adoptará as medidas de orde xurídica, técnica, administrativa e financeira adecuadas para favorecer a xestión do patrimonio cultural inmaterial, garantir o acceso e informar das ameazas que pesa sobre el e das actuacións de salvagarda recomendadas.  
 Unha salvagarda activa e participativa  
 A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial garantirase de xeito colaborativo a través da identificación, documentación, investigación, protección, promoción, valorización e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos, vertebradores da identidade de Galicia. En consecuencia, fomentarase a participación das comunidades, os grupos e organizacións entre cuxos obxectivos figure o fomento e o desenvolvemento da cultura, así como das institucións representativas, académicas e científicas pertinentes.  

 Así mesmo, a Xunta fomentará medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia que se manifeste fóra do seu territorio, en especial en Iberoamérica, e onde exista unha presenza de comunidades galegas ou de expresións culturais comúns e compartidas, en particular na área da lusofonía, e recoñecerase a contribución dos artistas, axentes culturais, comunidades e organizacións que traballan en prol do patrimonio.   
Protección do patrimonio cultural inmaterial 
 Os bens do patrimonio cultural inmaterial que resulten singulares e relevantes poderán ser declarados bens de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, co obxecto de xerarquizar e priorizar as medidas de salvagarda que deban ser establecidas.  

 No ámbito dos bens do patrimonio cultural inmaterial que sexan declarados bens de interese cultural ou catalogados poderán identificarse e recoñecerse aos ‘Mestres’, que son aquelas persoas que se signifiquen pola súa especial contribución para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e a transmisión dos seus valores; as ‘Comunidades’, aqueles grupos que manteñen vivas as expresións deste patrimonio; e ‘Organizacións’: entidades culturais sen ánimo de lucro que teñen entre os seus obxectivos favorecer a conservación e salvagarda patrimonio cultural inmaterial.  

 Adicionalmente, na identificación dos bens do patrimonio intanxible relacionaranse os bens materiais que pola súa especial vinculación ao ben inmaterial resulten relevantes para a conservación do seu carácter e valores e que, en consecuencia, deben ser obxecto de protección. Ademais, se se considera necesario, protexeranse os espazos e lugares importantes para a memoria colectiva como soportes indispensables nos que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse.  
 Novos patrimonios 
 Para rematar, a nova norma dotará dunha regulación específica a novas perspectivas de valoración e protección dos bens patrimoniais que no momento da redacción da lei do 1995 non estaban desenvoltos nin regulados en extenso no eido internacional. Así, mellorarase a protección nos ámbitos do patrimonio inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico e técnico.  Deste xeito, entre os bens que integren o patrimonio arqueolóxico subacuático incluiranse ex lege os pecios anteriores a 1901 somerxidos no mar territorial de Galicia e definirá uns principios claros de actuación acordes coa Convención da UNESCO que rexe na materia. Así mesmo, a Xunta de Galicia redactará unha carta na que consten os xacementos subacuáticos aos que se refire esta sección.  

 Os bens que integran o patrimonio industrial serán os mobles e inmobles, así como os territorios e paisaxes asociados, que constitúan testemuños significativos da evolución das actividades técnicas cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico. Para este incluirase a presunción de valor segundo criterio de datación, o que garante unha maior seguridade xurídica, e asumirase igualmente a metodoloxía de actuación dun importante instrumento de xestión como é o Plan Nacional de Patrimonio Industrial.  

 Finalmente, os bens que integren o patrimonio científico e técnico serán os bens e coleccións de valor relevante que as ciencias empregaron para xerar e transmitir o saber, incluídos os instrumentos e aparatos científicos, as coleccións de animais e vexetais, minerais, figuras plásticas para o estudo anatómico humano ou animal, modelos planetarios, cristalográficos ou xeométricos. Neste a avaliación realizarase de xeito singular e en función da natureza dos bens.

GALICIA

A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará a partir de mañá ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e de fortes ventos en distintas zonas de Galicia 

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web 


Infogauda / Santiago de Compostela


 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá, 28 de decembro. 

 Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), comezará a partir das primeiras horas de mañá, con intervalos de vento do Sur e Suroeste de forza 8, e afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. 

 Ademais da alerta de temporal costeiro de nivel laranxa a Aemet avisa dunha alerta laranxa por vento con refachos de ata 100 qm/h que afectará desde primeiras horas da mañá ás catro provincias. En concreto: no noroeste, oeste e suroeste da Coruña, na Mariña lucense, no noroeste, sur e na montaña de Ourense e nas Rías Baixas, zona do Miño e o interior da provincia de Pontevedra. 

 Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. 

 Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

26 de dec. de 2015

A GUARDA

UNHA REIVINDICACIÓN DA CIDADANÍA: DOTACIÓN DE BEIRARRÚAS NA ESTRADA PO-352

Moitas persoas transitan por ela, co conseguinte risco para súa integridade física


Na imaxe, un tramo da estrada PO-352, onde se interrompe á dotación de beirarrúas
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Desde fai uns anos ata hoxendía, a práctica de actividade física ao aire libre, creceu exponencialmente. No termo municipal de A Guarda, hai moitas persoas que a cotío saen a camiñar. Unhas adoitan face-lo por zoas urbanas, e outras seguen rutas alternativas, evitando no posíbel á "presión" do tráfego rodado. Con todo, hai quen sae do núcleo urbán pola Estrada de Circunvalación para "dar a volta o Monte" [Santa Trega], mesmo sabendo que desde á altura do inmoble sinalado co nº 166 (Coordenadas: 41°53'13.3"N 8°52'43.2"W), antes da baixada o núcleo de vivendas de Fonte Quente, ata a zoa de Salgueiró (Coordenadas: 41°88'11.86N 8°86'55.64"W), xa en Camposancos, non hai dotación de beirarrúas. Esa notoria carencia incrementa seriamente o risco de atropelos, xa que apenas hai arcén con suficiente anchura para o tránsito peonil. A mesma situación - carencia de beirarrúas -, acontece na Estrada de Camposancos (estrada PO-352), desde a zoa de Saá (Coordenadas: 41°53'23.6"N 8°51'27.5"W), en dirección o Paseo de Portugal (Coordenadas 41°53'47.5"N 8°51'33.2"W) á altura do chamado cruce da Sangriña. É decir, hai moito perigo para os peóns, tanto para os que a cotío se desprazan desde Camposancos ata á vila de A Guarda, e viceversa, como para os camiñantes que adoitan facer o percorrido  "dar a volta o Monte" [Santa Trega], que antes mencionamos.

 Probablemente o executivo municipal do Concello de A Guarda, ten marcadas outras prioridades na súa axenda, que non dubidamos serán igualmente importantes. Máis coidamos que á dotación de beirarrúas nos tramos que antes mencionamos - e a título orientativo, mesmo sinalamos co maior detalle posíbel -, ben merece que se inclúan entre ás actuacions a acometer o máis axiña que se poida. Por unha razón fundamental: por seguranza para os viandantes, en primer lugar, e mesmo para os conductores de vehículos a motor.

 Tendo en conta que á realización desas infraesctructuras dotacionais conleva á creación temporal de empregos directos e indirectos, para varias persoas, é un argumento máis a favor da demanda desas obras, diante da administración correspondente.

 Polo tanto, sen pretender pedir miragres, que non están os tempos como para iso, instamos o executivo municipal á pór enriba da mesa esa cuestión, a fín de tentar conquerir á dotación das beirarrúas o máis pronto que sexa posíbel. Que non haxa que lamentar desgrazas persoais.

A GUARDA

APRESENTAÇOM DE "FORA DO CONTINENTE"
DOCUMENTARIO SONTE OS ÚLTIMOS HABITANTES DA ILHA DE ONS

29 DEZEMBRO, ÁS 20H00, NO CENTRO SOCIAL FUSCALHO


C. S. Fuscalho / A Guarda

Terça (martes) 29 de dezembro, apresentaçom do documentário Fóra do Continente, com a presença do seu director, Nico Martínez Millán. 

Sipnose
Na era das (tele)comunicaçons e das sociedades 2.0, dous matrimónios convivem durante todo o ano numha ilha da que nom se podem separar. Longe das grandes cadeias de supermercados, da sanidade e da educaçom, Cesáreo, Victoria, Emilio e Chefa resisten-se a abandonar a Ilha de Ons.


Aguardamos-vos!