27 de dec. de 2015

VIGO

O Chuvi terá un membro no tribunal para a acreditación europea de especialistas en cirurxía de mama 

O doutor Gonzalo de Castro foi designado como examinador para as probas a cirurxiáns que se celebrarán o próximo mes de marzo 

É un dos dous cirurxiáns de mama que en España dispoñen da acreditación que outorga a Unión Europea de Médicos Especialistas (UEMS) 

“É un recoñecemento ao traballo de formación que se realiza na Unidade de Mama de Vigo, que se converteu xa nunha referencia a nivel nacional”, afirma Gonzalo de Castro

O doutor Gonzalo de Castro foi designado como examinador para as probas a cirurxiáns que se celebrarán o próximo mes de marzo

Infogauda / Vigo

 Un recoñecemento a nivel europeo do traballo que desenvolve en Vigo a Unidade Patoloxía e de Cirurxía de Mama do Chuvi. Así pódese calificar o nomeamento do doutor Gonzalo de Castro como membro do tribunal examinador para a obtención do próximo “Board Europeo de Cirurxía Mamaria”, cuxas probas se celebrarán en Amsterdam no mes de marzo.   

 Gonzalo de Castro examinouse do citado “board” no ano 2012 e, desde entón, é un dos dous cirurxiáns de mama que hai en España con esa cualificación europea. Agora, a presidenta da división de cirurxía mamaria da Unión Europea de Médicos Especialistas (UEMS), a doutora finlandesa Marjut Leidenius, comunicoulle que foi seleccionado como membro do tribunal que examinará aos candidatos na convocatoria de marzo de 2016.  

 A UEMS é o organismo representativo das Sociedades Nacionais de Especialidades Médicas na Unión Europea. Na década dos anos noventa decidiuse a implantación de certificacións ou “boards” para unificar a formación e capacidades das diferentes especialidades, e acreditar como especialidades determinadas áreas médicas que en moitos países non están recoñecidas como tales.  

 A acreditación do “board” supón, na práctica, evitar que os profesionais que contan con esa acreditación teñan que facer probas de convalidación para exercer a súa especialidade noutros países europeos. En definitiva, é unha acreditación profesional que permite unha maior mobilidade de especialistas entre os distintos países de Europa, sobre todo nos que, como é o caso de España, non están recoñecidas.  
500 intervencións anuais de mama 
“Desde o ano 2012 formo parte do grupo de traballo da división de Cirurxía de Mama da UEMS. É un mérito, pero é o recoñecemento europeo ao traballo que facemos na Unidade de Patoloxía de Mama do CHUVI que, podemos afirmar, é referencia a nivel nacional en intervencións e reconstrucións”, afirma o doutor Gonzalo de Castro. Na Unidade de Patoloxía Mamaria do CHUVI realizáronse 498 intervencións cirúrxicas no ano 2014, fundamentalmente cirurxía oncolóxica e reconstrutiva para tratamento do cancro de mama, e en menor medida para tratamento de patoloxía benigna.  

 En España, a cirurxía de mama non está recoñecida como subespecialidade ou área de capacitación específica, aínda que hai unidades con alta especialización nos grandes hospitais. Por iso é polo que unha forma de recoñecemento sexa precisamente o Board Europeo de Cirurxía Mamaria, que se implantou no ano 2010.  

 Gonzalo de Castro recoñece que “o máis importante é a labor de formación que aportamos no noso equipo multidisciplinar. Dende a creación da unidade en 2010 formáronse en cirurxía de mama médicos residentes de cirurxía e xinecoloxía da nosa área, doutros hospitais da comunidade, de fora de Galicia e tamén de Portugal”. 

 Esta Unidade tamén colabora coa Asociación Española de Cirurxiáns mediante a realización anual de cursos teórico-prácticos, e mediante un convenio do SERGAS e do CHUVI coa Universitat de Barcelona, todos os anos acoden para formarse alumnos do Máster de Senoloxía e Patoloxía Mamaria desta Universidade (o máster de maior prestixio desta materia a nivel europeo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario