28 de dec. de 2015

TUI

Un operativo de Gardacostas e da Policía Autonómica sáldase co comiso de máis de 1.600 quilos de marisco en Tui 

Requisaron a mercadoría que se transportaba nun vehículo, xa que non estaba debidamente documentada


                                                  Marisco requisado

Infogauda / Tui

 Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar e da Policía Autonómica requisaron máis de 1.600 quilos de marisco nun operativo de control da comercialización realizado hoxe no quilómetro 31 da estrada A-55, á altura de Tui (Pontevedra). 

Marisco requisado


 A actuación desenvolveuse ao longo desta mañá e durante ela os axentes inspeccionaron 24 camións e a un deles requisáronlle 1.464 quilos de ameixa xapónica, 12 quilos de ameixa fina e 175 quilos de percebe por non estar debidamente documentados, xa que na documentación que amparaba a mercadoría non figuraba o seu destino. En total, este produto tería un prezo estimado no mercado duns 19.000 euros.  

 Este operativo enmárcase nos traballos de control de comercialización e transporte nos portos e estradas de Galicia e súmase aos de control da baixamar nas praias na loita contra o furtivismo que desenvolve a Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado e de Galicia. A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario